Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Sábado, 7 de octubre de 2017 | Leída 15 veces
Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña organiza a primeira homenaxe nacional ao poeta Paco Souto

Artistas de distintos ámbitos participarán o día 11 de novembro no Teatro Colón en “Atesourando a palabra”...

[Img #43403]

 

Oito meses despois da súa tráxica morte, a área de Cultura da Deputación da Coruña organizará a primeira homenaxe nacional ao poeta Paco Souto. Coordinada pola poeta e colaboradora súa, Rosalía Fernández Rial, o acto desenvolverase o vindeiro día 11 de novembro no Teatro Colón.

 

“Atesourando a palabra” convocará na Coruña poetas e artistas que formaban parte do universo creativo de Paco Souto, un poeta que era ademais aglutinador de creadores e creadoras e dinamizador cultural de numerosas iniciativas culturais.

 

A área de Cultura da Deputación da Coruña convoca o acto que terá lugar no Teatro Colón e ten como obxectivo reunir persoas de distintos ámbitos artísticos que tiveron unha estreita relación con Paco Souto. “Convocar poetas e artistas foi fácil xa que estamos diante dunha persoa que na súa traxectoria promoveu multitude de iniciativas culturais que implicaron todas as artes e, en especial, unha pluralidade de nomes da nosa cultura”, sinala Goretti Sanmartín Rei, vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña.

 

“Atesourando a palabra” é o título da homenaxe que coordina e presentará a poeta Rosalía Fernández Rial, que participou en numerosos proxectos con Paco Souto. Canda ela, participarán na homenaxe poetas como Miguel Mato Fondo, Marta Dacosta, Xosé Iglesias, Lino Braxe, María Xosé Fernández e Paco de Tano. Artistas plásticas como Viki Rivadulla, Peter Kramer, Peter Schneider, Mon Lendoiro, Chiña e Abraham Vila canda a música de Serxio Moreira, Aida Saco e Fran Barcia contribuirán a construír a figura interdisciplinar que era Paco Souto.

 

En coherencia coa personalidade e o discurso artístico do escritor, o espectáculo terá unha posta en escena na que confluirán a poesía, a música e a plástica en que diferentes profesionais das distintas áreas dialogarán arredor da figura dun escritor que deixou a súa obra e a memoria da súa xenerosidade tamén á hora de promover proxectos colectivos.

 

“Paco Souto é, sen dúbida, un dos poetas máis activos da nosa cultura das últimas tres décadas. Da súa man naceron interesantísimos proxectos editoriais e artísticos cun labor tan intenso que levou a que o goberno municipal do seu concello decidise poñer o seu nome á Casa da Cultura”, engade Goretti Sanmartín que lembrou tamén o seu compromiso coa cultura que destacou tamén na súa actividade como concelleiro en Corme.

 

Un poeta cun proxecto

Nacido na Coruña en 1962, Paco Souto morreu en exercicio do seu traballo de percebeiro en Razo o 30 de marzo deste mesmo ano. Poeta, editor e promotor cultural, obtivo, entre outros, os premios Espiral Maior 1994 por As árvores do incesto e o Johán Carballeira do concello de Bueu 2006 por As horas de María. Participou en exposicións colectivas e individuais, ilustrou libros e colaborou en diversas montaxes teatrais. En 1993 realizou xunto a Laura Quintillán e Kukas o espectáculo pluridisciplinar América; no 2001 creou Aínda con Serxio Moreira ao piano e realizaron Como augas de maio e en 2003 Aviléscanto, unha homenaxe a Avilés de Taramancos. En 2007, As horas de María e en 2008, por encarga da A. C. Monte Branco, unha homenaxe a Xelucho Abella, autor homenaxeado nas Festiletras do Couto, Lugar de incendios, montaxe que reunía pintura e poesía da súa autoría con música do pianista Serxio Moreira. En 2016 publicou o seu último libro individual, e Caín.

 

Con Rosalía Fernández Rial, Serxio Moreira á música e a fotografía de Peter Schneider asinou Tempo escuro. En 2015 daban ao prelo Catálogo con Rosalía Fernández Rial e os ilustradores Chiña e Mon Lendoiro. E editaron o CD Proxecto Barro, parte dun espectáculo multidisciplinar que clausurou a Mostra da Oleiría de Buño.  Dirixiu con Paco de Tano a colección de poesía Caldeirón. onde se editan os premios de poesía erótica Illas Sisargas.

 

Neste mesmo ano, o seu poema “Terradentro” gañou o premio aRitmar da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela. (datos tirados da ficha do autor da AELG).

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress