O programa de Política Lingüística, dirixido a nenos e nenas de 0 a 3 anos e ás súas familias, chegará a todas as cidades galegas ao longo deste mes...
A Secretaría Xeral de Política Lingüística botou a andar onte a nova etapa do programa dos Axóuxeres. Fíxoo na cidade da Coruña, que acolleu a celebración da primeira festa dos Axóuxeres deste ano. Unha hora de música, cantigas, xogos e tamén palabras que fixo gozar a multitude de familias que se achegaron ao Pavillón Municipal San Francisco Xavier.
Despois da festa da Coruña, que tivo lugar ás 12:00 horas, tocaralle a quenda a Ferrol. Nesta cidade celebrarase mañá, á mesma hora, no Pavillón Municipal de Esteiro, a segunda festa dos Axóuxeres.
Este programa de dinamización lingüística, destinado a nenos e nenas de 0 a 3 anos e ás súas familias, percorrerá as sete cidades galegas durante este mes no seu formato de festas e outras doce localidades no formato de encontros. Ademais, este ano, o programa introduce como novidade os obradoiros, que se levarán a cabo nas mesmas poboacións.
Os Axóuxeres constitúen unha iniciativa coa que Política Lingüística quere favorecer a transmisión do galego no seo da familia. Con este fin, a secretaría xeral creou un espazo de lecer pensado para os bebés, no que, ademais, os pais e nais poidan obter recursos para xogaren despois na casa cos seus fillos e fillas.
As festas dos Axóuxeres: unha hora de música, xogos e palabras
As festas dos Axóuxeres consisten nun espectáculo participativo dunha hora de duración que xunta a música, o teatro e o xogo para animar os bebés e as súas familias a empregar o galego no día a día. Ademais das paradas da Coruña e de Ferrol, as festas chegarán durante este mes de setembro ao resto de cidades de Galicia. A próxima fin de semana estarán en Lugo, o sábado 11, e en Ourense, o domingo día 12. Na provincia pontevedresa, aterrarán o día 18 na cidade do Lérez e o domingo 19 irán a Vigo. Finalmente, a última parada realizarana en Santiago de Compostela, o 25 deste mes.
O papel dos avós na transmisión lingüística
O elemento que centra as festas é un espectáculo que homenaxea os avós e as avoas, en recoñecemento polo seu labor de coidado, educación e transmisión da lingua aos máis pequenos. Na obra, o avó de Eli perdeu o seu caderno. Nel gárdanse os debuxos máis bonitos, as cantigas máis fermosas, os xogos máis divertidos e as adiviñas de cando el era neno. Por iso, Eli vai axudar o seu avó, o actor Xosé Manuel Olveira Pico, a recuperar a súa memoria. Farao coa axuda de Totó, un boneco de cor azul que está a aprender as súas primeiras palabras.
Novo formato: os obradoiros dos Axóuxeres
Ademais das festas, o programa dos Axóuxeres inclúe a celebración dos encontros. Trátase dun formato máis reducido que o das festas co que Os Axóuxeres percorrerán durante o mes de xaneiro un total de 12 localidades das catro provincias galegas.
Ademais, a edición deste ano inclúe como novidade os obradoiros dos Axóuxeres. A través deste formato, que combina un pequeno curso de masaxe infantil, música e cantigas de arrolo tradicionais galegas, Política Lingüística busca darlle continuidade ás festas e aos encontros.
Os Axóuxeres, tamén na rede
As músicas, letras, xogos e demais materiais relacionados coas Festas dos Axóuxeres poden atoparse na rede, no portal da Secretaría Xeral de Política Lingüística, www.xunta.es/linguagalega/axouxeres. Ademais, este ano a actividade terá presenza nas redes sociais, a través dos enderezos www.facebook.com/axouxeres e http://twitter.com/OsAxouxeres.