En total participarán preto de 186 alumnos e alumnas de primaria. A unidade didáctica está organizada en tres bloques: resolución de conflitos, habilidades sociais e mediación entre iguais. A Festa da Igualdade realizarse o 23 de novembro no pavillón do CEIP Otero Pedrayo da Laracha...
O Concello da Laracha, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), comezou a desenvolver nesta semana nos centros de ensino os obradoiros de promoción da igualdade. Os contidos a abordar -organizados en tres bloques: resolución de conflitos, habilidades sociais e mediación entre iguais- foron previamente consensuados polo goberno local, técnicos municipais e representantes dos colexios da Laracha, Paiosaco e Caión, que precisamente hoxe volveron celebrar unha nova xuntanza de traballo para revisar a programación da 3ª Festa de Igualdade.
A finalidade xeral dos obradoiros é proporcionar ao alumnado as ferramentas que lle axuden a mellorar as súas habilidades interpersoais. Os obxectivos específicos do programa céntranse en dotar aos participantes de habilidades sociais para a resolución de conflitos, aprender a detectar os diferentes tipos de condutas (pasiva, agresiva e asertiva) e educar na resolución de situacións de risco de xeito positivo.
Durante as próximas semanas, ata as vacacións de Nadal, os 186 alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria participarán, en horario escolar, nestes obradoiros. Cada aula realizará catro sesións en total dunha hora de duración cada unha. A metodoloxía caracterizarase pola participación activa do alumnado (por medio de xogos e o emprego de material audiovisual), pero tamén pola súa reflexión crítica, o que permite facer dos obradoiros unhas experiencias dinámicas e lúdicas.
Á marxe deste programa, cabe lembrar que o xoves da próxima semana (23 de novembro), con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a violencia de xénero, o Concello da Laracha organizará a anteriormente citada 3ª Festa da Igualdade, consistente nunha xornada de convivencia na que participarán alumnos de 5º e 6º de primaria dos tres colexios. Realizaranse actividades lúdicas e xogos cooperativos relacionados co respecto, a corresponsabilidade, a igualdade de oportunidades e a tolerancia cero coa violencia. Nesta ocasión o evento terá lugar no pavillón do CEIP Otero Pedrayo da Laracha.