A aprobación definitiva dos presupostos e o cadro de persoal foron publicados onte no BOP. Son os máis altos da historia ao alcanzar os 8.020.945,88 euros tanto en ingresos como en gastos...
O Concello da Laracha comezou onte a operar cos novos orzamentos xerais municipais do exercicio económico 2018 despois de que fose publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do día de onte a aprobación definitiva dos mesmos, ademais do cadro de persoal.
Previamente as contas foran aprobadas con carácter inicial polo Pleno da Corporación na sesión celebrada o pasado día 4 de xaneiro e, a continuación, superárase o período de exposición pública sen terse presentada ningunha alegación.
Os presupostos do novo exercicio económico son os máis altos da historia do municipio. Están equilibrados en gastos e ingresos e ascenden a 8.020.945,88 euros, sendo o fiel reflexo das liñas prioritarias para o goberno local do Concello da Laracha: a blindaxe dos servizos sociais (máis de un millón de euros), o esforzo investidor (1,5 millóns de euros destinaranse á mellora das infraestruturas públicas municipais), o apoio ao asociacionismo e aos estudantes e a conxelación de impostos e taxas municipais (IBI, vehículos, recollida de residuos sólidos urbanos, etc.), manténdose nos tipos mínimos que permite a lei.