A comunidade autónoma rexistrou un aumento do 12,20% nos viaxeiros aloxados no segmento rural e do 12,66% nas pernoitas en relación ao mesmo mes do ano pasado. Estas subas sitúan os datos deste mes nos máis elevados da década, situación que se repite por terceiro mes consecutivo...
Galicia rexistrou no mes de xullo un aumento do número de viaxeiros aloxados en establecementos de turismo rural do 12,20%, e dun 12,66% no caso das pernoitas, en relación ao mesmo período do ano pasado. Estes datos superan tamén, nun 21,3% e nun 27,7% os valores rexistrados no pasado Xacobeo 2004. Estas subas colocan os datos do mes de xullo de turismo rural nos máis elevados da década, tanto en número de viaxeiros como en pernoitas, circunstancia que se repite por terceiro mes consecutivo. Nun contexto estatal negativo, cun descenso do conxunto de España superior ao 5% no que atinxe ao número de viaxeiros e de case o 3% no que se refire ás pernoitas, Galicia é a comunidade na que máis creceu o número de viaxeiros e a terceira no tocante ás pernoitas.
En canto á procedencia o 87,7% dos viaxeiros aloxados en establecementos de turismo rural neste mes de xullo son españois, mentres que o 12,3% restante corresponde aos estranxeiros. Ambos mercados incrementaron a súa presenza na nosa comunidade en relación ao ano pasado; en concreto, a demanda nacional subiu un 10,4% e o mercado internacional un 27,2%. En termos de pernoitas a distribución por mercados é semellante, 85% corresponde á demanda nacional e 14,4% á estranxeira. No tocante á dinámica respecto do pasado ano a evolución tamén é positiva en ambos mercado, cunha suba do 6,36% no segmento nacional e do 74% no estranxeiro.
No que respecta ao acumulado do ano, que abrangue de xaneiro a xullo, o aumento foi do 10,3% do total de viaxeiros aloxados en establecementos de turismo rural en relación ao mesmo período do ano pasado, e do 17% en comparación cos sete primeiros meses de 2004. Estas cifras son tamén as máis elevadas de toda a década considerando este amplo abano temporal. A dinámica contrasta co observado a nivel nacional, pois o conxunto de España rexistrou un descenso acumulado do volume de viaxeiros do 2,5% en relación a 2009. Nese contexto, Galicia ostenta o segundo maior incremento das comunidades autónomas, por debaixo de Navarra.
As pernoitas en turismo rural incrementaron un 6,6% en relación ao sete primeiros meses do 2009 e un 15,8% en comparación co Ano Santo 2004. Esta dinámica positiva débese ao comportamento do mercado nacional e estranxeiro, que rexistraron subas do seu volume de viaxeiros, nun 9,54% e nun 16,19% respectivamente.
Acampamentos
En canto aos cámpings de Galicia no período xaneiro-xullo rexistrouse un incremento do 11,6% respecto ao mesmo período do ano pasado, sendo a comunidade que experimenta a maior suba no tocante aos viaxeiros, mentres que as pernoitas se situaron nun 1,5% máis.A forte suba do volume de viaxeiros responde ao bo comportamento tanto da demanda nacional, cunha suba do 8,3%, como do mercado internacional, que medrou un 32,20%
No mes de xullo rexistrouse nos acampamentos de Galicia un aumento do 15,7% no que atinxe aos viaxeiros aloxados durante o mes de xullo deste ano en relación ao do 2009, e un incremento do 6% no que respecta ás pernoitas. O comportamento é tamén, neste grupo, máis positivo que o observado no conxunto estatal, onde o número de viaxeiros caeu lixeiramente (un 0,9%) e a suba das pernoitas quedou nun 1,4%.
En canto á procedencia, o 78,2% son nacionais, segmento de mercado que rexistrou un incremento do 11,8% en relación ao pasado ano, en consonancia co observado no mercado estranxeiro, que no mes de xullo rexistrou unha suba do 32,3%.
Apartamentos turísticos
Na categoría de apartamentos Galicia rexistrou no período xaneiro-xullo deste ano un aumento do número de viaxeiros aloxados en apartamentos turísticos do 4,5%, mentres que as pernoitas caeron medio punto porcentual. Así e todo, obsérvase un claro incremento na conxuntura en relación co Ano Santo 2004, de xeito que case se dobra o volume de viaxeiros e se incrementa nun 58% o das pernoitas.
No mes de xullo Galicia rexistrou un incremento case paralelo no caso dos viaxeiros e das pernoitas, cun 10,4% e un 12,1% máis en relación ao mesmo mes do ano pasado, que son as máis altas da década. En ambas variables supérase amplamente as cifras do anterior Ano Santo.