Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Martes, 21 de noviembre de 2017 | Leída 9 veces
Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña distribúe nos centros de ensino unha curta e un videoclip contra a violencia machista

As Máis Boas Cás Patacas din que están “superadas” polo impacto do tema “Son Muller” e que teñen que centrarse “nos estudos”…

[Img #43835]

 

As áreas de Igualdade e Cultura da Deputación da Coruña distribúen nos centros de ensino a curtametraxe “O Túnel” elaborado polo IES Moncho Valcarce das Pontes, gañadora do Concurso de Guións contra a Violencia de Xénero, e o videoclip da canción “Son Muller” do grupo “Máis Boas Cás Patacas” (MBCP) para contribuír á loita contra a violencia de xénero. O grupo de Teo desculpa non poder asistir á todos os convites que reciben porque  teñen que “centrarse nos estudos”.

 

Están feitos por mozos e mozas e diríxense, en especial,  a un público da súa idade, coa linguaxe propia da súa xeración e agora a Deputación da Coruña distribúeos por todos os centros de ensino co fin de contribuír á loita contra a violencia machista, nesta semana en que se conmemora o día internacional o 25 de novembro. Trátase da curtametraxe “O Túnel”, elaborada por alumnado do IES Moncho Valcarce das Pontes

cuxo guión resultou gañador do terceiro Concurso de Guións Contra a Violencia de Xénero da área de Igualdade e o videoclip da canción “Son Muller”, do grupo de Teo, Máis Boas Cás Patacas, gañador na categoría xuvenil do concurso musical “Quero Cantar”.

 

Videoclip e curtametraxe poderán ser empregados como ferramentas educativas nos centros de ensino para concienciar ao alumnado na loita contra o machismo. Neste sentido, as mozas de MBCP veñen de facer pública unha carta en que se mostran “enormemente agradecidas a todas as persoas que se interesaron polo noso traballo e felices por contribuír nunha loita que máis cedo ca tarde terá que rematar en VITORIA”. Na carta, lamentan non poder responder a todos os convites que reciben para contar con elas en actividades educativas mais explican que a súa vida “a estas alturas xira fundamentalmente arredor dos estudos” e non poden perder aulas para ir a todos os centros de ensino dos que son reclamadas. (Adxuntamos comunicado das MBCP)

 

Lúa, Valeria e Ruth, a guitarra de Ana, o baixo de Sara, o uquelele de Carme, o piano de Cristina e a batería de Candela, son as "Máis boas cás patacas”, a banda de Teo que conseguiu co seu tema "Son muller" gañaron o concurso “Quero Cantar” da área de Cultura da Deputación da Coruña e revolucionar as redes sociais con milleiros de reproducións xa nos primeiros días de publicación do videoclip.

 

Na súa canción "Son muller", as oito mozas de Teo, estudantes do IES de Cacheiras –que teñen de 13 a 15 anos- reivindican os dereitos e a igualdade para as mulleres.

 

Pola súa parte, "O Túnel", é a curtametraxe elaborada polo alumnado do IES Moncho Valcarce sobre o seu propio guión, gañador do Concurso de Guións contra a Violencia de Xénero, que promove a área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade da institución provincial.

 

Alba Antúnez, Cristina Fernández, Carmela Franco, Jessica Moledo, Lucía Pernas, Noemi Purriños e Román Varela, son os nomes do grupo que traballou na elaboración da curtametraxe, rodada integramente en As Pontes,  que narra a historia de María, unha rapaza anulada polos micromachismos imperantes na sociedade e que ademais, é vítima da relación tóxica que mantén co seu mozo, Juan Pablo. Deste xeito, a situación fará que a protagonista entre nun túnel cara á morte, vendo poucas posibilidades de saír del. Eva González, Rubén Moledo, Sara Dopico, Andrés pita, Xenaro Saborido e Nuria Durán son os nomes de alumnas e alumnos que interpretan a curta na que participan ademais outras moitas persoas como figurantes.

O traballo, que tamén conta coa colaboración musical de 2Gether, foi desenvolvido durante o verán de 2017, e é o resultado do obradoiro dirixido por Belén Montero e Juan Lesta, da produtora Esferobite.

 

 

A curtametraxe “O Túnel”  pódese ver na seguinte ligazón

 

  • https://www.youtube.com/watch?time_continue=1&v=54Nto-Pcikc
  • O vídeo de MBCP pódese descargar nas seguintes ligazóns:
  • https://drive.google.com/file/d/10o0BIcHvrOro1YoTFplh9DwVnUrTlGXy/view?usp=sharing

 

Versión con menos calidade para as redes sociais

  • https://drive.google.com/file/d/14Y697BNCZTuo4GZx7YfZncNZt1JDmZuf/view?usp=sharing
  • Tamén está publicado no fb de @Querocantar e @Culturadac.
  • Carta Íntegra dirixida aos centros de ensino de Máis Boas Cás Patacas

 

Moi boas a tod@s

Queriamos contarvos que despois de moita insistencia, os nosos esforzos por conseguir que as profesoras e os profesores de 3º da ESO nos aprobasen o curso pola cara non deu resultado. É dicir, que non nos queda outra que estudar ;)

 

E queriamos contárvolo porque andamos un pouco superadas polo tema este de “Son muller”. A verdade é que estamos súper felices de que guste tanto e sentímonos moi agradecidas por todas as invitacións que estes días estamos a recibir. Por iso nos desgustaría que alguén se molestase se non podemos atender as súas peticións.

 

Nos primeiros días tras presentarmos o videoclip de “Son muller” tivemos algunha invitación, que aceptamos porque naquel momento non nos supuña maior atranco; mais o certo é que a cousa comezou a crecer dun xeito tal que agora mesmo non nos vemos capaces de dicir que si a todas as propostas que nos chegan. No instituto están que botan fume respondendo chamadas e correos!

 

Lembrade por favor que non somos máis ca un grupo de amigas que se xuntan para aprender música e facer algunha canción, pero que a nosa vida a estas alturas xira fundamentalmente arredor dos estudos, (concretamente 3º da ESO, como diciamos, que non vos é broma!!). Agora imos cumprir os compromisos que xa aceptaramos. Tamén imos seguir co grupo, pero cando acabe o curso e teñamos máis tempo para lle dedicar á música. Quizais para daquela poidamos atoparnos.

 

O dito, enormemente agradecidas a todas as persoas que se interesaron polo noso traballo e felices por contribuír nunha loita que máis cedo ca tarde terá que rematar en VITORIA. Seguirémonos vendo.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress