Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Miércoles, 12 de septiembre de 2018 | Leída 16 veces

A Cidade da Cultura será escenario da maior romaría de corais de Galicia con 800 voces cantando xuntas pezas clásicas e populares

Na ‘XV Romaría Coral Galega’ participarán un total de 34 agrupacións de toda Galicia. A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia destacou o encontro como “o máis importante da música coral no noso país”. A Federación Coral Galega a Fundación Cidade da Cultura de Galicia organizan esta edición coa colaboración do Concello de Santiago...

[Img #46663]

 

A Praza Central do Gaiás transformarase nun grande escenario para acoller a XV Romaría Coral Galega o vindeiro domingo 16 de setembro ás 18.30 horas. Case 800 coralistas, procedentes de 34 agrupacións de toda Galicia, encherán de música a Cidade da Cultura, interpretando de maneira conxunta pezas do cancioneiro popular galego e internacional e obras de autores clásicos.

 

A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, e o presidente da Federación Coral Galega, Antonio Rey Cornide, presentaron onte pola mañá o certame no Museo Centro Gaiás, acompañados da concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra.

 

Ana Isabel Vázquez destacou a romaría como “o encontro máis importante da música coral no noso país” e subliñou que esta será a edición “con maior participación de corais na historia da Romaría”. A directora-xerente falou tamén da relevancia que estas agrupacións teñen en Galicia, como un elemento chave na transmisión da paixón e o gusto pola música a través das xeracións. “Algunhas das agrupacións que van participar nesta romaría contan cunha historia de máis de 50 anos e nelas moitas veces comparten o escenario familias enteiras, desde as netas e os netos ata os avós”, afirmou.

 

Pola súa parte, Antonio Rey agradeceu o compromiso da Xunta de Galicia para que este evento se leve a cabo nun escenario tan especial como é a Cidade da Cultura. “A Romaría non é só un espectáculo musical aberto a público de todas as idades, senón tamén unha oportunidade para o reencontro, para coñecer as novas voces que se suman a esta gran familia que somos na Federación Coral Galega, reforzando os lazos de amizade e colaboración que unen aos membros das diferentes agrupacións”. Neste sentido, Antonio Rey remarcou que o encontro dará comezo xa na mañá do domingo 16 de setembro, cunha misa cantada na igrexa de San Francisco, que interpretará a Coral Cantorum Compostellana coa colaboración do organista da Catedral de Santiago e de tres membros da agrupación Cantigas e Agarimos.

 

Entre as pezas que interpretarán as case 800 voces que se reunirán no Gaiás inclúense varias cancións populares galegas, como o Velaí vai ou Eu caseime por un ano, así como habaneras, coros de zarzuela, temas do folclore tradicional africano e obras de coñecidos compositores de música clásica, como o coro Va pensiero da ópera Nabucco, de Giuseppe Verdi. A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela acompañará ás corais en catro pezas do programa e na interpretación do Himno Galego, que porá o broche final ao certame.

 

O domingo 16 de setembro haberá reforzo na liña de autobús urbano que sube ao Gaiás –liña 9– con saídas cada media hora desde Casas Novas a partir das 17.30 horas, seguindo a súa ruta habitual. Finalizado o evento, a partir das 19.30 horas tamén se manterá a frecuencia cada media hora cada hora desde a Cidade da Cultura.

 

Reivindicar o patrimonio cultural

A co-organización da XV Romaría Coral Galega vén reforzar o compromiso da Cidade da Cultura de Galicia coas entidades e colectivos que levan anos traballando na promoción e consolidación do patrimonio cultural galego. Unha aposta que, segundo a directora da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, busca “dar visibilidade e tamén poñer en valor o labor realizado desde a base nestas asociacións”.

 

Neste sentido, a XV Romaría Coral Galega súmase a outras actividades incluídas na programación do Gaiás deste ano 2018 desde as que se reivindica a riqueza etnográfica e musical de Galicia. A modo de exemplo, Ana Isabel Vázquez fixo referencia ao Serán_01. I Encontro Galego de Cultura Popular, que o pasado mes de xuño reuniu a todo o sector do folclore galego vencellado ao canto, a música e o baile tradicionais, e tamén ao III Festival de Bandas Infantís e Xuvenís, no que se deron cita medio milleiro de músicos novos das catro provincias galegas.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress