Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Martes, 6 de febrero de 2018 | Leída 9 veces

A Xunta abre hoxe o prazo de solicitude do programa de unidades formativas na empresa dirixido a desempregados

A primeira das convocatorias desta actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria conta cun orzamento dun millón de euros. O DOG publicou onte tamén axudas para apoiar ás entidades colaboradoras coa Rede Eusumo e para a promoción e consolidación das organizacións máis representativas da Economía Social por valor de máis de 1,4 millóns de euros...

[Img #44569]

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte tres programas da área de Emprego para apoiar a formación de persoas desempregadas na empresa, para o financiamento das entidades colaboradoras coa Rede Eusumo e para a promoción e consolidación das organizacións máis representativas da Economía Social. En global, a Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, destina a estas iniciativas máis de 2,4 millóns de euros. Nos tres casos o prazo de solicitude ábrese hoxe.

 

As Unidades Formativas na Empresa é unha actuación dotada con 1,85 millóns de euros para formar a desempregados nas empresas que, pola súa banda, teñen que comprometerse a contratar como mínimo ao 40% dos alumnos que participen en cada unha das 40 unidades previstas. O DOG publica hoxe a primeira das convocatorias deste programa dotada cun millón de euros. O prazo para presentar as solicitudes das axudas correspondentes ao financiamento das accións formativas con compromiso de contratación rematará o 5 de abril. No caso dos incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da contratación laboral que se produza ao remate da acción formativa, respectando en todo caso o límite máximo do 14 de decembro de 2018.

 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financia, a través desta actuación, o 100% da formación, e para aquelas compañías que superen o compromiso mínimo de contratación ofreceráselles axudas para promover os contratos indefinidos, que oscilan entre os 7000 e 16.000 euros. O apoio mínimo de 7000 euros aumentará ata os 8000 para os parados de longa duración, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Ademais, as mulleres, maiores de 45 anos e emigrantes retornados, así como as empresas emprazadas no rural, recibirán un 25% máis de axuda sobre os 7000 ou 8000 euros, segundo sexa o caso, podendo chegar os apoios, desta maneira, aos 16.000 euros.

 

Nesta convocatoria, optarán a estas axudas as empresas ou agrupacións temporais de firmas que presenten unha solicitude conxunta. Este programa inclúe tamén para 2018 de xeito novidoso o seu carácter bianual coa finalidade de que os cursos sexan máis complexos e poidan prolongarse durante máis meses, ata o ano 2019.

 

Trátase de ofrecer formación á carta, adaptada ás necesidades que require o mercado de traballo actual, unha iniciativa que forma parte da Axenda 20 para o emprego coa que a Xunta está impulsando o emprego de calidade e da Axenda Industria 4.0, que ten como un dos seus retos principais que o sistema formativo se oriente á realidade da industria, é dicir, á revolución tecnolóxica na que está inmerso o tecido produtivo galego.


Rede Eusumo

O segundo dos programas, que sae hoxe publicado no DOG, corresponde ás axudas para 2018 e 2019 para asesoramento, difusión e formación do emprendemento a través da Rede Eusumo, unha canle que creou o Goberno galego en 2012 para o fomento do cooperativismo e a economía social. Estímase que se poidan beneficiar destas axudas 80 entidades para a realización de actividades nas que participarán preto de 3.000 persoas.

 

A esta iniciativa, cuxo prazo de solicitude remata o próximo 5 de marzo, destínanse máis de 1,1 millóns e vai dirixida ás entidades adheridas á Rede, como son asociacións de entidades de economía social; concellos, áreas metropolitanas, mancomunidades e consorcios locais; cámaras de comercio; universidades; e fundacións e asociacións, organizacións profesionais, empresariais e sindicais. A contía máxima pode acadar os 170.000 euros. A través desta Rede lévanse a cabo principalmente accións de formación e asesoramento tanto a emprendedores como a entidades xa existentes.

 

A Rede Eusumo, a día de hoxe, conta con 210 entidades adheridas, creándose desde a súa posta en marcha 128 organizacións de economía social, que xeraron máis de 480 empregos directos. Desde a súa constitución, asesoráronse a 745 grupos de promotores para o impulso de proxectos cooperativos, con máis de 2550 persoas implicadas. Ademais, organizáronse máis de 1000 actividades formativas e informativas ás que asistiron 16.500 persoas. Como novidade, este programa será plurianual, o que facilitará a organización das actividades e permitirá unha mellor planificación e maior impacto no sector.

 

Asociacións de cooperativas

Por último, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 290.000 euros para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais e dos centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral. A previsión é beneficiar a unha decena de entidades con estes apoios. Do que se trata é de apoiar a estes colectivos cos gastos xerados polo seu funcionamento. O prazo de solicitude tamén ábrese mañá e rematará o 5 de marzo.

 

Estes dous últimos programas contribúen a impulsar a economía social e a súa competitividade, e a fomentar o autoemprego en Galicia, un dos retos principais da Axenda 20, coa que o Goberno autonómico está impulsando o emprego estable na Comunidade. Esta actuación forma parte tamén da Estratexia para o impulso do cooperativismo galego 2016-2020, a través da que en 2018 se investirán máis de 17 millóns de euros para impulsar a economía social, o que supón un 6,4% máis que este ano. Ademais, a Xunta para este sector conta cun fondo de XesGalicia dotado con 5 millóns para financiar novos proxectos neste ámbito.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress