Ademais, na área metropolitana finalizouse a construción do novo CEIP de Arteixo, cunha inversión de 4,2 millóns de euros, e a ampliación do CEIP San Marcos de Abegondo, cun investimento dun millón de euros...
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria realizou traballos de mellora por valor de máis de 16 millóns de euros nos centros de ensino da provincia da Coruña. O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e a xefa territorial de Educación, Teresa Villaverde, informaron onte das obras levadas a cabo durante o presente ano, das cales o 95 por cento xa están rematadas.
No que se refire aos centros de ensino da Coruña e a súa área metropolitana, a Consellería de Educación realizou obras en 46 instalacións educativas -25 CEIP y 21 IES- por un importe superior aos tres millóns de euros, concretamente 3,5 millóns de euros cos que a Xunta está a dar resposta as vellas demandas destes centros.
Só na cidade da Coruña, o Executivo autonómico realizou obras de mellora no 66 por cento dos colexios e institutos. En concreto, executou reformas en 11 dos 27 centros de Infantil e Primaria e en 13 dos 19 de Secundaria, cun investimento total de preto de 1,9 millóns de euros, o que supón un incremento de máis do 50 por cento respecto a anteriores exercicios.
As actuacións de mellora que leva a cabo a Xunta abranguen todo tipo de traballos, dende substitución de cubertas, reparacións nos sistemas de calefacción, melloras do illamento térmico e da eficiencia enerxética ata construción de aseos, pintado de fachadas ou melloras no saneamento e acometida de augas, entre outros.
O delegado territorial, Diego Calvo, destacou que con este investimento o Executivo autonómico “da por fin resposta a vellas demandas destes centros, moi necesarias e moi complexas en moitos dos casos”. Ademais, indicou que moitas das actuacións que se están a realizar con cargo aos fondos da Consellería permitirán aos centros cumprir cos requerimentos técnicos para a implantación do Proxecto ABALAR nos vindeiros cursos.
Na área metropolitana da Coruña, Educación, ademais de levar a cabo traballos de acondicionamento e mellora en centros de diversos concellos da comarca, finalizou as obras de construción do novo CEIP de Arteixo, unha actuación que ten un investimento total de 4.252.195 euros, así como a ampliación do CEIP San Marcos, en Abegondo, cun investimento total dun millón de euros.
Con todos estes datos, Diego Calvo considera que o balance das actuacións levadas a cabo nos meses de verán, para non interferir así na actividade lectiva dos centros, é moi positivo. Tamén agradeceu ás empresas, aos técnicos da Xunta e ás comunidades educativas dos diferentes colexios e institutos o esforzo realizado para dotar á comunidade escolar das mellores infraestruturas.