Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Miércoles, 28 de diciembre de 2016 | Leída 13 veces

Vinte e catro concellos da Rede de Dinamización acollen durante esta semana 'Nadal en Rede'

O programa de dinamización lingüística ofrece unha intensa axenda cargada de obradoiros musicais e de xogos e xoguetes en galego, concertos didácticos, teatro de monicreques e encontros cos Bolechas, entre outras propostas, para promover o uso do galego nas celebracións e no lecer propio destas datas. O Portal da Lingua Galega pon a disposición de toda a cidadanía múltiples recursos para galeguizar os principais eventos do Nadal...

[Img #40621]

 

Tras o seu paso por 14 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia durante a semana pasada, esta será a quenda doutros 24 concellos que acollerán as propostas do programa 'Nadal en Rede'. O programa de dinamización lingüística que arrancou a súa quinta edición o pasado 17 de decembro despregará ata o venres obradoiros musicais e de xogos e xoguetes en galego, concertos didácticos, teatro de monicreques e encontros cos Bolechas, entroutras actividades, para promover o uso do galego nas celebracións e no lecer propio destas datas.

 

Para alén de emprazar a toda a cidadanía, nomeadamente ao público familiar con cativada, ás citas con 'Nadal de vila en vila', 'O castiñeiro do Apalpador', 'Os Bolechas. Nadal en familia', 'Cantarolas para xente miúda' e 'Obradoiro de xogos e xoguetes en galego', que chegarán ata o vindeiro 7 de xaneiro a medio de cento de concellos adscritos á RDL, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon, no marco deste programa, a disposición de quen queira acceder a eles no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/nadal-en-rede) múltiples recursos para descargar de balde e galeguizar así os principais eventos do Nadal.

 

Propostas en vinte e catro concellos

Logo do seu paso onte polos concellos de Santa Comba, Toén, Carnota e Xinzo de Limia, 'Nadal en Rede' fixo parada hoxe pola mañá en Abegondo e chegará pola tarde a Guitiriz, A Laracha, Manzaneda, Redondela e Oleiros. Mañá, mércores 28, poderase gozar pola mañá na Peroxa e pola tarde en Castro de Rei, O Grove, O Vicedo e Rois. Xa o xoves 29, o programa chegará a Tordoia, Muros e Ponte Caldelas, para despedir as axendas desta semana o venres 30 en Cariño, O Porriño, Cabanas, O Grove e Mondoñedo.

 

As actividades continuarán desde o luns 2 ata o sábado 7 nos concellos de Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Malpica de Bergantiños, Dumbría, O Rosal, Ribadumia, Neda, Xove, Barreiros e Barro. O calendario completo e a información sobre espazos e horario xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega e tamén na Axenda de Cultura de Galcia.

 

Xogos e xoguetes en galego

O Nadal é tempo de xoguetes e a RDL quere apoiar as empresas que os desenvolven na nosa lingua, animar os pequenos e pequenas a empregala nos seus xogos e aos seus pais e nais a transmitirlles o idioma propio de Galicia compartindo con eles espazos de ocio en galego. Con estes obxectivos, a RDL incluíu na súa programación un obradoiro de xogos e xoguetes en galego que desenvolverá a empresa xogueteira Brazolinda en dez concellos.

 

Nadal de vila en vila

Os músicos Uxía e Santi Cribeiro desenvolverán noutras dez localidades da RDL un obradoiro participativo para familias con fillos a partir de catro anos, ás que se lles pedirá que axuden a contar un conto musical de Nadal unindo as súas voces ás dos dous músicos e acompañándoas con instrumentos de percusión que lles serán entregados para a ocasión. Deste xeito, irán coñecendo panxoliñas, xaneiras, cantares de reis e aguinaldos que poderán repetir nas súas casas durante a celebración das festas, para celebraren en galego estas datas tan especiais.

 

Cantarolas para xente miúda

Máis cancións da man de Senén Vaamonde e de dous músicos do grupo A Roda, que ofrecen un concerto didáctico para que os nenos e nenas galegos a partir dos dous anos e as súas familias coñezan 'Cantarolas para xente miúda', un proxecto musical que compartiron dúas das figuras máis representativas da historia da música e das letras galegas: Suso Vaamonde e Xosé Neira Vilas. Poderase gozar tamén en dez localidades galegas.

 

Cos Reis Magos, en galego

Como outros anos, seguen estando a disposición dos concellos pertencentes á RDL e das familias modelos de cartas para escribirlles na nosa lingua ás súas maxestades de Oriente, así como a ferramenta "resposta dos Reis Magos" para que os nenos e nenas poidan recibir unha mensaxe personalizada de Melchor, Gaspar e Baltasar escrita na nosa lingua. O Portal da Lingua Galega tamén lles ofrece aos Reis discursos na nosa lingua que poderán ler a noite da cabalgata para que todos os poidamos sentir falar no idioma propio de Galicia.

 

E tamén co Apalpador

Para os que prefiran ou queiran coñecer outras figuras tradicionais do Nadal galego, a RDL presenta a peza de monicreques ‘O castiñeiro do Apalpador’ nunha peza, dirixida público de máis de tres anos, na que o propio Apalpador –da man de Fantoches Baj- será quen lles conte aos asistentes por que reparte castañas entre os nenos e nenas durante o Nadal.

 

Os Bolechas, Nadal en familia

Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia, Tatá e Chispa celebrarán este Nadal cos nenos e nenas de dez concellos, a quen acompañarán mentres estes xogan. Haberá concurso e exposición de postais; cartas aos Reis Magos; contacontos; xogos populares; sorteo de libros; obradoiros de chapas, de maquillaxe, de debuxo... e moitas outras actividades divertidas en galego para toda a familia.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress