BETANZOS. O organismo provincial convoca este ano a V edición do Premio Internacional de Arte Gráfica "Jesús Núñez"...
BETANZOS. A Deputación da Coruña destinará este ano un total de 114.200 euros para potenciar as actividades do Centro Internacional da Estampa Contemporánea (CIEC) de Betanzos, segundo se contempla no convenio asinado esta mañá, na sede da institución, polo presidente provincial, Salvador Fernández Moreda, e o director do centro de gravado, Jesús Núñez.
A achega da Deputación destinarase a actividades como a organización de talleres e cursos monográficos de gravado, conferencias, xornadas e exposicións, así como á edición de estampas e á organización da V edición do Premio Internacional de Arte Gráfica “Jesús Núñez”, ao que poden concorrer artistas de todo o mundo cunha soa obra, sen enmarcar, en calquera das disciplinas das técnicas gráficas: gravado calcográfico, litografía, serigrafía, xilografía e as súas derivacións. O premio contará cun premio en metálico de 6.500 euros e a exposición da obra gañadora, ademais de dous accésits, consistentes cada un deles nunha bolsa de matrícula para o máster de Obra Gráfica do CIEC.
Ademais de seleccionar a obra gañadora e as dúas finalistas, o xurado do premio poderá realizar unha selección de 30 obras como máximo, entre as non premiadas, para a súa inclusión nunha exposición que será inaugurada na Fundación CIEC e que posteriormente percorrerá varios municipios da provincia, editándose tamén o correspondente catálogo.
Como contrapartida ao apoio financeiro do organismo provincial, o centro de gravado posibilitará a cesión das súas exposicións para incluílas nos circuítos itinerantes desta institución, ademais da edición de cen exemplares dun gravado orixinal, para a súa utilización como agasallo institucional do organismo provincial.
Jesús Núñez agradeceu o apoio económico prestado pola Deputación da Coruña ao Centro Internacional da Estampa Contemporánea de Betanzos, que cualificou como "unha importante achega económica que nos permitirá crecer e elevar a oferta cultural e artística” do Centro Internacional da Estampa Contemporánea de Betanzos.
Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, cualificou ao CIEC como “unha referencia obrigada no campo da arte gráfica en España”, e destacou que o organismo provincial pretende, co seu apoio económico á Fundación “manter o noso apoio a esta forma de expresión cultural”.
Fernández Moreda destacou, ademais, o carácter internacional e o gran éxito de convocatoria que rexistrou nas súas anteriores edicións o premio de arte gráfica “Jesús Núñez”, ao que cualificou como un galardón “de referencia” ao que concorren cada ano numerosos artistas de diferentes países do mundo.