Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Jueves, 5 de enero de 2017 | Leída 9 veces

O sector lácteo galego encara o 2017 cun aumento dos prezos e cunha aposta decidida polo asociacionismo

O 24,2% dos gandeiros xa están unidos a través dalgún tipo de entidade e aglutinan o 55% da produción da nosa Comunidade. O prezo do leite sube por cuarto mes consecutivo en Galicia e o seu incremento supera ao rexistrado noutras comunidades como Andalucía, Asturias e Castela e León. Medra o número de explotacións integradas por mozos naqueles tramos con maior produción. A Consellería está notificando a concesión de achegas aos 205 beneficiarios de axudas para a liquidez das granxas por valor de 1,7 millóns de euros...

A Consellería do Medio Rural encara este novo ano con perspectivas positivas para o sector lácteo. Dunha banda, continúa a tendencia á alza dos prezos do leite (vai polo cuarto mes consecutivo no que sube a media), e por outra, apóstase de xeito decidido polo asociacionismo como garantía de futuro das granxas.

Proba diso é que o 24,2% dos gandeiros galegos xa están unidos a través de distintas fórmulas (Sociedades Limitadas, Sociedades Anónimas, comunidades de bens, cooperativas, Sociedades Civís ou SAT) e reúnen ata o 55,2% da produción na nosa Comunidade. Destacan especialmente as Sociedades Civís con 1.585 socios que producen o 32,20% do leite en Galicia, segundo os últimos datos do mes de novembro.

Neste sentido, a Consellería do Medio Rural subliña o importante esforzo feito polo sector nos últimos tempos e a súa aposta pola unión para ser máis forte. Destaca a aparición de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), creada a partir das principais produtoras galegas e que botou a andar este mesmo mes. Agora está claro que o futuro pasa por explotacións grandes e saneadas e pola transformación do leite.

Respecto ao prezo, en novembro a media na nosa Comunidade situouse en 29,7 céntimos/litro, fronte aos 28,7 do ano 2015. Así, nos últimos catro meses, Galicia conseguiu a segunda maior subida de prezo entre aquelas autonomías con vocación leiteira, só por detrás de Cataluña. Galicia medrou 3 céntimos fronte a 1,5 de Andalucía, 1,4 de Asturias e 2,7 de Castela e León. As perspectivas son ademais que o prezo siga crecendo.

Segundo o sistema unificado de información do sector lácteo Infolac, o 70% dos produtores galegos cobran entre 26 e 31 céntimos e o 20,25% está no tramo máis alto, cobrando por riba dos 30 céntimos o litro de leite. Grazas a estas cifras, a media na nosa Comunidade sitúase por riba doutros estados da Unión Europea entre os que se atopan algúns dos principais países produtores como Polonia ou Reino Unido. Estandarizando ademais o leite en parámetros de graxa e proteína (publicados na páxina web de Eurostat ata xullo de 2016) Galicia supera tamén a Dinamarca, Holanda, Irlanda, Alemaña, Bélxica e a maior parte dos países do leste.

Os máis novos, os máis activos
Os datos demostran tamén que son os gandeiros máis novos os que teñen granxas máis grandes. Aquelas explotacións dos tramos de produción máis altos, cunha produción superior aos 400.000 e incluso 700.000 quilogramos, teñen uns titulares máis mozos e incrementaron o seu número nos últimos anos. Pola contra, hai moitas máis explotacións nos tramos de produción máis pequenos (por debaixo dos 100.000 ou entre 100.001 e 200.000 quilogramos) nas que os seus titulares teñen unhas idades moi altas e próximas á xubilación. Son estas as granxas que están desaparecendo por falta de remuda xeracional.

Precisamente co obxectivo de fomentar esta remuda no rural e mellorar as explotacións, a Consellería do Medio Rural achegará entre 2016 e 2017 máis de 125 millóns de euros en axudas. Na última convocatoria aprobáronse 1.232 expedientes por un importe de máis de 60 millóns de euros.

Cómpre sinalar que, pese ao momento de crise vivido polo sector, a produción de leite mantense á alza en Galicia e sube cada ano, aínda que tradicionalmente descende lixeiramente nos meses de outono e inverno. Galicia segue a concentrar o 37% da produción láctea en España e o 55,3% dos gandeiros. Así, as grandes industrias están a apostar pola nosa Comunidade porque saben que ten a capacidade de dar resposta ás súas demandas de produción e de calidade. É o caso de Entrepinares ou Goodleit, que prevén grandes investimentos en materia de transformación no noso territorio para os vindeiros meses, polo que se incrementará o valor engadido do noso produto.

Apoio da Administración
Para seguir colaborando e facilitando o camiño ao sector de cara a facelo máis competitivo, a Xunta vén de convocar a nova orde de axudas plurianuais para transformación e comercialización dotada con 27,4 millóns de euros (cofinanciados nun 75% polo Feader). Con esta achega trátase de incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios.

Doutra banda, esta semana Medio Rural comezou a notificar aos beneficiarios a concesión das axudas para mellorar a liquidez das explotacións leiteiras. A Consellería puxo a disposición dos gandeiros 3 millóns de euros dos que finalmente só 205 solicitaron 1,7 millóns. Estas subvencións van destinadas aos titulares de granxas con dificultades financeiras derivadas da súa actividade.

Tamén de cara ao traballo de 2017, a Consellería márcase o obxectivo de regular a figura dos primeiros compradores que producen distorsións no mercado. Para iso, traballará da man do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress