O secretario xeral para o Deporte vén de reunirse con Artemio Formoso, campión do Mundo de Compak Sporting na categoría de discapacitados, e con Anxo Mosquera, campión de España en superveteranos...
O secretario xeral para o Deporte amosou o seu compromiso coa caza como modalidade deportiva no marco do comezo da tempada desta disciplina.
José Ramón Lete Lasa reuniuse con Artemio Formoso, campión do mundo de Compak Sporting na categoría handisport, e Anxo Mosquera, medalla de ouro no Gran Prix FITASC e campión de España en superveteranos de Percorridos de caza.
Artemio Formoso é Premio Especial Handisport con 122 pratos, -categoría na que participan os deportistas con discapacidades físicas- a nivel español e campión do mundo de Compak Sporting na categoría ‘handisport’. O título acadouno no campionato celebrado o pasado 26 a 29 de agosto en Córdoba e no que participaron máis de 300 deportistas.
Pola súa banda, Anxo Mosquera, Campión de España en superveteranos con 148 pratos, acadou este título no campionato de percorridos de caza disputado no río Sar no concello de Trazo ao superar a 312 tiradores procedentes doutras comunidades autónomas e do estranxeiro de países como Portugal, Suíza, EEUU e México entre outros.
Esta competición, organizada pola Federación Galega de Caza e a Sociedade Deportiva Río Sar, por delegación da Real Federación Española de Caza, é puntuable para a Copa do Mundo Gran Prix.
Os deportistas galegos destacaron neste campionato. En xuvenís, o vigués Manuel Garrido Brito acadaba a 8º posición da categoría con 136 pratos escachados. Na clasificación por Equipos Autonómicos, o equipo galego, integrado polos tiradores Diego Antelo, Antonio Iglesias, Anxo Mosquera e David Seoane, quedaba de 8º con 596 pratos e por último, en veteranos, o baionés Jaime Vilas quedaba 15º con 131 pratos.