Sábado, 4 septiembre 2010

A Caixa lévase a operación de crédito

Enviar por email

LARACHA. Adxudicada a La Caixa a operación de crédito que permitirá manter o nivel de investimentos...


[Img #4994]LARACHA. Os asuntos incluídos na Orde do Día do Pleno extraordinario da Corporación Municipal celebrado onte venres, día 3 de setembro de 2010, todos eles relativos a cuestións económicas que afectarán ao financiamento de actuacións de investimento durante os próximos meses, foron aprobados por unanimidade por parte dos tres grupos con representación no Pleno.

Como asunto máis importante, acordouse adxudicar á entidade Caja de Ahorros y Pensiones de Barcelona, La Caixa, a operación de préstamo por un importe de un millón de euros. A oferta que presentou esta entidade, que indidca que o prazo de amortización será de oito anos cunha única cota anual e un tipo de xuro de Euríbor a 1 ano + 1,99%, foi a única das recibidas despois de que o Concello invitase a participar no procedemento a todas as Caixas de Aforros e Bancos con oficina no termo municipal da Laracha.

Esta cantidade dun millón de euros permitirá financiar as obras que se detallaron, posteriormente, na aprobación do expediente de crédito extraodinario-suplemento de crédito 02/2010, que son:

  • Ampliación da rede de saneamento nas parroquias de Coiro (núcleos da Ferrulleira, O Coto e Os Muíños), Lendo (Bragunde, O Retorno, O Cruceiro), Lemaio (A Fontaíña e A Fraga) e Vilaño (Marfulo).
  • Ampliación da rede de abastecemento nas parroquias de Erboedo (Reirís e O Igrexario), Coiro (O Cruceiro e Maseo-O Rapadoiro), Torás (substitución dun tramo de tubaxes no casco urbano da Laracha), Golmar (A Tabeira, A Pedra e Fonteseca) e Vilaño (Os Canedos).
  • Substitución, reposición e instalación de novas luminarias, equipos de medida e armarios de iluminación pública no termo municipal.
  • Novas acometidas e retranqueos de liñas eléctricas.
  • Reposición de servizos nos núcleos de Estramil e O Campo.
  • Financiamento das certificacións finais das obras de construción do novo edificio para uso administrativo, pavimentación de camiños en Golmar, Coiro e Montemaior, obras do POS 2009, beirarrúas en Paiosaco e na Laracha.
  • Substitución e instalación de equipos termoeléctricos e de depuración na piscina municipal.
  • Sinalización viaria e mantemento en beirarrúas.
  • Obras na rede viaria municipal: Coiro (camiño de Ramisquido a Erboedo de Abaixo e estrada de Maseo a Loureiro), Cabovilaño (estradas A Lagarteira-Doldán e A Teixoeira-Vista Alegre), Erboedo (acceso aos núcleos de Paredes e Cendón), Golmar (vía do Igrexario á Xesta), Lendo (pista que une a estrada provincial con Escurido, estrada de Samiráns á Xesteira e acceso ao Igrexario), Lemaio (Proame-O Igrexario), Montemaior (pista desde a estrada provincial a Leborias, acceso a Nocellas, Balbís e Fieira, camiño de Cerqueiras ao Viso, O Raño-A Ferreira e os núcleos de Xestal e Batalo), Soandres (accesos ao Silvoso, Golán e O Corgo, así como estradas do Priorato ao cemiterio e núcleo de Currelos), Soutullo (camiño do Igrexario ás Cardosas) e Vilaño (accesos a Vilanova e a Quintáns, núcleo do Formigueiro e estrada A Piña-Marfulo).
  • Expropiación dos terreos para a ampliación do camiño da Porta Santa ao Cruceiro (Lestón).
  • Subministración eléctrica ao novo edificio para uso administrativo.

Por outra parte, a modificación do outro expediente de crédito (o 03/2010), tamén aprobado por unanimidade, permitirá reforzar as partidas económicas das subvencións a clubs deportivos, estudos e traballos técnicos, cursos culturais e deportivos e reparacións e mantementos en centros educativos e instalacións deportivas. As fontes de financiamento serán os maiores ingresos recadados sobre o previsto e tamén a baixa por anulación de determinadas partidas de gastos ás que, finalmente, non se deberá facer fronte nesta anualidade.

Modificación do plan económico-financeiro
A operación de crédito aprobada trae consigo a necesidade dunha modificación do Plan Económico Financeiro para os exercicios 2009 e 2010 (aprobado a finais do ano 2008) que tamén será proposta ao Pleno da Corporación.

O grupo de goberno propuxo esta modificación por considerala necesaria porque se producirá un incremento na necesidade de financiamento en termos de créditos definitivos e superará o importe máximo de endebedamento permitido polo citado Plan. Trala aprobación por parte do Pleno, incrementarase a duración do Plan Económico Financeiro por un ano máis, ata 2011, para volver durante ese período á situación de capacidade de financiamento.

Cambio de data do próximo Pleno e actuacións na piscina municipal
Aínda que se tratou dunha sesión extraordinaria sen posibilidade de presentar mocións, rogos ou preguntas, o Alcalde da Laracha informou á Corporación sobre outras dúas cuestións que non formaban parte da Orde do Día: as actuacións que se están desenvolvendo na piscina municipal tralo incendio que sufriu a instalación hai apenas dez días e tamén o cambio de data da próxima sesión ordinaria do Pleno por coincidir coa folga xeral convocada en España para o 29 de setembro.

En primeiro lugar, o Alcalde avanzou que a próxima sesión plenaria se retrasará ata o mércores día 6 de outubro.

No tocante á situación da piscina, José Manuel López Varela comunicou aos membros da Corporación e ao público presente que a instalación permanece precintada porque se continúan investigando cales puideron ser as causas do incendio. Unha vez finalice esa investigación, iniciaranse as labores de limpeza e desescombro, e será tras eses traballos cando poidan avaliarse máis profundamente os “moi cuantiosos danos” rexistrados, especialmente “nos vestiarios e na zona da sauna, na que todo fai indicar que se iniciou o lume”, así como nos condutos de aire e electricidade. O Alcalde avanzou que “con sorte, a piscina poderase abrir no Nadal” e que a intención é “poder xa contar coa nova sala de hidroterapia que se está construíndo”.

Por último, recordou aos usuarios que non abonen as cotas mentres non se restableza a actividade e asegurou que a empresa que xestiona a instalación non pasará os recibos ao banco a aqueles abonados que os teñan domiciliados.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2012 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS