Sábado, 4 septiembre 2010

A Xunta organiza na Coruña a primeira ‘Conferencia da Auga’

Enviar por email

Un total de 21 poñentes analizarán a importancia das diferentes dimensións da auga na comunidade galega. Os temas abarcarán desde o saneamento integral das rías ata a influencia da auga no turismo...


Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, organizará a Conferencia da Auga os días 24 e 25 de setembro na Coruña. Este foro pretende concienciar ás persoas de que a auga é un patrimonio que se debe protexer e axudar á educación da cidadanía galega nesta materia, abordando as tres dimensións que a Unión Europea destaca na Directiva Marco da Agua: medio ambiental, económica e social.

A conferencia desenvolverase no Palacio da Ópera da Coruña e acollerá a 21 poñentes. Está dirixida tanto a profesionais, académicos e estudantes das diferentes temáticas como a públicos non especializados nas cuestións da auga pero que poden ter interese profesional ou persoal, como alcaldes, grupos ecoloxistas, asociacións de consumidores, amas de casa ou confrarías de pescadores. Algúns dos asistentes serán Pedro Arrojo, Presidente da Fundación Nueva Cultura del Agua; Marion Hammerl, Presidenta da Fundación Global Nature en España, ou o Catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Francisco Díaz-Fierros.

Celebraranse oito sesións nas que os asistentes poderán presenciar ponencias, charlas e debates sobre auga e sociedade, as novas estratexias para o saneamento integral das rías ou auga e turismo. O 2010 é o ‘Ano Internacional da Biodiversidade’ motivo polo que se dedicarán dúas sesións a este tema.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través da páxina web www.conferenciadaauga.com ou no teléfono 881 105 759. O prezo da inscrición é de cen euros para profesionais, cincuenta euros para entidades sociais e gratuíta para estudantes (prazas limitadas).

Temas que se abordarán
A ‘Conferencia da Auga’ tratará diversos temas que se contemplan nos obxectivos da nova Lei de Augas como son, no aspecto medioambiental, conseguir un uso sostible e racional do recurso; no eido económico, aplicar o principio de recuperación dos custos dos servizos relacionados coa auga así como o do principio de austeridade na administración hidráulica, e no ámbito social, garantir a participación do público en xeral na xestión dos recursos hídricos.

Esta lei pretende acadar o bo estado da auga nos ríos, rías e costa galega, finalidade para a que destina diversos instrumentos como novos modelos de explotación das estacións depuradoras de augas residuais, a creación do “Consello para o uso sostible da auga”, como órgano de participación dos cidadáns e das distintas entidades públicas e privadas vinculados á auga, e un réxime sancionador máis rigoroso cos que contaminen as augas.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2012 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS