O proxecto levará a varias cidades e vilas polas que discorren as rutas xacobeas partidos do Lobelle, cursos para os máis novos e distintas actividades...
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou onte a iniciativa Fútbol Sala no Camiño, organizada en colaboración co Xacobeo Lobelle. Este proxecto enmárcase dentro do Camiño do Deporte da programación do Xacobeo e levará partidos, cursos para nenos e distintas actividades a varias cidades e vilas polas que discorren as rutas xacobeas. No acto tamén estiveron presentes o presidente do Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS, José Antonio Lobelle; o adestrador do club, Tomás de Dios; e os capitáns, Alemao e Pola.
Roberto Varela asegurou que os obxectivos do proxecto Fútbol Sala no Camiño son “ofrecer un espectáculo deportivo de élite por distintos concellos do Camiño, difundir aínda máis o nome do Xacobeo, aportar unha experiencia inesquecible para moitos nenos e nenas, e favorecer o coñecemento e a práctica do fútbol sala e do deporte en Galicia”.
O conselleiro destacou que no proxecto “os grandes protagonistas son os nenos galegos, o fútbol sala e o Xacobeo Lobelle, un equipo senlleiro dentro do deporte da nosa terra e un dos que máis alegrías lle aportou a Galicia nos últimos anos”.
A xira, que terá lugar durante os meses de agosto, setembro e outubro deste 2010, non será unha simple iniciativa con partidos de exhibición, senón que os encontros estarán acompañados de cursos nos que xogadores de primeiro nivel achegarán aos nenos algúns dos seus secretos. Asemade, nos Campus incluiranse sesións de traballo táctico, charlas con xogadores e unha ponencia sobre formación deportiva e fútbol sala dirixida a nenos e profesores. Segundo Roberto Varela, “esta mestura de teoría, práctica e espectáculo será a principal característica de Fútbol Sala no Camiño e un dos seus atractivos fundamentais”.
A iniciativa levarase a cabo en virtude dun convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Xacobeo Lobelle. O acordo recolle a finalidade de realizar actividades e programas específicos de promoción e potenciación das diferentes rutas xacobeas e as vilas polas que transcorren, a través da celebración de eventos deportivos dirixidos ao público máis novo.
O titular de Cultura e Turismo, asegurou que o Xacobeo 2010 Lobelle, actual subcampión da Copa e da Supercopa de España, “é un exemplo de como con humildade, pero con ambición, se poden alcanzar grandes cotas e brillantes éxitos, tanto no panorama nacional como internacional”. O Club Lobelle de Santiago é unha entidade que ten como fin fundacional o fomento e promoción do deporte do fútbol sala. Este club foi fundado en 1975 por José Antonio Lobelle, actual presidente do club, e nestes momentos ademais do conxunto da Liga Nacional de Fútbol Sala ten nove equipos máis en categorías inferiores, desde o filial ata o equipo benxamín.
‘Fútbol Sala no Camiño’
14 de agosto – 20h – Melide
Melide FS vs Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS
18 de agosto - 20h – Melide
Azkar Lugo vs Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS
21 e 22 de agosto – Torneo de Trabada
Participan: Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS, Reale Cartagena, Burela e Marfil Santa Coloma
25 de agosto – 20.30h - Noia
Noia FS vs Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS
28 de agosto – 19:00h – Pavillón de Os Remedios de Ourense
Burela FS vs Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS
1 de setembro – 21h - Pavillón de As Travesas de Vigo
Coruxo FS vs Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS
4 e 5 de setembro – Torneo en Cortegaça, Ovar - (Portugal)
Participan: Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS, Benfica, Crecor e Academica de Coimbra
21 de outubro – Arzúa
Arzúa FS vs Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS
27 de outubro – O Porriño
Rival por determinar vs Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago F