Sábado, 4 septiembre 2010

Pilar Farjas visita as distintas obras que o Sergas está a levar a cabo no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago

Enviar por email

A conselleira de Sanidade destacou a próxima realización das reformas que permitirán contar cunha nova unidade para pacientes en estado crítico, así como a ampliación da área de urxencias, cuxas obras sairán a licitación proximamente...


[Img #5009]A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, visitou onte as diversas obras que está a levar a cabo o Servizo Galego de Saúde no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, por un importe de máis de 11 millóns de euros.

A titular da carteira sanitaria do executivo galego supervisou ás obras de remate da reparación das fachadas do Hospital Médico Cirúrxico de Conxo, nas que se está a reformar unha superficie superior aos 14.000 metros cadrados, cun investimento de máis de 6,2 millóns de euros. Esta obra, que está previsto que conclúa a finais deste ano, consiste na reposición total dos elementos de carpintería deste centro, así como a creación dunha capa envolvente que recubrirá toda a superficie exterior, o que conlevará, ademais dun cambio visual e estético, un importante aforro enerxético e de custos de mantemento, así como un maior confort para os profesionais e pacientes e a mellora do illamento acústico.

Así mesmo, a conselleira de Sanidade visitou o Hospital Psiquiátrico de Conxo, onde coñeceu as novas instalacións do Hospital de Día, que foi recentemente mellorado, así como a totalmente reformada Unidade de Rehabilitación, que foi trasladada ao edificio de Hospitalización, e que supuxeron en total un investimento de preto de 400.000 euros.

Próxima licitación da ampliación da unidade de críticos
Na súa estadía no centro sanitario, Pilar Farjas destacou a próxima realización das reformas que permitirán contar cunha nova unidade para pacientes en estado crítico, así como a ampliación da área de urxencias, cuxa redacción do proxecto foi adxudicada o pasado mes de marzo e do que as obras sairán a licitación en próximos días, supoñendo un investimento de ao redor de 1,6 millóns de euros, e un prazo previsto de execución de seis meses.

A conselleira remarcou que esta nova unidade de críticos comprende a creación de 18 postos, así como todos os espazos necesarios de apoio e control para a supervisión e vixilancia desta unidade, coa correspondente área administrativa e despacho de información ás familias.

Ampliación de Medicina Xenómica
A máxima responsable da sanidade pública galega tamén fixo referencia ao estado das obras de ampliación e reforma para a área de Medicina Xenómica, no Hospital Clínico, que teñen un investimento de algo máis de 2 millóns de euros, para unha superficie total construída de máis de 1.700 metros cadrados. A obra, que rematará no último trimestre do ano, dispón que os novos laboratorios organízanse por áreas nas que as diferentes estancias ou laboratorios se agrupen nunha zona destinada á administración, outra a laboratorios de medicina xenómica, ademais dos espazos comúns a todas elas (zonas de traballos, circulacións, aseos, entre outras).

Resonancia magnética e fecundación in vitro
Na súa visita ás instalacións do Complexo Hospitalario da capital de Galicia, Pilar Farjas tamén destacou outro investimento, de máis de 510.000 euros, coa fin de proceder ao acondicionamento de locais para o emprazamento da nova unidade de resonancia magnética deste centro, que acollerá a primeira RM de 3 Teslas de Galicia, que afectará a unha superficie construída de máis de 120 metros cadrados. O prazo previsto de finalización será no último trimestre do ano.

Para rematar, a conselleira de Sanidade non se esqueceu de sinalar outro importante investimento que está a realizar o seu departamento neste centro sanitario, como é o acondicionamento de espazos para o laboratorio de fecundación in vitro, no bloque B do Complexo Hospitalario. Esta obra está previsto que remate no último trimestre do ano, e ten un investimento de máis de 625.000 euros, engadido o equipamento, para un total de preto de 160 metros cadrados. No programa funcional inclúense os espazos de androloxía, área de técnicas FIV, criopreservación, dúas salas de tratamento, e sala de gases medicinais, entre outras dependencias.

Unidade infanto xuvenil
No transcurso desta visita, a máxima autoridade sanitaria galega anunciou que o Servizo Galego de Saúde está a traballar para que, no primeiro trimestre do vindeiro ano, comece a funcionar o que será a primeira unidade de referencia de atención psiquiátrica infanto xuvenil da nosa Comunidade Autónoma. Dita unidade emprazarase no primeiro andar do Hospital Clínico. A tal efecto, antes de que remate o ano, finalizaranse as obras que se levarán a cabo para adecuar os espazos correspondentes.

A unidade disporá de 3 habitacións dobles, 3 individuais, despacho, área de enfermería, sala polivalente e comedor. Está previsto que atenda, co persoal necesario para prestar unha asistencia de calidade, uns 115 ingresos ao ano, en patoloxías relacionadas cos trastornos alimentarios, do comportamento, e de abuso de substancias.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2012 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS