Javier Guerra adianta que as axudas específicas benefician a 49 Centros Comerciais Abertos e 15 Prazas de Abastos das catro provincias galegas, o que contribúe á consolidación duns 7.930 postos de traballo...
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, anunciou onte que o seu departamento ven de adxudicar unha partida global de 3,33 millóns de euros á dinamización de 15 Prazas de Abastos e 49 Centros Comerciais Abertos das catro provincias galegas ao abeiro das axudas establecidas no programa de subvencións destinadas a mellorar a competitividade destas organizacións comerciais.
Guerra sinalou que “tanto as Prazas de Abastos como os Centros Comerciais Abertos teñen un posicionamento estratéxico no desenvolvemento do comercio galego de proximidade”, de xeito que esta nova liña ven a potenciar a actividade do pequeno e mediano comercio, un obxectivo estratéxico do Goberno galego establecido no Plan Ágora- Agora re-Comercia, dotado con case 130 millóns de euros.
En total, serán 7.930 postos de traballo en 42 concellos galegos os que se verán favorecidos por esta iniciativa cuxo obxectivo é fortalecer e consolidar a actividade comercial. Neste programa específico para Prazas de Abastos e Centros Comercias Abertos contémplase un incremento da porcentaxe subvencionable de até o 70% fronte ao anterior 60%, e os beneficiarios poderán recibir un anticipo do 25% co fin de mellorar a eficiencia destas axudas orientadas a fortalecer ao pequeno e mediano comercio galego.
De acordo coas liñas estratéxicas deseñadas pola Consellería de Economía e Industria, esta orde xa resolta ten a finalidade de reforzar ás organizacións que adoitan potenciar a actividade do pequeno e mediano comercio, ao introducir novidades como a inclusión dos xerentes dos Centros Comerciais Abertos na nova Rede de Dinamización Comercial ou ao facilitar, por primeira vez, a constitución dunha xerencia para as Prazas de Abastos.
Ademais, a execución deste programa xunto coa recente habilitación da liña de adecuación e mellora dos equipamentos comerciais municipais (dotada con 7,4 millóns de euros) constitúen o primeiro paso para a posta en marcha da estrutura básica da re-Dic (Rede de Dinamización Comercial de Galicia) en toda a Comunidade Autónoma de Galicia.
Deste xeito, todos os presidentes de asociacións comerciais beneficiadas polas axudas do Goberno galego e os xerentes dos CCA, incluídos na re-Dic, traballarán en colaboración coa Xunta, para facer chegar aos comercios locais toda a información e os apoios deseñados co fin de dinamizar a súa actividade.
Cetros Comerciais Abertos
En concreto, esta orde fomenta a dinamización e rehabilitación dos centros comerciais abertos a través do apoio ao financiamento dos gastos das unidades xerenciais e do desenvolvemento de sistemas de fidelización mediante servizos para promover as vendas directas, fidelizar e atraer aos consumidores, así como favorecer a sinalización e a dinamización comercial.
Ademais, concédese especial importancia ás iniciativas de cara a mellorar a competitividade comercial a través do apoio a proxectos de creación ou posta en funcionamento e consolidación de centrais de compras e servizos; creación de redes de comunicación, e celebración de xornadas técnicas e congresos en materia de comercio.
Os Centros Comerciais Abertos beneficiados están distribuídos en localidades das catro provincias galegas. Así, na provincia de Pontevedra veranse beneficiados centros comerciais abertos nos concellos de O Grove, Vilagarcía de Arousa, Vigo, Sanxenxo, Gondomar, Marín, A Guarda, Pontevedra, Cambados, Caldas de Reis, Redondela, Tui, A Estrada, Ponteareas, Baiona, O Porriño, Moaña, Bueu e Cangas; na provincia da Coruña, centros comerciais abertos dos concellos de A Coruña, Santiago, Carballo, Noia, Rianxo, Ferrol, Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Melide, Betanzos e Arteixo; na provincia de Ourense, centros comerciais nos concellos de Ourense, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Verín; e na provincia de Lugo, centros comerciais nos concellos de Lugo, Ribadeo, Viveiro, Sarria, Monforte de Lemos e Chantada.
Prazas de Abastos
Tamén se financia a dinamización e rexeneración das prazas de abastos, que inclúe a promoción de instalacións e equipamentos e o apoio á contratación dun xerente para o desenvolvemento das tarefas de coordinación e orientación, ligadas a un proxecto de dinamización do mercado, función que poderá desempeñarse de xeito compartido entre varias prazas.
Neste programa de promoción das Prazas de Abastos, se financiara a creación de sistemas de fidelización a través de servizos dirixidos aos clientes que supoñan unha vantaxe para estes, así como a sinalización e a dinamización comercial.
As prazas de abastos beneficiadas concéntranse, basicamente, na provincia de Pontevedra (Vilanova de Arousa, O Grove, Sanxenxo, Moaña, Bueu, Cangas, Vigo, Caldas de Reis, Marín, Ponteareas e A Guarda). O resto corresponden ás asociacións de Ourense e A Pobra do Caramiñal, na provincia da Coruña.
Por outra banda, cómpre sinalar a modificación dos criterios de valoración, feita co obxectivo de acadar unha maior obxectividade e fomentar a implementación da calidade no sector comercial. De xeito que se ten outorgado unha especial importancia nos criterios de avaliación ao emprego de materiais ecolóxicos e reciclables en embalaxes ou bolsas, á adopción de medidas de redución de impacto ambiental e ao porcentaxe de establecementos, integrados nas diversas asociacións, que teñan implantada a norma UNE (175001-1) de calidade de servizos para o pequeno comercio.