Esta publicación e as accións formativas son o punto de partida dun proxecto máis amplo co que a Xunta pretende apoiar de xeito integral aos coidadores non profesionais...
A Xunta leva investidos no que vai de ano preto de 4,5 millóns de euros en diversas actuacións formativas en materia de dependencia. Así o explicou onte a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, durante a prestación do manual de formación básica para coidadores non profesionais, unha guía que tildou de “peza esencial” e punto de partida dun proxecto máis amplo, co que se pretende conseguir un apoio integral aos coidadores non profesionais.
Este manual será acompañado dun curso de formación para os coidadores non profesionais de persoas dependentes. O programa formativo presentado hoxe iniciarase o próximo día 27 e está dirixido a preto de 1.300 persoas coidadoras.
Con esta iniciativa, explicou Mato, dase un paso máis dentro do plan de formación en materia de dependencia posto en marcha pola Xunta, un plan, dixo, que se iniciou o pasado mes de maio coa sinatura dun convenio coa EGAP para formar ao persoal propio da Xunta que traballa na tramitación da Lei de Dependencia.
Con respecto da nova guía, Mato explicou que ten como obxectivo principal prestar axuda aos coidadores non profesionais no seu labor diario de atención aos dependentes. Así, subliñou que o manual pretende converterse “nun aliado práctico e útil” para o traballo destas persoas. “É unha iniciativa na que a Xunta leva traballando meses en colaboración con outras entidades do ámbito social e sanitario”, apostilou.
Para acadar este obxectivo, nos próximos tres meses a Consellería desenvolverá un total de 51 cursos de formación, cada un cunha duración de 15 horas lectivas (10 presenciais e 5 a distancia) para proporcionar unha formación axeitada aos coidadores non profesionais, aos que se lles fará entrega deste manual.
As accións formativas celebraranse este ano en 43 localidades de toda Galicia e beneficiarán, nunha primeira fase, a 1.275 galegos e galegas.
Mato precisou que de cara ao ano que ven irase ampliando o número de persoas beneficiarias para que poidan chegar á totalidade das persoas non profesionais que atenden aos dependentes, preto de 20.000, das que arredor do 86% son mulleres.
Para impartir esta formación, así como para a elaboración do manual, a Consellería de Traballo e Benestar contou coa colaboración da Sociedade Galega de Médicos Xerais de Familia.
O documento consta de catro módulos: o papel da coidadora ou coidador, as pautas a seguir para os coidados, a saúde do coidador e o apoio social nas situacións de dependencia. “Cada un destes apartados quere responder ás preguntas que poden xurdir día a día nos coidados destas persoas e acompañar neste labor aos seus coidadores”, apuntou Mato.
Na última parte do manual recóllense 25 fichas resume das pautas a seguir nas tarefas básicas de coidado, que servirán de guía visual e práctica para o desenvolvemento do aseo, mobilizacións, nutrición, prevención de riscos ou na comunicación. Estas fichas, ademais, distribuiranse tamén en formato dixital.
“O que se pretende, en definitiva, é achegar consellos, respostas, solucións e suxestións para a procura dunha mellora calidade de vida e autonomía persoal dos dependentes, así como fixar unos criterios homoxéneos e validados por profesionais do sector”, recalcou.
Dous manuais especializados
Así mesmo, a titular de Traballo e Benestar anunciou que a Xunta ten elaborados xa outros dous manuais, neste caso específicos. O primeiro deles dirixido para coidadores de persoas con enfermidades de alzheimer, feito en colaboración coa Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Fagal), mentres que o segundo estará destinado ás persoas con patoloxías mentais, en cooperación da Federación de Asociacións Galegas de Familiares con Enfermidades Mentais (Feafes).
Ademais, Mato avanzou que tamén está xa en proceso de elaboración outro módulo dedicado ás enfermidades cardiovasculares.
Por último, a conselleira resaltou a “especial importancia” que ten que este sector acade unha inserción laboral, xa que sinalou que “a atención social estase a converter nun importante nicho de mercado neste século”. Así, apuntou que a Xunta quere abrir “unha vía profesional” a un colectivo, o de coidadores non profesionais, que na súa maioría está formado por mulleres de 40 a 60 anos, de xeito que poida insertarse nun futuro no mercado laboral profesional.
Por elo, destacou que a Consellería de Traballo e Benestar xa puxo en marcha ao longo deste ano un total de 68 cursos de formación en atención socio sanitaria, dos que se beneficiaron máis dun millar de galegos e galegas.
En resume, indicou Mato, o plan de formación para coidadores non profesionais da dependencia é “un proxecto ambicioso e de relevancia para mellorar as prestacións e a calidade de atención dos nosos dependentes”, ao tempo que lembrou que esta iniciativa englóbase na estratexia de mellorar a calidade de atención ás persoas dependentes.