A parroquia arteixana de Larín celebra a vindeira fin de semana as súas festas en honor ao seu patrón, San Roque, e arrancan os festexos o xoves 26 de agosto, ás 19:00 horas, con inchables e chuches de balde para os máis cativos, e cine ao aire libre, a través do programa “Noites de Cine” da Deputación Provincial, coa proxección, dende as 22:00 horas, do filme “Disaster Movie”...
O venres 27 abrirá os festexos a misa na capela, seguida de sesión vermú coa orquestra Marca. E, xa na noite, a partir das 23:00 horas, verbena coas orquestras Marca e Triunfo.
O sábado 28 as alboradas predecerán á misa, que rematará dando comezo á sesión vermú a cargo da orquestra Samba. Xa na tarde, dende as 19:00 horas, o toro mecánico será o encargado de animar á concurrencia, que poderá despois bailar ao son das orquestras Samba e Ciclón.
As festas rematarán o domingo 29, con alboradas e misa seguidas da actuación da orquestra Bluestar. O fútbol será o protagonista da tarde, cun partido entre solteiros e casados que dará comezo ás 19:00 horas, para poñer o broche de ouro á troula coa verbena a cargo da orquestra Bluestar.