Lunes, 6 septiembre 2010

A AGASP reforza a formación de bombeiros cun curso para persoal de nova incorporación que se inicia esta semana

Enviar por email

O curso pretende que o persoal que se incorpora a servizos de extinción de incendios e salvamento se familiarice co material e procedementos de traballo das intervencións máis habituais...


A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) comezará hoxe luns día 6 un curso práctico para bombeiros de nova incorporación. O curso, organizado no marco dos convenios de colaboración asinados cos concellos de Pontevedra, A Coruña e Ferrol, será organizado polo Servizo de Formación en Emerxencias da AGASP en colaboración cos servizos de extinción dos concellos asinantes.

O curso, dunhas 100 horas lectivas, pretende que o persoal que se incorpora a servizos de extinción de incendios e salvamento se familiarice co material e procedementos de traballo das intervencións máis habituais.

Os cinco módulos que o conforman céntranse na intervención ante sinistros con mercadorías perigosas, excarceración en accidentes de tráfico, extinción de incendios, primeiros auxilios e rescate urbano en altura. Os tres primeiros módulos, que terán lugar nas instalacións da empresa Seganosa S.L. en Salvaterra do Miño, abordarán situacións de risco con simulacros con fogo real e emerxencias por mercadorías perigosas .

Os restantes módulos terán lugar nas instalacións da AGASP na Estrada. Estes centraranse nos primeiros auxilios, especialmente en accidentes de circulación. Para iso contarase con médicos que prestan servizo no 061 en base ao convenio asinado entre a AGASP e a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia.

No último dous módulos, os participantes aprenderán a realizar operacións de rescate en medios verticais, para o que adquirirán coñecementos teórico-prácticos no manexo de cordas, trípodes de evacuación, tornos de rescate e demais elementos necesarios para ese tipo de intervencións. Ademais os últimos días do curso, 23 e 24 de setembro, faranse simulacros de intervencións de rescate en altura.

Formación continua
Ao mesmo tempo a Academia Galega de Seguridade Pública poñerá en marcha no mes de outubro unha serie de cursos de formación continua. Trátase das dúas edicións do curso de incendios de interior que está previsto se desenvolvan do 18 ao 22 e do 25 ao 29 de outubro. O curso, que vai dirixido tanto ao persoal dos parques de bombeiros dependentes directamente dos concellos como ao persoal dos parques comarcais contra incendios e salvamento consta de dúas partes, unha práctica e unha teórica, de 27 e 8 horas respectivamente.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2012 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS