Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Martes, 3 de octubre de 2017 | Leída 12 veces

Comeza a tempada outonal dos trens turísticos para gozar do termalismo en Ourense, A Coruña e Lugo durante o mes de outubro

Esta fin de semana está prevista a viaxe inaugural de ‘Ourense termal e de compras’ que inclúe, ademais de compras, unha sesión nas súas augas termais. Do termalismo tamén se poderá gozar nas vindeiras saídas dos trens ‘Lugo romano’ e ‘Descubrindo A Coruña’, para as que xa están á venda os billetes. A iniciativa está promovida por Turismo de Galicia, Renfe e o Inorde e acadou un amplo respaldo durante os meses de verán nas rutas que circularon por Galicia...

[Img #43364]A tempada outonal dos Trens Turísticos de Galicia vén de comezar estes días coas primeiras saídas programadas dos trens turísticos nos que os participantes poderán achegarse durante este mes de outubro ás cidades de Ourense, A Coruña e Lugo para gozar nunha viaxe dun día dos variados recursos que ofrecen, incluíndo unha sesión termal en cada unha das tres cidades.

 

Tras as primeiras saídas do tren Lugo romano e Descubrindo A Coruña a pasada fin de semana, para este sábado 7 de outubro está prevista a viaxe inaugural de Ourense termal e de compras, partindo desde Santiago de Compostela, aínda que existe a posibilidade de facelo desde A Coruña e Vigo.

 

O itinerario inclúe unha completa visita guiada polo centro histórico, para facilitar as compras polo comercio de proximidade, así como unha parada nas termas de Outariz, para gozar das propiedades das augas da que é a segunda potencia termal de Europa. Tras a saída deste sábado 7, os interesados en subir ao tren Ourense termal e de compras terán unha segunda oportunidade para facelo o 21 de outubro.

 

A tempada outonal dos trens turísticos, inclúe tamén unha nova saída do tren Descubrindo A Coruña. Será o sábado 14 de outubro, nun itinerario que parte desde Santiago de Compostela, aínda que existe a posibilidade de achegarse desde Vigo e Ourense. Esta ruta inclúe un percorrido polo paseo marítimo, deténdose na Torre de Hércules –Patrimonio Mundial- e unha visita pola cidade vella. Os participantes poderán achegarse, ademais, ao monte San Pedro e rematar gozando das instalacións de Termaria-Casa da Auga.

 

Billetes xa á venda

Para coñecer Lugo a bordo dos trens turísticos de Galicia, a data prevista será o vindeiro sábado 28 de outubro. O itinerario Lugo Romano terá saída desde A Coruña, aínda que tamén se poderá partir desde Santiago de Compostela. Inclúe visitas á Casa dos Mosaicos e ao Centro de Interpretación da Muralla, que é tamén Patrimonio Mundial, ademais de poder gozar dunha sesión de termalismo no Balneario de Lugo.

 

Os billetes para todas estas rutas da tempada outonal dos trens turísticos de Galicia xa poden adquirirse a través da web de Renfe e nas estacións, con prezos de 40 euros para adultos, 20 para nenos e descontos para grupos. Os interesados atoparán toda a información na páxina web de Turismo de Galicia, www.turismo.gal. Ao poder gozar en cada unha das rutas dunha sesión termal, aconséllase que as persoas participantes leven gorro, calzado axeitado e roupa de baño.

 

Estas propostas forman parte da iniciativa, levada a cabo por Turismo de Galicia, Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), que vén de circular durante este verán pola Comunidade galega cun gran éxito de público, con 45 saídas entre xuño e setembro e preto de 2.000 persoas a bordo. Trátase dunha oferta xa consolidada na Comunidade galega que, como novidade este ano, prosegue este outono con estas novas rutas que permiten achegarse a tres destinos urbanos durante o mes de outubro.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress