Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Miércoles, 4 de octubre de 2017 | Leída 14 veces
Deputación da Coruña

A Libraría de Mulleres Lila de Lilith gaña o I Premio Begoña Caamaño á mellor Iniciativa Cultural pola Igualdade

A Libraría de Mulleres Lila de Lilith é a gañadora do Premio Begoña Caamaño á mellor Iniciativa Cultural pola Igualdade da área de Cultura da Deputación da Coruña na súa primeira edición. Así o decidiu o xurado reunido onte martes ao destacar a condición de “espazo cultural de referencia para o feminismo” da libraría con sede en Santiago de Compostela...

[Img #43365]

 

Un xurado composto por Mª Xosé Porteiro, Encarna Otero, Mª Xesús Nogueira  e Camiño Noia, coa xefa de servizo Mercedes Fernández Albalat como secretaria e a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei, en calidade de presidenta, decidiu por unanimidade premiar á Libraría Lila de Lilith como gañadora do I Premio Begoña Caamaño á mellor Iniciativa Cultural pola Igualdade.

 

O xurado destacou que a Lila de Lilith, promovida por Patricia Porto Paderne, supón “un punto de encontro e traballo dos feminismos, unha aposta económica en momento de crise en que a actividade feminista e cultural era escasa, que contribuíu a dinamizar urbanística e economicamente a súa contorna demostrando que o feminismo é unha alternativa que xera traballo e riqueza cunha demanda consolidada no tempo”. Insistiu na súa condición de “única libraría feminista de Galiza que é xa un referente na cultura pola igualdade”.

 

Máis de vinte propostas presentadas por persoas e colectivos concorrían ao certame que por vez primeira convocaba a área de Cultura da Deputación da Coruña que dirixe a tamén vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei. O xurado fixo fincapé, neste sentido, na “calidade das propostas, algunhas con moita traxectoria e outras de vangarda á que lles agarda un bo futuro, o que demostra o traballo feminista que se está a desenvolver desde distintos espazos e territorios” . Así mesmo, fixo mención explícita “á felicitación pola convocatoria deste premio, unha iniciativa necesaria que se demostra coa cantidade de propostas presentadas”.

 

Neste sentido, a vicepresidenta Goretti Sanmartín, insistiu no “recoñecemento que este premio supón para tantas iniciativas que están a traballar desde a cultura pola igualdade”. Referiuse ás interesantes propostas presentadas por colectivos e particulares que, segundo sinalou, “garanten a continuidade dun concurso cun perfil único nunha liña de traballo en que queremos insistir, contribuíndo desde a cultura á igualdade, tanto en programacións como en distintas iniciativas que estamos a desenvolver”.

 

Seis anos de actividade continuada

Creada no outono do ano 2011, a Lila de Lilith supón, segundo unha das seis candidaturas que a presentaron ao concurso, “o chanzo final dun proxecto anterior de máis de quince anos de andaina, enfocado na coeducación”. Preséntase a Lila de Lilith, como unha “libraría de mulleres, feminista, que realiza un inxente labor cultural de divulgación literaria e científica de textos, música e obxectos de artesanía feitos por mulleres: unha libraría que achega ao público bibliografía tanto de autoras actuais como clásicas, especialmente en narrativa, poesía infantil, banda deseñada e ensaio de temas especializados, sempre con perspectiva de xénero”.

 

Mérito da libraría feminista é, segundo unha das propostas que a candidataron, unhainiciativa que desde un “pequeno e acolledor local aberto á zona vella compostelá” ao longo de sete anos de maneira ininterrompida, desenvolve “unha morea de iniciativas culturais, propostas artísticas, programación de cursos, actividades, obradoiros, lanzamentos de libros, relatorios, concertos, performances, teatro, etc…, un incesante labor diario vinculado intimamente co feminismo e co pensamento das mulleres, de tal maneira que hoxe é xa toda unha referencia a nivel feminista e non só para o pobo de Compostela, senón para toda Galiza, para o estado e mesmo internacional, sendo tamén un polo de transmisión da nosa cultura e de apoio á normalización lingüística, tendo o galego como lingua vehicular en todas as actividades que organiza”.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress