Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Viernes, 17 de noviembre de 2017 | Leída 9 veces

Conde constata en México a expansión internacional da automoción galega grazas ao seu esforzo constante por innovar

Asegura na visita, na que o sector da automoción de Galicia estivo representado polo CTAG, que a planta de Viza é un exemplo claro de canto está crecendo a industria galega de compoñentes, e que reflicte como a innovación lle está abrindo portas ao sector nos mercados estranxeiros. A nova planta, que vai prover a Volkswagen en Puebla, é unha das 3 filiais que esta empresa de capital cen por cento galego ten no estranxeiro...

[Img #43815]O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, puxo en valor a expansión internacional da economía galega, concretamente do sector da automoción, grazas ao seu esforzo constante por innovar e posicionarse en novos mercados. Así o manifestou nunha visita á nova planta de Viza en Puebla na que o titular de Economía foi recibido polo director da instalación, Alberto Álvarez.

 

No encontro, o sector da automoción de Galicia estivo representado polo CTAG, en concreto, polo director da División de Procesos e Materiais, Antonio Mateos, quen asegurou que México é unha oportunidade tanto para o centro tecnolóxico, como para a industria da automoción galega.

 

A nova planta de Viza é unha das tres filiais que esta empresa de capital cen por cento galego ten no estranxeiro. Acaba de entrar en funcionamento e fabricará para Volkswagen as armaduras dos asentos do novo modelo que a multinacional alemá ensambla en Puebla, onde ten a súa segunda planta máis importante a nivel mundial. “É unha empresa de terceira xeración que ten na súa capacidade tecnolóxica e de innovación un talento diferenciador que lle está a permitir desenvolver un proceso de internacionalización”, explicou Conde.

 

Segundo sinalou o conselleiro, Viza é un exemplo claro de canto está crecendo a industria galega de compoñentes da automoción á marxe da gran empresa tratora que é PSA. Ao respecto, apuntou que o volume de ingresos global das empresas auxiliares aumentou un 20% nos últimos 3 anos e as súas vendas ao exterior rexistraron un incremento do 5,7% en 2016 (1.160M€). A industria de compoñentes, tamén nos últimos 3 anos, triplicou a súa facturación.

 

Ademais, indicou que Viza reflicte como a innovación lle está abrindo portas ao sector no mercado internacional. “É unha demostración de como Galicia e como o sector da automoción galego están, a través da innovación, posicionándose nos mercados internacionais”, subliñou. Neste sentido, apuntou que o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) é socio de moitas empresas de compoñentes que, como Viza, están desenvolvendo produtos e servizos que incorporan as últimas innovacións da industria. “O posicionamento internacional de Galicia ven a través da innovación”, engadiu.

 

De feito, das 30 Unidades Mixtas de Investigación que promove a Xunta para impulsar a colaboración público-privada e captar novos investimentos para a industria galega, 10 son no sector da automoción, e en 5 colabora o CTAG. Nunha delas, con Viza, cun investimento total de dous millóns de euros.

 

Conde destacou que esta empresa galega, provedora de PSA e Mercedes, é unha empresa altamente internacionalizada e salientou que México é un dos principais mercados para a industria da automoción. Sobre todo, porque é o 7º fabricante mundial de vehículos, xusto por diante de España, con preto dun millón e medio de empregos directos e indirectos vinculados a esta industria. E porque Puebla é a 4ª rexión con maior rexistro de exportacións a nivel mundial.

 

Nunha reunión posterior co director xeral da Asociación Mexicana da Industria Automotriz, Fausto Cuevas, o conselleiro puxo en valor o peso deste sector en Galicia e o modo en que se internacionaliza “mantendo o coñecemento e a cabeza en Galicia e estendendo as súas mans e o seu saber facer a novos países como México”. Foi unha xuntanza onde avaliaron os intereses e oportunidades comúns para este sector en ambos os dous países. De feito, o encontro serviulle ao CTAG para buscar e estudar vías de colaboración co sector da automoción mexicano.

 

Reunión con empresarios mexicanos

Hoxe, na segunda xornada de estancia en México, Francisco Conde tamén manterá un encontro con empresarios locais con intereses comerciais con España e Europa organizado por Proméxico, que depende da Secretaría de Economía do Goberno mexicano, para promover o comercio e o investimento internacional. O seu principal cometido é impulsar o país como un destino atractivo, seguro e competitivo para o investimento estranxeiro, fomentando a exportación de produtos nacionais e apoiando a internacionalización das empresas mexicanas.

 

O obxectivo da xuntanza é presentarlles as facilidades administrativas e fiscais que Galicia ofrece ás empresas que queiran investir ou implantarse en solo industrial galego a través da nova Lei de implantación empresarial. E tamén a capacidade loxística, innovadora e a propensión exportadora da economía galega.

 

Hai que ter en conta que México é xa un socio estratéxico para a economía galega porque son moitas as empresas galegas que traballan ou exportan a ese país. Desde 2009 creceron un 70%, e de xaneiro a agosto deste ano foron 437 as compañías galegas que exportaron cara alí, un 4% máis que no mesmo período de 2016. México representa hoxe o 45% do total das exportacións galegas a Latinoamérica que, en 2016, alcanzaron un valor de 1.000 millóns de euros. E sectores como a automoción e o naval son os que maior presenza teñen neste país.

 

Conde presentaralles os valores da Marca Galicia e o esforzo que está a facer a industria galega por ser máis competitiva, máis internacional e máis innovadora. A baza coa que medirnos fronte a países que, máis alá de reducir custos, non teñen capacidade para ofrecer ese know how que Galicia si sabe achegar en sectores como o naval, a automoción, o téxtil ou o agroalimentario.

 

Neste sentido, porá en valor como a fórmula da cooperación público-privada entre empresas e centros de coñecemento galegos está a impulsar sectores estratéxicos e emerxentes da industria galega. E, sobre todo, a vontade da Xunta de que todo ese esforzo xere un retorno e todo ese atractivo da industria galega poida medirse non só en termos de exportación, senón tamén de investimentos.

 

Para iso, a nova Lei de implantación empresarial, en colaboración cos concellos, garantirá menos trámites administrativos e menos carga fiscal ás empresas que aposten por Galicia. E, polo tanto, confiou en que será unha oportunidade para afianzar novos proxectos de investimento con México en sectores onde existen intereses recíprocos, “abrindo novas oportunidades de negocio”, concluíu.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress