Este rexistro ten inscritos un total de 740 documentos, dos que 351 anotáronse no presente ano...
Un total de 351 persoas formalizaron, no que vai do 2010, a súa inscrición no Rexistro Galego de Instrucións Previas. Delas, o 63 por cento son mulleres (221), e o 37 por cento homes (130).
Segue, pois, a aumentar o número de cidadáns da nosa Comunidade Autónoma que xa fan uso deste dereito, posto que, a día de hoxe, xa son 740 as persoas anotadas no rexistro (453 mulleres, que representan o 61%; e 287 homes, o que supón o 39%).
Destas 351 persoas rexistradas no que vai de ano, 205 o fixeron na provincia da Coruña, 50 na de Lugo, 12 na de Ourense e 84 na de Pontevedra.
Polo que atinxe ao global, das 740 persoas anotadas ata a actualidade dende que se puxo en marcha o rexistro, 19 teñen entre 18 e 30 anos; 226 entre 31 e 50 anos; 257 entre 51 e 64 anos e, por último, 238 máis de 65 anos.
Dos 351 cidadáns inscritos ao longo deste ano, 78, e dicir o 22%, formalizaron o documento ante notario, e os outros 273 (78%) ante testemuñas. Así mesmo, 318, o que supón o 91%, nomearon un representante, e 33 (9%) non.
Desglosado por meses, abril, con 65 documentos inscritos é o período do 2010 no que máis xente se anotou, seguido de xuño con 57.
Consulta na historia clínica electrónica
Na actualidade, os profesionais sanitarios poden consultar o documento de instrucións previas rexistrado a través da Historia Clínica Electrónica, para que sexa tido en conta naquelas circunstancias nas que sexa preciso.
Asemade, estes profesionais sanitarios e o resto da cidadanía galega dispoñen dunha Guía de Instrucións Previas sobre Coidados e Tratamento da Saúde. Nesta guía, recóllense determinadas situacións clínicas, posibles opcións e indicacións acerca de coidados e tratamentos, e tamén respecto do destino de órganos, tecidos e do propio corpo.
Así mesmo, o Rexistro Galego de Instrucións Previas sobre Coidados e Tratamento da Saúde está integrado no Rexistro Nacional para, deste xeito, contribuír a asegurar a eficacia deste dereito en todo o Estado. Polo tanto, as instrucións previas, con independencia da Comunidade Autónoma, poden ser coñecidas polos profesionais sanitarios aos que, nese momento, corresponda a responsabilidade da prestación da asistencia sanitaria.
Entre as funcións do Rexistro Galego están a de inscribir os documentos, así como a súa substitución ou revogación -que se pode facer en calquera momento-. Ademais, custodia os documentos inscritos ata transcorridos cinco anos do falecemento da persoa outorgante, e facilita o coñecemento da existencia dos mesmos aos profesionais responsables da asistencia sanitaria.
Por medio do documento de instrucións previas, unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade, coa fin de que esta se cumpra no momento en que chegue a situacións nas que non sexa quen de expresala persoalmente, sobre os coidados e o tratamento da súa saúde ou, unha vez chegado o falecemento, sobre o destino do seu corpo ou dos seus órganos.
As solicitudes de inscrición poden presentarse no Rexistro Galego de Instrucións Previas, que se atopa nos servizos centrais da Consellería de Sanidade en Santiago, ou en calquera das súas unidades, nos departamentos territoriais da Consellería na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, así como na unidade de atención ao paciente do Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide de Ferrol.
Toda persoa que o desexe pode dirixirse, ben de forma presencial ou telefónica, a calquera destas unidades, onde se lle proporcionará a información e axuda necesarias, tanto na elaboración do documento como nos trámites para a súa inscrición.
Tamén poderase depositar o documento nos rexistros oficiais ou mesmo nos centros do Servizo Galego de Saúde, que darán traslado para a súa tramitación no Rexistro Galego.
O documento de instrucións previas deberá estar formalizado ante tres testemuñas maiores de idade con plena capacidade de obrar, das que dúas, como mínimo, non poderán ter relación de parentesco ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade, nin estar vinculadas por relación patrimonial, coa persoa outorgante. Tamén se poderá formalizar ante notario, sen necesidade da presenza de testemuñas.