Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Jueves, 29 de diciembre de 2016 | Leída 17 veces

López Varela “os orzamentos están feitos con moitísima cautela e reflecten a realidade exacta do concello”

Os presupostos para 2017 foron aprobados no Pleno celebrado onte. Ascenden a 7.711.604,39 euros. Case 1,5 millóns de euros destinaranse a investimentos e 915.000, aos servizos sociais)...

[Img #40626]

 

O Pleno da Corporación municipal da Laracha, reunido onte en sesión extraordinaria, acordou aprobar os orzamentos xerais municipais para o exercicio económico 2017, así como o límite de gasto non financeiro e o cadro de persoal. Fíxose cos votos a favor do grupo de goberno (PP), as abstencións dos concelleiros do PSOE e do grupo mixto (TeGa) e os únicos votos en contra dos dous edís do BNG. Nesta ocasión os presupostos están equilibrados en gastos e ingresos, situándose na cifra de 7.711.604,39 euros.

 

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, antes de iniciar a valoración das contas quixo agradecer e felicitar o labor do persoal municipal adscrito ao departamento de intervención polo seu “traballo intenso e rápido que permitiu traer ao Pleno os presupostos antes de que remate o ano”.

 

O rexedor municipal afirmou que as contas foron realizadas “con moitísima precaución, cautela e reflectindo nelas a realidade exacta que temos no Concello da Laracha”. A continuación, detallou o contido de cada unha das partidas orzamentarias. No apartado dos ingresos referiuse á conxelación das taxas e impostos municipais, que na maioría dos casos se sitúan nos tipos mínimos contemplados na lexislación. O incremento nuns 100.000 euros na recadación prevista en concepto de imposto sobre bens inmobles (IBI) débese ás actualizacións e novas altas, pero non á subida de tipos. Por outra banda, salientou que o lixeiro descenso con respecto ás cifras globais de ingresos previstas no ano anterior débese á menor achega (uns 159.000 euros) procedente de plans provinciais. Non obstante, López Varela asegurou que a día de hoxe xa hai varias subvencións para 2017 comprometidas por parte da Xunta de Galicia e que non se incluíron nestes orzamentos municipais, polo que “na realidade xa estamos practicamente nos números do ano pasado”.

 

En canto aos gastos, o alcalde explicou que os capítulos 1 (gastos de persoal, 1.850.000 euros) e 2 (gastos correntes en bens e servizos, 3.895.000 euros) son partidas coas que se garante o correcto funcionamento do Concello –cos empregos e remuneracións establecidas na relación de postos de traballo- e o mantemento en bo estado de todas as instalacións e infraestruturas de titularidade municipal. Os orzamentos contemplan a contratación temporal de dous auxiliares administrativos, tres auxiliares de Policía Local e as brigadas de prevención de incendios.

 

Por tanto, a xestión do goberno municipal e a maior capacidade de decisión vense reflectidas no resto dos capítulos. En primeiro lugar, a débeda cero por carecer de operacións de crédito abertas –a excepción do Plan provincial de Aforro e Investimentos, actualmente en período de carencia- o que supón non ter que afrontar ningún gasto financeiro. Isto permite reforzar outras partidas, como os investimentos reais en infraestruturas, servizos sociais, achegas a entidades e programas deportivos, culturais e educativos.

 

Neste sentido López Varela apuntou que “preto de 1 de cada 8 euros destes orzamentos van dirixidos á atención social primaria”, incluíndo gastos en programas, infraestruturas (locais sociais da terceira idade, aula lúdica, escola infantil, centro de día e fogar residencial), persoal, fondo de emerxencia social e Centro de Información ás Mulleres.

 

No que atinxe aos investimentos, a cantidade prevista alcanza 1.491.000 euros. Entre as actuacións máis importantes están o remate e equipamento do pavillón do CEIP Otero Pedrayo, a construción dunha pista multideportiva de uso libre xunto ao IES Agra de Leborís, a apertura dun novo vial que comunicará a Avenida Manuel Fraga coa 1ª travesía Doutor López Astray, a construción dun centro sociocomunitario en Caión (investimento de 100.000 euros municipais máis 95.000 euros comprometidos pola Consellería de Política Social), a ampliación da estrada principal de acceso á praia de Caión (incluíndo melloras na rede de saneamento), ampliación da iluminación pública e da cobertura de colectores de recollida selectiva e actuacións de mellora na rede viaria municipal en todas as parroquias. Neste punto o alcalde lembrou que “o Concello da Laracha conta con 11.300 habitantes, 605 quilómetros de estradas e máis de 300 núcleos de poboación que debemos manter en boas condicións, porque todos os veciños teñen os mesmos dereitos independentemente de que vivan nos núcleos urbanos ou no rural”.

 

Tamén se referiu ao esforzo realizado nas subvencións municipais, como as bolsas de estudos (55.000 euros), as axudas a entidades culturais, deportivas e educativas (121.500 euros) e as subvencións nominativas (85.100 euros), que este ano inclúen á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, todas as Comisións de Festas, Confraría de Pescadores de Caión (mantemento do museo do Arquivo da Pesca), Asociación de Comercio ACSIL, Vía Láctea Filmes (promoción da película Sicixia), Asociación de discapacitados ADISMA de Caión, Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Club Baloncesto Laracha (escolas deportivas municipais de baloncesto) e Club do Mar de Caión (transporte).

 

Como outras partidas salientables citou a recollida, transporte e xestión dos residuos sólidos urbanos (435.000 euros), o ciclo da auga (675.000 euros), limpeza viaria (58.000 euros), mantemento de parques e xardíns (70.000 euros) e iluminación pública (449.000 euros).

 

Ademais, afirmou que “a cuestión que máis nos preocupa é a situación laboral, porque queremos que a xente teña traballo e, a poder ser, o máis preto posible da súa vivenda”. Por iso anunciou que en 2017 o Concello da Laracha destinará 94.000 euros de fondos propios ao fomento do emprego, continuará ofrecendo bonificacións fiscais ás empresas e plantexará novamente a todos os organismos (Xunta de Galicia, SEPES e SEA) reducións no prezo do solo do polígono industrial para tratar de equilibralo cos xestionados por Xestur.

 

O alcalde concluíu lembrando que os orzamentos presentados son as intencións, propostas e previsións do goberno local a día de hoxe, e que ao longo do ano se irán incorporando as transferencias correspondentes pola participación en programas doutras administracións. Por iso, a previsión é que, como en anos anteriores, estes orzamentos sexan sensiblemente inferiores ao peche real do exercicio.

 

Por último, deuse conta á Corporación do período medio de pagamento aos provedores durante o terceiro trimestre do ano, que pon de manifesto á celeridade á hora de tramitar e abonar as facturas, cumprindo cos prazos establecidos na Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade Financeira.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress