A actividade tomará como argumento ficticio a celebración dun torneo de cabaleiros durante o Ano Santo de 1451...
O prazo para inscribirse no xogo de estratexia e soft-combat ‘O Torneo do Camiño’ xa está aberto. O evento, que está a organizar a Consellería de Traballo e Benestar e que conta cun máximo de 400 prazas, desenvolverase en Santiago o próximo sábado 25 de setembro. Nesta ocasión, a cita tomará como escenario as rúas da zona vella e o Parque de Bonaval. A participación está aberta a persoas de entre 18 e 35 anos e a cota de participación será 12,5€ (10€ presentando o carné xove).
Esta actividade de ocio activo está deseñada para que poidan participar persoas que nunca antes tomaran parte nun evento destas características.
O xogo, de ambientación medieval, toma como argumento ficticio a celebración dun torneo de cabaleiros en Santiago de Compostela, durante o Ano Santo de 1451. A este torneo serán convidados os maiores Señores Feudais da Galicia da época, quen en compaña dos seus exércitos, tratarán de alzarse cunha vitoria que os converterá no rexente deste territorio.
O obxectivo do xogo é dar a coñecer a Historia Medieval de Galicia, a forma de vida das súas xentes, as súas clases sociais, propoñer modelos alternativos de ocio, nos que se fomente a convivencia e o traballo en equipo, e achegar aos mozos e mozas ao fenómeno da peregrinación Xacobea e ao legado artístico, arquitectónico e cultural que a tradición do Apóstolo deixou na cidade de Santiago.
Toda a información que se necesita coñecer para participar, atópase detallada de xeito sinxelo nas diferentes seccións da páxina web www.torneodocamino.org.