Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das entidades locais e demais normativa que poida resultar de aplicación...
O Grupo Municipal Socialista, en base ao disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das entidades locais e demais normativa que poida resultar de aplicación, presenta, diante do Pleno da Corporación esta MOCIÓN, en base a seguinte
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
O Consello da Xunta aprobou na sesión celebrada o pasado 15 de xullo unha resolución do Servizo Galego de Igualdade que establece as bases reguladoras das achegas económicas que este ano recibirán os 77 concellos galegos que son titulares dos Centros de Información á Muller. Nesta resolución, a Xunta introduciu importantes modificacións no sistema de subvencións para estes servizos, poñendo en grave risco a supervivencia de moitos destes.
Os Centros de Información á Muller son departamentos que proporcionan todo tipo de asesoramento ás mulleres e que poñen o seu empeño en acadar a igualdade de xénero. Os equipos que os forman (psicólogas, avogadas, técnicas e demais), xogan un papel fundamental na loita contra a violencia machista, partindo dunha análise pormenorizada de cada realidade e ofrecendo todas tipo de solucións as víctimas para que poidan empezar unha nova vida tras unha situación de maltrato físico ou psicolóxico. Boa parte deste traballo grupal céntrase, por tanto, en facer fronte ós casos máis graves e perigosos de desigualdade entre mulleres e homes, que son os que teñen lugar cando aparecen conductas que atentan contra a dignidade da muller.
A axuda que os CIMs prestan á sociedade –ademais de loitar contra a violencia machista asesoran á muller noutros ámbitos e promoven campañas para acadar a igualdade de xénero– non só é recoñecida polas usuarias, moitas das cales non se atreverían a interpoñer denuncias contra os seus agresores de non contar co respaldo destes centros. A maioría dos concellos galegos precisa deles para atender ás necesidades da súa veciñanza, e así o teñen manifestado numerosas responsables municipais, sobre todo en datas recentes e alertadas polas decisións da Xunta nesta materia.
Os CIMs non deixaron de incrementar a súa actividade dende que foron creados, un feito que amosa a importancia destes servizos. Os concellos realizan cada ano un importante esforzo económico para poder mantelos, un esforzo que debe ser correspondido e tido en conta pola Xunta de Galicia.
A resolución aprobada o 15 de xullo conleva unha merma importante de recursos económicos, unha diminución que nalgúns casos fará imposible que as entidades locais manteñan un servizo polo que debe velar a propia Administración autonómica, que de xeito unilateral decidiu rebaixar as achegas a aqueles centros que non conten cun equipo fixo. Polo de agora, a gran maioría dos concellos conta con persoal laboral eventual para cubrir estas tarefas. Polo tanto, a Xunta de Galicia con esta resolución está a poñer unha soga ó pescozo a case a totalidade dos CIMs de Galicia.
A esta modificación nas subvencións hai que engadir que o Servizo Galego de Igualdade pretendeu limitar a un máximo de 4.000 euros as achegas para as distintas especialistas que traballan nos Centros de Información á Muller, unha redución moi significativa con respecto a exercicios económicos anteriores. Ante o malestar amosado por numerosos representantes municipais, o organismo autónomo corrixiu sobre a marcha a cantidade para establecer un máximo de 14.000; con todo, esta cifra aínda é menor que a que os concellos viñan percibindo.
Esta resolución da Xunta de Galicia, que en ningún momento foi pactada nin falada cos representantes dos concellos (os alcaldes foron informados un día despois de que o Consello da Xunta tomara o acordo), súmase á lista de continuos ataques ás estruturas coas que conta (ou contaba) a Administración autonómica para loitar pola igualdade entre mulleres e homes. O caso que nos ocupa é moi grave, posto que as afectadas son as mulleres máis vulnerables, que buscan asesoramento nos CIMs para saír dunha situación de violencia que pode, incluso, acabar coas súas vidas.
Por todo o anteriormente exposto SOLICITAMOS a adopción do seguinte acordo:
Instamos á Xunta de Galicia a rectificar a Resolución de 22 de xullo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas e subvencións a entidades locais para o apoio ós Centros de Información ás Mulleres, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010; e a concertar en colaboración cos concellos unha rede que garanta o servizo dos CIMs e que consolide o seu funcionamento cara o futuro.