Nos centros galegos de educación infantil están matriculados 65.572 alumnos e alumnas, e nos de educación primaria son 130.408...
O vindeiro venres 10 de setembro comezarán as clases nos ciclos de educación infantil e primaria para 195.244 alumnos e alumnas. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria resalta que no ano 2010/2011 nas aulas galegas haberá un aumento de case 4.000 estudantes, onde un centenar do alumnado sen nacionalidade española estudará en ambos ciclos.
Educación Infantil
Segundo estimacións da Xunta de Galicia 65.572 alumnos e alumnas comezarán o venres 10 de setembro as aulas de educación infantil. Deles 27.653 están matriculados na provincia de A Coruña; mentres que 25.288 son de Pontevedra; 6.439 de Lugo e 6.192 de Ourense.
Para o curso 2010/2011 están previstas 31.375 prazas de persoal docente na ensinanza con titularidade pública. Destas 15.086 correspóndense con mestres, seguidos por profesorado de Educación Secundaria con 12.279. O resto de postos cúbrenos o profesorado técnico de Formación Profesional (2.180), os docentes de relixión (580 prazas en Primaria, 405 en Secundaria) e outro tipo de profesorado (845).
No tocante ao ensino privado, o número de prazas é de 7.779, repartidas en 7.587 de ensinanzas de réxime xeral, e 192 de ensinanzas de réxime especial.
Xa na educación concertada, o número de docentes previstos para o curso 2010/2011 é dun total de 5.321. Deles, a maior parte so de Educación Primaria (2.252) e Infantil (879).
Evolución na matriculación
Deste xeito para o curso 2010/2011 nas aulas galegas de educación infantil haberá matriculados 399 nenos e nenas que no pasado curso, mentres que no caso de educación Primaria o incremento será de 2.047 novos estudantes.
Ademais a Consellería de Educación recorda que o vindeiro 17 de setembro darán comezo as clases de educación secundaria para preto de oitenta e sete mil estudantes.
Servizos complementarios
O mesmo día do comezo de curso escolar, tanto nos ciclos de infantil como de primaria, empezarán a funcionar os servizos de transporte e os de comedor xestionados dende a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Ademais a Consellería de Educación continuará o vindeiro curso a apoiar o servizo complementario de comedor escolar incrementando nun 10% sobre o ano anterior o importe das achegas económicas destinadas ao cofinanciamento dos comedores xestionados polas asociacións de nais e pais (ANPAS) de alumnos e alumnas de centros públicos non universitarios.
A Consellería de Educación volve deste xeito demostrar o seu interese polo benestar dos estudantes galegos, e pesar da complicada situación económica que se vive nestes momentos fai un esforzo a prol das alumnas e alumnos, incrementando as axudas por segundo ano consecutivo, e ademais aumentando o seu alcance.
Así, no ano académico 2010-2011 haberá máis de 1,2 millóns de euros para apoiar estas asociacións e axudalas a sufragar o custo do menú, a vixilancia e coidado dos alumnos, en especial daqueles con necesidades específicas, e o desenvolvemento de programas de promoción da saúde e habilidades persoais nos comedores.
Ademais, e por primeira vez este ano, estas achegas económicas poderán destinarse a sufragar os gastos ocasionados pola contratación de pólizas de seguros vinculadas directamente á prestación do servizo de comedor escolar.
Este é o segundo curso consecutivo no que a Consellería de Educación incrementa o importe desta axudas, que xa se viron aumentadas nun 10% no pasado ano escolar 2009-2010; e supoñen un 20% máis da contía existente no momento de cambio da lexislatura.