Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Jueves, 23 de noviembre de 2017 | Leída 12 veces
Deputación da Coruña

A escritora Marilar Aleixandre gaña o XI Premio Raíña Lupa coa novela “A filla do Minotauro”

A autora é a primeira muller en gañar o concurso de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña…

[Img #43859]

 

A novela A filla do Minotauro da escritora Marilar Aleixandre é a gañadora do XI Premio Raíña Lupa da área de Cultura da Deputación da Coruña. A escritora é a primeira muller que gaña o certame de literatura infantil e xuvenil

 

Un xurado composto por Héctor Cajaraville –gañador da edición anterior- Charo Pita, Antonio Reigosa, Pilar Sampedro e María Solar coa vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei como presidenta do xurado e a xefa de sección da área, Manuela Muñiz, como secretaria decidiron, por unanimidade, premiar a novela de Marilar Alexandre como gañadora do XI Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil.

 

A obra, titulada A filla do Minotauro e presentada co lema Siracusa, relata unha historia de aventuras sobre unha organización clandestina creada para salvar obras de arte. O xurado destaca “a mestura de tempos históricos” da novela e a súa “relectura moi actual da mitoloxía grega cunha gran sensibilidade co patrimonio cultural”. A través da aventura que protagoniza a obra pódense facer, segundo o xurado, “moitos niveis de lectura”. Ademais, destacan a “calidade literaria da obra” nunha convocatoria cun “alto nivel das obras publicadas”.

 

O xurado decide seleccionar como finalista a obra Como bágoas de dragón da escritora Andrea Maceiras e recomenda a súa publicación. A novela xira arredor do acoso escolar.

 

Nesta edición presentáronse ao concurso un total de 48 obras, case o dobre do pasado ano que foron 27 as que concorrían ao galardón. A gañadora recibirá 6.500 € do premio máis a publicación da obra.

 

En edicións anteriores, gañaron o premio Raíña Lupa os escritores Héctor Cajaraville, Xesús Fraga, Marcos Calveiro, Carlos López, Antonio Yáñez, Breogán Riveiro, Xosé A. Neira Cruz, Antonio Reigosa, Mario Pereira e Agustín Fernández Paz.

 

Traxectoria literaria da escritora

Escritora, bióloga e catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Santiago de Compostela, Marilar Aleixandre, nome literario de María Pilar Jiménez Aleixandre, naceu en 1947 e reside en Galicia desde 1973. Como científica e educadora foi pioneira no uso do galego como lingua vehicular do ensino das ciencias e está considerada unha das figuras máis relevantes da investigación en didáctica das ciencias en Europa. No eido literario conta cunha frutífera traxectoria, sempre desenvolvida en lingua galega, recoñecida tanto pola crítica (suma dezasete galardóns) como polo público lector. En xaneiro deste mesmo 2017 ingresou no plenario da Real Academia Galega.

 

Marilar Aleixandre mergullábase  a súa chegada a Galicia en 1973 na lingua e na cultura galegas: propuxo que o seu centro de ensino pasara a levar o nome de Castelao, foi das primeiras persoas en impartir as clases de ciencias en galego, foi coautora dos dous primeiros textos de ciencias naturais neste idioma (Xilbarbeira, editado polos autores e autoras en 1982, e Setestrelo, editado por Xerais en 1988); e máis adiante, do primeiro Vocabulario das Ciencias en galego, en colaboración co Instituto da Lingua Galega (1991).

 

En 1987 regresou a Madrid para traballar na formación de profesorado, pero un accidente de tráfico obrigouna a renunciar á comisión de servizos e volveu a Galicia, esta vez xa vinculada á Universidade de Santiago de Compostela.

 

Como escritora, a faceta pola que é máis coñecida, Marilar Aleixandre conta cunha fecunda carreira, sempre desenvolvida en galego e recoñecida tanto pola crítica (suma dezasete galardóns) como polo público lector a través de máis de corenta títulos. A súa obra foi traducida ao portugués, castelán, chinés, catalán e éuscaro, e tamén recollida en antoloxías en inglés.

 

O seu debut literario produciuse en 1989 con A formiga coxa, o primeiro dos vinte libros que asinou ata o momento de literatura infantil e xuvenil (LIX). Neste xénero colleitou premios como o Merlín (1994) e da Crítica (1995) por A expedición do Pacífico; o Lazarillo (1999) e o Lecturas de literatura xuvenil (2001) por A banda sen futuro; ou o Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil (2008) e a inclusión do seu nome na prestixiosa listaxe White Ravens da Biblioteca de Munich (2009) por A cabeza de Medusa.

 

Malia empezar na LIX, cultiva tamén outros xéneros nos que goza igualmente de recoñecemento. Na narrativa para adultos mereceu o Premio Álvaro Cunqueiro (1998) por A compañía clandestina de contrapublicidade; e o Premio Xerais de 2001 e o Premio San Clemente 2002 por Teoría do caos. Como poeta publicou títulos como Catálogo de velenos (Premio Esquío 1998), Mudanzas (Premio de Poesía Caixanova en 2006) ou Desescribindo, saído do prelo o pasado mes de decembro. Tamén ten cultivado o ensaio, a biografía e o guionismo de banda deseñada, ademais de ser a tradutora ao galego de A caza do Carbairán de Lewis Carroll (Lista de Honra do IBBY), Muller ceiba da poeta Sandra Cisneros, ou Harry Potter e a pedra filosofal de J.K. Rowling.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress