Jueves, 2 septiembre 2010

XXII edición da Bandeira de Traíñas

Enviar por email

Participarán oito clubs de remo da provincia, que se repartirán 13.000 euros en premios...


[Img #4965]O porto de Cedeira acollerá o domingo, 5 de setembro, ás 12.30 horas, coincidindo coa preamar, a celebración da XXII edición da Bandeira de Traíñas “Deputación da Coruña”.

Así o anunciou onte, durante a rolda de prensa de presentación deste evento deportivo, o presidente da institución provincial, Salvador Fernández Moreda, que estivo acompañado polo alcalde de Cedeira, José Luis Vergara, o delegado territorial da Federación Galega de Remo, Manuel Gantes, e o vicepresidente de director técnico da Federación Española de Remo, Manuel Seijas Galán.

A proba contará coa participación de oito clubs de remo da provincia: a Asociación Deportiva Esteirana, o Club de Remo Cabo de Cruz, o Club de Remo A Cabana, o Club de Remo de Ares, a Sociedade Deportiva As Xubias, o Club de Regatas Perillo, o Club de Remo da Pobra, e o Club de Remo de Rianxo, que se repartirán 13.000 euros en premios, distribuídos do seguinte xeito: 3.400 euros para o club gañador, 2.200 euros para o segundo clasificado, 1.900 euros para o terceiro, 1.600 para o cuarto, 1.300 para o quinto clasificado, 1.050 euros para o sexto, 850 para o sétimo e 750 € para o oitavo clasificado.

Fernández Moreda destacou a longa traxectoria da Bandeira de Traíñas “Deputación da Coruña”, que chega á súa vixésimo segunda edición, e enmarcouna “dentro do amplo programa de fomento da actividade deportiva” da institución provincial que inclúe, entre outras actividades, a volta ciclista á provincia, a Copa de fútbol “Deputación da Coruña”, os campamentos deportivos para nenos que se celebran durante os veráns na cidade da Coruña ou as bolsas para deportistas que outorga o ente provincial.

Así mesmo, o presidente da Deputación destacou que a provincia da Coruña “conta cunhas magníficas instalacións deportivas” grazas ao investimento da institución provincial en campos de fútbol de herba artificial, piscinas climatizadas e polideportivos, entre outras infraestruturas.

O presidente da Deputación afirmou que se esperan boas condicións climatolóxicas para o día da proba e invitou aos cidadáns da provincia a presenciar o evento e a descubrir despois algúns dos atractivos turísticos da contorna como Santo André de Teixido ou os cantís máis altos de Europa.

Pola súa banda, o alcalde de Cedeira, José Luis Vergara, afirmou que “é un honor” acoller a celebración da Bandeira de Traíñas e expresou o seu agradecemento á Federación Galega de Remo e á Deputación da Coruña por escoller o municipio como enclave para a celebración do evento.

“A nosa ría, probablemente a máis pequena de Galicia, permitirá visualizar a regata en toda a súa extensión”, apuntou José Luis Vergara, que destacou que esta singularidade fai da ría “o marco idóneo” para celebrar este tipo de probas, ademais da coñecida hospitalidade dos cedeireses, e da excelente gastronomía dos 47 establecementos hosteleiros da localidade.

Manuel Seijas destacou que a proba consistirá en 6 largos e contará con 5 ciabogas e lembrou que, aínda que é a primeira vez que Cedeira organiza unha regata de traíñas, a localidade ten experiencia neste tipo de probas deportivas, pois foi sede de varios campionatos de España de bateis.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2012 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS