Entre os premiados atópanse os patróns galegos Pedro Campos, José Luís Freire e Carlos Paz así como a Televisión de Galicia, premiada pola súa aposta na difusión do deporte da vela...
O secretario xeral para o Deporte asistiu á entrega dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda 2009 que tivo lugar no Monte Real Club de Iates de Baiona.
José Ramón Lete Lasa acudiu ao acto ao que tamén asistiron o presidente do Club de Iates de Baiona, Rafael Olmedo -que pronunciou o discurso de apertura-, o alcalde de Baiona, Jesús Vazquez Almuíña, o presidente de Bodegas Terras Gauda, José Mª Fonseca , o presidente da Federación Galega de Vela, José Ángel Rodríguez Santos e o comandante doutor da Escola Naval Militar de Marín, Marcial Gamboa Pérez-Pardo.
Premiados
Un dos premios adxudicados foi o galardón ao Mellor Barco ORC 670 de 2009. O gañador foi El Movistar, de Pedro Campos. O patrón galego conta na súa bagaxe con premios como o do Campionato do Mundo da modalidade, así como o Trofeo Presidente Xunta de Galicia, o Trofeo Caixa Galicia ou o Trofeo Príncipe de Asturias, entre outros.
José Luís Freire, alzouse co premio ao Mellor Barco ORC 570 co Farr 39 Pairo 8. O armador e patrón galego, apoiado por timoneis da calidade de Marga Cameselle ou Laureano Wizner, fíxose no 2009 con todas as regatas más prestixiosas da súa división.
O premio ao Mellor Patrón do Año caeu en mans de Carlos Paz, vencedor co Vilagarcía do Campionato do Mundo de Platu 25, disputado en 2009 en Punta Ala, en Italia.
O derradeiro galardón que queda en terra galega é o ‘Premio Mariano Aguado de Comunicación’ para a Televisión de Galicia. Co galardón, o xurado dos Terras Gauda quixo recoñecer a aposta da canle autonómica pola difusión do deporte da vela con programas especializados e conexións nos magazins e informativos.
Outros dos premios entregados no acto foron o galardón ao Mellor Navegante do Ano que levou a catalá Anna Corbella, primeira muller española en participar e completar a Mini Transat, cruzando en solitario o Océano Atlántico. O premio ao Mellor Equipo de Regatas foi para a Fundación por la Navegación Oceánica Barcelona – FNOB. O galardón ao Proxecto do Ano levouno o Charisma, de Alejandro Pérez Calzada e, por último, o premio ao Mellor Club do Ano foi para a Comisión Naval de Regatas de la Armada Española.