Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Jueves, 5 de enero de 2017 | Leída 12 veces

As obras de ampliación de Sogama comezarán no mes de xuño e permitirá incrementar a súa capacidade de tratamento nun 81 por cento

O presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente, Javier Domínguez, avanzou esta mañá a adxudicación deste contratato, por un importe de 275 millóns de euros (máis IVE). Grazas a esta iniciativa, o complexo medioambiental de Cerceda pasará a tratar 1 millón de toneladas anuais de residuos urbanos, fronte a capacidade actual de 550.000. O proxecto inclúe a remodelación da planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible e a construción dunha nova planta para a recuperación dos envases de papel/cartón e plásticos que proceden do lixo en masa. Deste xeito, estímase que cada ano se remitirán 120.000 toneladas de materiais aos centros de reciclaxe, catro veces máis que hoxe en día...

[Img #40673]

 

O presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente, Javier Domínguez, avanzou esta mañá en rolda de prensa que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de adxudicar as obras da ampliación do complexo medioambiental de Sogama, situado en Cerceda, por un valor de 275 millóns de euros (+ IVE). Con esta actuación, aumentarase a súa capacidade de tratamento, que pasará das 550.000 toneladas anuais ata o millón de toneladas, o que se traduce nun 81% máis. Trátase, ademais, dunha mellora sobre o que viña recollido no prego do concurso no que se licitou este proxecto -no que se contemplaban 750.000 toneladas- achegada pola adxudicataria: a UTE galega Valtalia.

 

O contrato, que terá una vixencia de 15 anos, contempla a remodelación da actual nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible (PRTE), onde se procesa a denominada bolsa negra, isto é, os residuos municipais recollidos a través dos contedores verdes; a construción dunha nova planta para a recuperación dos envases de papel/cartón e plásticos contidos no lixo en masa (xa que o aceiro, aluminio e vidrio se seleccionan desde hai anos); e a operación, mantemento e limpeza de ambas instalacións.

 

Domínguez Lino destacou que ademais do aumento total da capacidade de tratamento, grazas á nova planta de recuperación de envases mellorarase a cantidade e calidade de materiais recuperados, que chegarán ás 120.000 toneladas que se remitirán anualmente aos centros de reciclaxe, catro veces máis que hoxe en día.

 

Ao mesmo tempo, este avance permitirá rebaixar, aínda máis, os residuos que se derivan ao vertedoiro de Areosa, que pasará a acoller unicamente a parte do lixo que non sexa reciclable, ou valorizable material ou enerxeticamente.

 

Indicou que a estas melloras súmanse outras vantaxes, como a xeración de emprego. Durante a construción da infraestrutura –aproximadamente uns 2 anos- crearanse 300 postos de traballo, aos que habería que engadir outros 200 empregos indirectos unha vez que a nova planta empece a operar.

 

Remate a finais de 2018

O presidente de Sogama aclarou que agora a a concesionaria dispón dun prazo de 3 meses para presentar o proxecto construtivo. Posteriormente, estímase outro prazo de 3 meses aproximadamente para que o concello de Cerceda conceda a licenza. Deste xeito, e se todo segue o seu curso, as obras comezarían en xuño de 2017 e rematarían a finais de 2018.

 

A partir dese momento, e podendo tratar adecuadamente 1 millón de toneladas anuais de residuos, Sogama converterase nunha das plantas das súas características máis grandes de Europa e do mundo, consolidando o seu liderado en España.

 

Ademais, a compañía pública pasará a ser un referente na xestión sustentable dos residuos urbanos, ao dar resposta aos preceptos da economía circular, tendo como principal obxectivo o máximo aproveitamento dos produtos a través da reciclaxe e a conversión dos residuos en recursos.


Plan autonómico de residuos urbanos 2010-2020

Esta ampliación enmárcase dentro do Plan autonómico de xestión de residuos urbanos 2010-2020, no Plan estatal marco de residuos (PEMAR) 2016-2022, e no Paquete europeo de economía circular.

 

Inscríbese, ademais, dentro da aposta pola continua mellora da empresa pública, que en 2015 acadou máximos históricos de eficiencia, procesando un 27% máis de lixo que en 2009 e vertendo un 55% menos. É preciso lembrar, ademais, que en breve comezará a construción dunha nova planta de compostaxe no vertedoiro de Areosa, con capacidade para 15.000 toneladas anuais, na que se investirán 2,4 millóns de euros, e que se prevé poida estar operativa o próximo verán.

 

Para rematar, Javier Domínguez sinalou que grazas a todos estes esforzos e avances, Galicia erixirase como un exemplo a seguir para a solución dun problema de primeira magnitude nas sociedades avanzadas como é o caso dos residuos urbanos; e converxerá con países europeos que se sitúan á vangarda no compromiso co medio ambiente, como Alemaña, Holanda ou Suecia, que presentan as taxas máis altas de reciclaxe e valorización e, consecuentemente, as máis baixas en canto a vertedura de residuos.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress