Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Sábado, 2 de diciembre de 2017 | Leída 13 veces
Deputación da Coruña

A Deputación aumenta o orzamento do Plan de Emprego ata os 10 millóns de euros en 2018

Formoso destaca a aporta do PEL pola estabilidade no emprego, facilitando que as empresas beneficiarias en 2017 manteñan aos traballadores xa contratados. A liña PEL Concellos incorpora un novo programa para contratar técnicos especializados na administración electrónica e a transformación dixital. A día de hoxe, 1.414 persoas conseguiron un emprego na provincia ao abeiro do Plan de Emprego da Deputación...

[Img #43964]

 

O Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación contará en 2018 cun orzamento de 10 millóns de euros, un 33% máis que o ano anterior, co obxectivo de incrementar as liñas de axudas para o fomento do emprego e o emprendemento na provincia.

 

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, e o deputado responsable de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, presentaron onte as novidades do PEL para o 2018. Ao igual que en 2017, o plan seguirá contando con tres eixos clave, PEL CONCELLOS, PEL PEMES e PEL EMPRENDE, ademais da segunda convocatoria do Premio á Mellor Iniciativa Provincial e unha liña destinada a impulsar proxectos europeos.

 

González Formoso destacou que, co actual goberno, “pasamos dos 1,3 millóns que a Deputación viña destinando a esta materia, ata 10 millóns de euros en dous exercicios orzamentarios” e lembrou que o obxectivo do Plan de Emprego é  “impulsar a creación de 3.000 postos de traballo ata 2019”. Unha cifra que se espera superar posto que a día de hoxe xa son 1.414 os empregos creados ao abeiro do plan en toda a provincia.

 

Así mesmo, o presidente provincial enmarcou o PEL na “aposta polo emprego”, que leva a cabo a Deputación en todos os seus plans e programas, xa que se trata dun “eido prioritario nunha provincia que aínda sofre o lastre social do desemprego”.

 

Axudas para impulsar a dixitalización nos concellos

A liña PEL CONCELLOS, destinada a apoiar aos 82 municipios de menos de 20.000 habitantes na contratación de persoas desempregadas para a prestación de servizos básicos municipais, estará dotada este ano con 3.540.000 euros.

 

A principal novidade será a incorporación dunha liña específica para a contratación de persoal especializado en administración electrónica e novas tecnoloxías da información e a comunicación.

 

González Formoso afirmou que “a administración electrónica xa é unha realidade”, polo que resulta indispensable que os concellos se actualicen e implementen medidas de transformación dixital.

 

Con este obxectivo, a Deputación destinará máis de 540.000 euros para financiar a contratación de técnicos especializados, que traballarán para varios concellos impulsando áreas coma a dixitalización dos trámites ou a modernización dos procedementos administrativos.

 

Fomento da estabilidade laboral

A liña PEL PEMES, dotada con 3 millóns de euros, ofrecerá ás mesmas axudas que en 2017, para financiar o 75% dos custos salariais dos novos empregados nas empresas da provincia durante 1 ano.

 

Ademais, as empresas que xa contrataron a unha persoa ao abeiro do PEL PEMES 2017, poderán solicitar tamén unha nova axuda para custear o 50% do salario deste traballador durante un segundo ano. O presidente da Deputación explicou que esta liña pretende fomentar “a estabilidade laboral e o mantemento de boa parte dos postos de traballo xa creados a través do PEL”.

 

Estas dúas modalidades de axudas serán compatibles, permitindo ás empresas beneficiarias en 2017 realizar unha nova contratación e manter ás persoas xa empregadas con cargo ás subvencións da Deputación.

 

Apoio para os novos emprendedores

A través da liña PEL EMPRENDE, que terá un orzamento total de 2.485.000 euros, a Deputación concederá axudas aos novos emprendedores da provincia para realizar investimentos e actividades necesarias para o desenvolvemento da súa actividade profesional.

 

Respondendo ás peticións efectuadas polos solicitantes destas axudas durante este ano, a Deputación cambiou os criterios necesarios para concorrer ao PEL EMPRENDE. Así, elimínase o requisito de ter entre 25 e 35 anos e introdúcese no seu lugar a condición de que a empresa teña un máximo de cinco anos de vida, independentemente da idade do empresario.

 

Outra das novidades dentro deste eixo será que, ademais de bens inventariables, o PEL subvencionará actividades e actuacións que sirvan para desenvolver a empresa e potenciar a súa competitividade, coma servizos de consultoría, marketing e comunicación ou formación. Esta nova liña estará dotada con 520.000 euros.

 

Rede Provincial de Espazos de Traballo

Valentín González Formoso destacou que un dos grandes retos que plantea a Deputación dentro do PEL é a creación dunha Rede Provincial de Espazos de Traballo, que aglutine viveiros de empresas, centros de negocio e espazos de coworking nos distintos concellos da provincia.

 

O presidente provincial indicou que se trata dun proceso “complexo e a longo prazo”, posto que é necesario buscar as infraestruturas adecuadas e xestionar cos concellos a súa conversión en este tipo de espazos.

 

Durante este ano, a Deputación xa colaborou coa posta en marcha do espazo de coworking Accede Papagaio, no concello da Coruña, e está traballando no proxecto para o Pazo de Arenaza (Oleiros). Tamén se está estudando a implantación de espazos colaborativos noutros puntos da provincia.

 

González Formoso explicou que a intención da Deputación é que “estes espazos de traballo estean especializados nun sector concreto, potenciando que se establezan vínculos e sinerxias entre as distintas empresas ubicadas neles”.

 

II Premio PEL

O Plan de Emprego Local 2018 incluirá a segunda edición do Premio á Mellor Iniciativa Empresarial, que contará con tres convocatorias dotadas con 25.000 € cada unha.

 

Este ano, engadira a categoría Mellor Iniciativa Socialmente Responsable, que premiará a unha empresa da provincia que destaque polo seu compromiso co emprego responsable e a mellora social, económica ou ambiental do seu entorno. Así mesmo, volveranse a conceder os galardóns para a Mellora Iniciativa Empresarial Nova e a Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada.

 

900.000 euros para proxectos europeos

A última das liñas do PEL consistirá no desenvolvemento de proxectos para optar a fondos europeos, co obxectivo común de impulsar a xeración de emprego e o crecemento sostible na provincia.

 

Neste eido, Valentín González Formoso destacou dous dos proxectos que xa se están desenvolvendo. Dunha banda, a través de EIXO foméntase a formación de mozos menores de 30 anos e a súa incorporación ao mercado laboral nas áreas industriais, con especialidades naqueles postos de traballo con máis demanda, coma a loxística ou o transporte. Por outra banda, o proxecto AMAdeira desenvolverá en Cerdido un programa formativo arredor das plantacións de castiñeiros e a comercialización de produtos derivados, do que se beneficiarán 70 persoas da comarca.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress