Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Viernes, 2 de febrero de 2018 | Leída 16 veces

O Concello solicita participar en diferentes convocatorias de subvencións da Xunta e Deputación

Así foi acordado onte pola Xunta de Goberno Local. As propostas céntranse na creación de emprego, prestación de servizos sociais e proxectos de mellora de infraestruturas públicas. Tamén foron concedidas dúas licencias urbanísticas...

Na reunión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada onte o Concello da Laracha acordou solicitar a súa participación en diferentes programas convocados pola Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña co propósito de captar fondos para mellorar infraestruturas públicas municipais, contratar persoal e cofinanciar a prestación dos servizos sociais comunitarios.

 

En canto a programas de investimento, o goberno local autorizou presentar catro proxectos á Xunta de Galicia.

 

Con cargo ao fondo de compensación ambiental, a través da liña de concorrencia non competitiva solicítase financiar a adquisición dos novos colectores de recollida de orgánicos, que serán implantados no termo municipal con motivo da adhesión do Concello da Laracha ao programa de reciclaxe a través da planta de compostaxe de SOGAMA. Ademais, na liña de concorrencia competitiva preséntase o proxecto para ampliar e mellorar a rede de saneamento no lugar de O Vilar (parroquia de Cabovilaño) instalando novas tubaxes de impulsión e un equipo de bombeo que permitirán conectar esta zona coa rede xeral e eliminar a depuradora existente neste lugar, optimizando deste xeito o servizo.

 

Ao abeiro do plan da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural sobre mellora de camiños municipais (DOG número 10 do 15 de xaneiro) , o Concello da Laracha presenta un proxecto cun orzamento próximo aos 100.000 euros que contemplara a renovación do pavimento da estrada desde Mirón (parroquia de Torás) ata o núcleo de Lestón (na parroquia do mesmo nome), incluíndo o ramal de acceso á zona da igrexa de San Martiño, e tamén dos lugares de Fragoso e San Cristovo, ambos na parroquia de Golmar.

 

En relación á convocatoria de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza sobre mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais (DOG número 5 do 8 de xaneiro), a actuación que se pretende cofinanciar é a renovación do parque infantil do campo da feira de Paiosaco no marco do plan que o Concello da Laracha está a desenvolver para mellorar este tipo de equipamentos, a través do que xa se realizaron actuacións nos do parque O Recreo e os CEIP Otero Pedrayo da Laracha e Alfredo Brañas de Paiosaco.

 

En canto a programas relacionados coa creación de emprego, acordouse solicitar a participación en dúas convocatorias da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Unha delas é a de fomento de emprego e mellora da empregabilidade (DOG número 8 do 11 de xaneiro), por medio da cal se pretende contratar o persoal para formar os equipos de socorrismo e salvamento na praia de Caión durante a próxima temporada de verán. A outra proposta relacionada coa creación de emprego faise ao abeiro da convocatoria para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga. O goberno local prevé formar un grupo de peóns para o desenvolvemento de traballos relacionados co mantemento en bo estado dos entornos naturais e a conservación da riqueza medioambiental.

 

Por outra parte, tamén se solicitará a participación na convocatoria da Deputación Provincial da Coruña dirixida a cooperar coas entidades locais na execución das súas competencias en materia de prestación dos servizos sociais comunitarios. O Concello da Laracha pretende acollerse a dúas liñas de subvencións, en concreto as relacionadas co cofinanciamento dos gastos de parte do persoal administrativo e técnico adscrito a ese departamento e, tamén, do servizo de axuda no fogar por libre concorrencia.

 

Salientar, por último, que na Xunta de Goberno Local foron concedidas dúas licencias urbanísticas.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress