Os concellos deberán remitir á Consellería do Medio Rural unha relación priorizada das obras a levar a cabo con cargo exclusivamente á achega da Xunta...
A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, vén de comunicar por carta aos alcaldes dos 315 concellos galegos que acometerá en solitario a parte que lle corresponde das obras do Plan Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM) do ano 2010, o que supón un investimento total de 9,5 millóns de euros no conxunto de Galicia.
A execución do PEIM para os anos 2009 e 2010 foi xestionada pola Consellería do Medio Rural en 2008, situándose o investimento global en 55,5 millóns de euros, dos cales 27 millóns correspondían ao ano 2009 e os 28,5 millóns restantes, ao exercicio de 2010. O financiamento do PEIM procedía en dúas terceiras partes deste Ministerio e o terzo restante da Xunta de Galicia.
Nas devanditas cartas, Desenvolvemento Rural comunícalle aos alcaldes que, ao non dotar orzamentariamente o MARM os 19 millóns de euros que lle corresponde aportar ao PEIM 2010, a Consellería do Medio Rural decidiu executar a súa parte das obras. O obxectivo da Consellería é que os concellos poidan atender canto antes as necesidades e urxencias que teñan en materia de infraestruturas e servizos básicos para os veciños do rural.
Relación priorizada de obras
Con tal motivo, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural comunícalle aos alcaldes a contía do investimento adxudicado ao seu concello e solicítalles que remitan o máis axiña posible unha relación priorizada das obras a executar por ese importe.
Convenio 2009
Ao mesmo tempo, Desenvolvemento Rural acláralle aos alcaldes diversos aspectos sobre unha carta que a ministra de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino enviou a todos os alcaldes galegos o mes pasado. De acordo co convenio de colaboración asinado entre a Consellería do Medio Rural e o MARM, dos 27 millóns de euros previstos para o PEIM 2009, un total de 9 millóns foron financiados pola Xunta -xa están contratados e as obras atópanse en execución- e os 18 millóns restantes foron transferidos polo MARM en decembro de 2009. Tras incorporarse aos orzamentos o 31 de marzo e fiscalizarse contablemente en abril, na actualidade a Xunta está a proceder á contratación das obras, conforme á Lei de Contratos do Sector Público e con todas as garantías e prazos necesarios.
Segundo Desenvolvemento Rural, “a pesares de informacións malintencionadas aducindo atrasos, a contratación do PEIM 2009 estase a acometer cos prazos obrigados pola lei e que son semellantes aos dos PEIMs anteriores”.
Coa execución destas obras preténdese mellorar as infraestruturas rurais en todos os concellos de Galicia atendendo as prioridades básicas da poboación.