Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Martes, 28 de noviembre de 2017 | Leída 14 veces
Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña busca financiamento europeo para tres ambiciosos proxectos de mobilidade ciclista na provincia

A Deputación presenta á convocatoria dos fondos FEDER un proxecto para ampliar a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña aos concellos de Cambre, Carral, Abegondo, Bergondo e Betanzos. O segundo proxecto consiste nunha Vía Verde que permitirá percorrer os 36,5 quilómetros que separan Santiago e Cerceda nun itinerario ciclista que discorre sobre as antigas vías do tren. Un terceiro proxecto busca conectar con sendas ciclistas 11 faros de Ferrolterra e a Costa da Morte. O plan suporá un investimento de 11 millóns de euros para ampliar en preto de 130 quilómetros a rede ciclista da provincia...

[Img #43934]O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado responsable da área de Vías e Obras e Medio Ambiente, José Manuel Pequeño Castro, presentaron onte pola mañá na sede da institución provincial un plan director para fomentar a mobilidade ciclista na provincia.

 

Este plan, que servirá de base para solicitar financiamento europeo, estará composto por tres proxectos singulares: a ampliación da rede ciclista metropolitana da Coruña, a creación da Vía Verde entre Santiago e Cerceda e a construción de sendas en 11 faros da zona de Ferrolterra, a Costa da Morte e a ría de Muros.

 

Os proxectos supoñen un potente investimento de 11 millóns de euros, e permitirán ampliar en preto de 130 quilómetros a rede ciclista da provincia. A Deputación da Coruña solicitará financiamento a través dos fondos FEDER e, en concreto, dentro das axudas que convoca o IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético) para proxectos de inversión, inferiores a un millón de euros, no ámbito da economía baixa en carbono en concellos de menos de 20.000 habitantes. O obxectivo da institución provincial é que os fondos europeos financien un 80% do orzamento, mentres que a Deputación aportaría o restante con fondos propios.

 

No acto de presentación, o enxeñeiro da Deputación, Pablo Couto, explicou os detalles do plan aos alcaldes e concelleiros dos 18 municipios coruñeses nos que se realizarán estes proxectos: Carral, Abegondo, Bergondo, Betanzos, Mañón, Cariño, Valdoviño, Malpica, Laxe, Carmariñas, Muxía, Fisterra, Corcubión, Carnota, Muros, Ordes, Tordoia e Cerceda.

 

O presidente provincial, Valentín González Formoso, explicou que “dende a Deputación da Coruña, temos moi claro que se debe apostar pola mobilidade sustentable, e dentro dela a bicicleta”, e destacou que as sendas ciclistas, ademais de potenciar un medio de transporte con beneficios para o medio ambiente e a saúde, actuarán “como un elemento de vertebración do territorio, facilitando a conexión entre os núcleos rurais”.

 

González Formoso lembrou que “esta aposta pola mobilidade ciclista xa se está a facer realidade coa construción da Rede Ciclista Metropolitana da Coruña, un proxecto que conectará os concellos da Coruña, Culleredo, Oleiros, Cambre e Arteixo a través dunha rede continua e homoxénea, e que potenciará o uso da bicicleta entre os veciños para que finalmente se converta nun medio de transporte real e non en simples alternativas de ocio”.

 

Pola súa banda, o deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, explicou que a provincia conta actualmente con 640 km de sendas ciclistas e 67,5 quilómetros de carrís bici, que se concentran maioritariamente nas cidades de A Coruña (16,3 km), Ferrol (10,48 km) e Santiago (7,94 km).

 

“Dende a Deputación non queremos que este modo de transporte quede limitado ás grandes urbes e o seu entorno máis próximo, senón que se estenda tamén aos concellos máis pequenos e rurais” afirmou o deputado provincial e explicou que os tres proxectos presentados onte potenciarán infraestruturas como carrís bicis e sendas ciclistas en diversos puntos da provincia.

 

José Manuel Pequeño tamén salientou que, para a elaboración dos proxectos, tivéronse en conta criterios coma a seguridade, a continuidade dos tramos existentes, a conectividade ou o aproveitamento de infraestruturas que se atopen en desuso.

 

A Deputación estima que, se se consegue o financiamento dos fondos FEDER, os tres proxectos poderían estar executados no ano 2020.

 

Ampliación da rede ciclista metropolitana

TRAMO CONCELLO LONXITUDE KM
Barcés Oeste Carral 1,2
  Abegondo 0.7
  Cambre 0,8
Barcés Cambre 2.6
Mero Norte Cambre 0.4
  Abegondo 3,1
Conoxión con Guisamo Abegondo 0,7
  Bergondo 1,5
Mero Norte - Betanzos Betanzos 2.6
Mero Sur Abegondo 3,8
Barcés Este Carral 0.2
  Abegondo 5,4
Conexión con Carral Carral 5,5
  Abegondo 1,2
    Total 29,8


 

A Deputación propón a ampliación da rede ciclista metropolitana da Coruña coa construción dunha senda única e homoxeneizada nos concellos de Carral, Abegondo, Cambre, Bergondo e Betanzos. Esta infraestrutura uniríase na presa de Cecebre co carril bici metropolitano, servindo así de conexión para estes municipios máis pequenos e rurais.

 

O novo carril bici discorrería en gran parte pola Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. As sendas, que utilizarían camiños públicos como base, bordearían todo o encoro,  saíndo un ramal para Guísamo e outro que aproveita o val do Barces para chegar a Carral, e pasando tamén por varios núcleos de poboación de Abegondo, como Sarandóns.

 

Así, este proxecto estaría composto por un total de 29,8 novos quilómetros de senda ciclable e precisaría unha inversión estimada de 2,5 millóns de euros.

 

Sendas para mellorar o acceso aos faros

Faro Concell Titularidad da senda Lonxitude Km
Estaca de Bares Mañón Municipal 1,7
Cabo Ortegal Cariño Municipal 3,6
Punta Frouxeira Valdoviño Municipal 8,0
Punta Nariga Malpica Municipal 14,0
Laxe Laxe Municipal 1,4
Cabo Vilán Camariñas Municipal 5,0
Cabo Touriñán Muxía Municipal 16,0
Fisterra Fisterra Municipal 3,0
Cabo de Cee Corcubión Provincial 3,4
Lariño Carnota Municipal 0,9
Punta Queixal Muros Municipal 2,6
      Total 59,6


A través deste proxecto, a Deputación pretende potenciar os faros en funcionamento da provincia e o seu valor cultural e paisaxístico. Para elo, crearanse sendas ciclistas que conecten os faros coas poboacións máis próximas, facilitando deste modo o acceso.

 

Estas sendas construiranse en 11 faros da zona de Ferrolterra, a Costa da Morte e Muros, de xeito que se crearán 59,6 quilómetros de percorrido. En total, o investimento necesario para levar a cabo este proxecto estímase en 5,1 millóns de euros.

 

O deputado José Manuel Pequeño salientou que este proxecto terá unha gran importancia para “promover o turismo e diversificar a economía” das poboacións costeiras, nunha provincia que conta con “26 faros en funcionamento ao longo de 956 quilómetros de costa cun enorme valor patrimonial, ambiental e cultural”.

 

Este proxecto complementaría outras apostas da Deputación, coma a Ruta dos Faros. A institución provincial financia tamén a homologación deste camiño como Senda de Gran Percorrido, co obxectivo de fomentar o turismo ao redor deste tipo de construcións nos concellos da Costa da Morte.

 

Vía Verde

Tramo Concello Lonxitude Km
Santiago - Ordes Santiago Via 9
    Túnel 1,2
  Oroso Via 6,9
    Túnesl 0,3
  Ordes Vía 2,5
Ordes - Cerceda Ordes Vía 5,8
  Tordoia Via 2,5
  Cerceda Via 9,3
    Túnel 0,6
    Total 38,1

 

A Vía Verde entre Santiago, Ordes, Cerceda e Tordoia aproveitaría as antigas vías do tren, que na actualidade se atopan en desuso, para crear un itinerario de sendeirismo e cicloturismo de 38 quilómetros de lonxitude.

 

A Deputación da Coruña xa colaborou coa reactivación da Vía Verde achegando os fondos necesarios para a redacción do proxecto, así coma apoio técnico e económico para por en marcha esta infraestrutura.

 

Este proxecto, que ten un orzamento total de 3,3 millóns de euros, consistiría nun itinerario que atravesaría sete túneles e tres viaductos e comprendería as estacións de A Sionlla, Berdía, Oroso-Vilacid, Garga-Trasmonte, Ordes-Pontreaga, apeadoiro de Gorgullos-Tordoia e Queixas-Londoño. Trataríase da primeira vía deste tipo que se realizaría na provincia da Coruña e da maior en lonxitude de toda Galicia.

 

A Vía Verde Santiago-Cerceda suporá ademais unha alternativa segura para os ciclistas e sendeiristas, que evitarán circular polas marxes da estrada; así como para os peregrinos que transitan pola ruta xacobea Santiago- Coruña-Fisterra, que poderían percorrer parte da mesma atravesando espazos de gran interese medioambiental, histórico e cultural.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress