Actuarase nas cubertas dos edificios, fachadas, patios e garaxes, xunto con outras intervencións puntuais...
O Instituto Galego da Vivenda e Solo destinará 303.893,10 euros á realización de obras de reparacións nos bloques 52 e 56 de vivendas de promoción pública emprazados na rúa Tierno Galván, en Cerceda (A Coruña).
O Diario Oficial de Galicia publica onte o anuncio de licitación das obras de reparación que se realizarán nos devanditos bloques de vivendas de promoción pública. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas no rexistro central do IGVS ata o 16 de setembro. O prazo máximo de execución das obras será de tres meses, a contar dende o seu inicio.
As obras afectarán ás cubertas, fachadas, patios e garaxe dos bloques indicados.
Nas cubertas procederase á substitución de tellas rotas, substitución de canalóns e baixantes por outros de maior sección, limpeza e illamento.
Nas fachadas sanearanse e substituiranse as xuntas de dilatación, limparase toda a súa superficie e prepararase para a pintura e posterior pintado de todas as fachadas.
Nos patios repararanse as fisuras existentes en tapas de ventilación de garaxes e posteriormente pintaranse con poliuretano líquido. Tamén se repoñerá e reparará a drenaxe dos mesmos.
Polo que respecta aos garaxes, selaranse as xuntas de dilatación e repararanse os enfoscados deteriorados. Eliminaranse as fisuras existentes nas parades e pintaranse estas e repararase a solera, substituíndo tamén a rella do sumidoiro de arranque da rampla de acceso.
Asemade, tamén se abrirá tódalas arquetas do sistema de drenaxe, limparanse e comprobarase o seu funcionamento. Picaranse os puntos de oxidación para eliminar a súa orixe e reporase o parquet deteriorado nas vivendas.