Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Martes, 21 de noviembre de 2017 | Leída 15 veces

O conselleiro de Facenda avanza no Parlamento que a oferta de emprego público da Xunta para 2018 chegará ás 3.400 prazas

Valeriano Martínez confirmou que a Xunta aprobará este mes a oferta de 2017, que disporá tamén dunhas 3.400 prazas, fronte ás 3.000 previstas inicialmente. O titular de Facenda participou onte no debate de totalidade dos Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, que medran un 2,9% e esgotan o teito de gasto. O Orzamento para 2018 será o máis alto da década e ascende a 9.487 millóns...

[Img #43845]

 

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, avanzou hoxe no Parlamento que a Xunta de Galicia vaille propoñer ás organizacións sindicais aprobar unha oferta de emprego público para o vindeiro ano 2018 dunhas 3.400 prazas na Administración galega, que permitirán reforzar os servizos públicos, nomeadamente a sanidade, o ensino e os servizos sociais.

 

Durante a súa intervención no debate de totalidade do proxecto de Lei de Orzamentos para 2018, o titular de Facenda explicou que esta oferta de emprego dará continuidade ao forte impulso deste ano. Precisamente, confirmou que a oferta de emprego público da Xunta de Galicia para este 2017 disporá finalmente dunhas 3.400 prazas, fronte a previsión inicial de 3.000 prazas, e aprobarase de xeito completo neste mes de novembro.

 

Valeriano Martínez lembrou que esta oferta de case 7.000 prazas en dous anos enmárcase no Plan de Estabilidade pactado entre a Xunta de Galicia e seis organizacións sindicais ata 2020, un acordo que ten como prioridade acadar unha mellora das condicións de traballo dos empregados públicos da Administración galega. Entre os seus obxectivos figura reducir a taxa de temporalidade o 7%, polo que seguirá entre as máis baixas de España.

 

O conselleiro destacou que este incremento das ofertas de emprego mostra o compromiso do Goberno galego coa mellora dos servizos públicos, un compromiso que tamén se plasma no proxecto de lei de Orzamentos debatido hoxe na Cámara galega. De feito, explicou que a Xunta dedicará 1.000 millóns de euros máis a gasto social que hai catro anos e Galicia terá o orzamento máis alto da súa historia en sanidade, con 3.858 millóns de euros.

 

“Pero máis alá do cuantitativo, nós como Goberno destinamos máis recursos ao máis importante, ás persoas”, incidiu o titular de Facenda. Así, explicou que a Xunta destinará a sanidade o 40,7% do gasto non financeiro total, 5 puntos máis que en 2009, e o 24% do gasto non financeiro irá destinado a Educación, cun incremento de 1,2 puntos. En global, o Orzamento da Comunidade Autónoma para 2018 ascende a 9.487 millóns de euros, un 2,9% máis respecto ao orzamento en vigor e o máis alto da década. Ademais, o Goberno galego decide un ano máis esgotar o teito de gasto aprobado o verán na Cámara.

 

331 millóns de euros máis

Na súa intervención, Valeriano Martínez detallou que a Xunta de Galicia disporá o vindeiro ano de 331 millóns de euros máis respecto ao actual orzamento. Isto é así porque a Xunta incrementa o seu gasto non financeiro en 266 millóns, aos que se suman 65 millóns máis que se obteñen polo aforro en xuros da débeda, o que permitirá reforzar o gasto social, a innovación e a creación de emprego. Estes son ademais os terceiros presupostos expansivos consecutivos, de modo que Galicia disporá de 1.100 millóns máis que en 2015.

 

O conselleiro de Facenda detallou que estas contas apostan por elevar o gasto social –que aumenta en 202 millóns- e os investimentos, que acadan un incremento do 6,6%, o que supón o maior esforzo investidor realizado pola Xunta desde antes da crise. O obxectivo do Goberno galego é que consolidar a creación de emprego e a mellora do mercado laboral coa creación duns 17.500 novos postos de traballo.

 

Ademais, a través da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas o Goberno galego introducirá novas baixadas de impostos que se suman ás xa aprobadas nos dos últimos anos. Valeriano Martínez explicou que estas novas bonificacións fiscais teñen como finalidade dinamizar o medio rural, os centros históricos e a compravenda de solo industrial, e lembrou que en 2018 continuará vixente a supresión do Imposto sobre Sucesións para o 99% dos galegos que reciben unha herdanza dun familiar directo, así como a baixada no IRPF para o 98,5% dos contribuíntes e o novidoso programa de Impostos cero no rural.

 

Crecemento en estabilidade

O titular de Facenda resaltou que Galicia é a comunidade máis estable de España, e iso supón “unha vantaxe comparativa clara”. “A estabilidade facilita que se poidan tomar decisións a prol dos cidadáns galegos coa certeza de que as medidas que se adopten se poderán levar á práctica”, sinalou na súa intervención, tras incidir en que a estabilidade institucional que ten Galicia “xera confianza, e a confianza xera crecemento”.

 

Neste sentido, recalcou que o principal obxectivo do Goberno galego en 2018 será reforzar a recuperación económica –o PIB autonómico medrará un 2,5%, máis do agardado para España-, para que os efectos positivos desta recuperación cheguen a todos os fogares.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress