Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Miércoles, 28 de diciembre de 2016 | Leída 9 veces

A Xunta mobilizará 31 millóns de euros para impulsar a eficiencia enerxética na industria a través de 200 proxectos

A Consellería de Economía, Emprego e Industria concede 5,4 millóns de euros nesta convocatoria pública que favorece o uso de enerxías limpas na industria e o sector servizos e promove a elaboración de auditorías e a mobilidade con combustibles alternativos ao gasóleo e á gasolina. Estas axudas autonómicas permitirán a redución de consumo enerxético e de emisións de CO2 en 10.700 toneladas anuais, ao tempo que contribuirán a que o conxunto dos beneficiarios aforren 6 millóns de euros ao ano...

[Img #40622]

 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria continúa a impulsar o seu compromiso coa eficiencia enerxética. En concreto, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas vén de resolver unha nova convocatoria a través da que concede axudas para 198 proxectos industriais, cun importe total de 5,4 millóns de euros, o que permitirá a mobilización de 31 millóns, un aforro estimado ao conxunto dos beneficiarios de 6 millóns ao ano e a redución das emisións de CO2 en 10.700 toneladas anuais, o equivalente a plantar 537.000 árbores.

 

A nova resolución do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), segundo indicou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, ten como obxectivo, dentro do compromiso da Xunta polo impulso da Industria 4.0, favorecer o uso de enerxías limpas e un mellor aproveitamento dos recursos enerxéticos, pois, ademais de impulsar a posta en marcha de proxectos nos sectores industrial e de servizos, tamén promoverá auditorías e a implantación de sistemas de xestión enerxética, así como iniciativas que permitan a mobilidade con combustibles alternativos á gasolina ou ao gasóleo.

 

A maioría das iniciativas (169) céntranse na instalación e renovación de equipos que permiten o aforro e un mellor aproveitamento dos recursos enerxéticos. En concreto, 111 axudas diríxense a proxectos industriais e 58 están vinculados ao sector servizos. Esta nova convocatoria que acaba de resolver o Inega tamén inclúe axudas para a elaboración de 21 auditorías enerxéticas que avalíen o proceso produtivo nos centros de traballo e propoñen medidas de redución do consumo; catro para a implantación de sistemas de xestión enerxética con certificados conforme á norma ISO 50.001 e catro máis para a substitución de vehículos a gasóleo ou a gasolina por outros que empreguen enerxías limpas como gas natural, GLP ou hidróxeno.

 

As axudas permiten sufragar ata o 30% do custo do proxecto, cun máximo de 200.000 euros por iniciativa, unha porcentaxe que alcanza o 40% nos casos nos que os beneficiarios sexan as pequenas e medianas empresas. En total, os preto de 200 proxectos impulsados favorecerán o aforro de 730.000 MWh ao ano e a creación de preto de 250 empregos.

 

Bernardo Tahoces indicou que este programa de axudas contribúe ao impulso da competividade na industria e o sector servizos, reducindo os custos enerxéticos e adquirindo equipos más eficientes que introducen melloras a nivel tecnolóxico, dentro da liña fixada na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0. Así, entre os proxectos que se desenvolverán están a instalación de plantas fotovoltaicas de xeración eléctrica para autoconsumo, a substitución da iluminación actual por tecnoloxía LED, a renovación de maquinaria industrial, instalacións de aproveitamento de enerxía xeotérmica e aerotermia, ou a substitución de caldeiras de fuel óleo por outras máis eficientes de gas natural.

 

Edicións bianuais

O director xeral de Enerxía e Minas recordou que é a segunda convocatoria pública destas características no que vai de ano, tras a que se resolveu no mes de xuño e pola que se concederon axudas por importe de 5,3 millóns de euros. En total, entre ambas edicións, a Consellería de Economía, Emprego e Industria aporta 10,7 millóns para impulsar 429 proxectos que mobilizarán máis de 60 millóns de euros; reducirán as emisións de CO2 en máis de 21.000 toneladas, o equivalente a plantar más dun millón de árbores; aforros duns 12 millóns en abastecemento enerxético e a creación de 500 empregos, entre postos directos e indirectos. Durante os anos 2013, 2014 e 2015, o Inega xa concedeu axudas por máis de 5 millóns de euros para a realización de proxectos de eficiencia enerxética.

 

Ademais, o carácter bianual da convocatoria permite que os beneficiarios teñan máis tempo para executar os proxectos -ata setembro de 2017 para esta segunda resolución, o que facilita abarcar actuacións con períodos de maduración máis longos que nunha convocatoria anual.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress