Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Sábado, 24 de diciembre de 2016 | Leída 27 veces
Deputación da Coruña

A Deputación leva “Cousas” a dez concellos cunha actividade literaria e teatral

A compañía “Os Quinquilláns” será a encargada de representar a obra nos municipios de Brión, Cedeira, Padrón, Vilasantar, Laxe, Cerceda, Coristanco, San Sadurniño, Camariñas e Mazaricos para poñer o ramo ao Ano Castelao...

[Img #40604]

 

Castelao escribiu e ilustrou “Cousas” mais faltoulle levar estas creacións orixinais a escena. A Deputación da Coruña achega agora a obra ao teatro da man da compañía “Os Quinquilláns” nunha proposta teatral e literaria que chegará a dez concellos nun programa que pon o ramo ao Ano Castelao.

 

Unha dimensión teatral e outra literaria conforman o contido do novo programa que leva a obra “Cousas” de Castelao a dez concellos. O espectáculo da compañía “Os Quinquilláns” irá acompañado dun exemplar dunha das obras claves da nosa literatura que se repartirá ao público asistente nun programa que nace en colaboración coa Editorial Galaxia.

 

A iniciativa bota a andar en Brión este día 23 de decembro e prolongarase até o 5 de febreiro en que se pechará o ciclo en Mazaricos. Entre unha e outra data, Cedeira, Padrón, Vilasantar, Laxe, Cerceda, Coristanco, San Sadurniño e Camariñas recibirán a proposta da Deputación que leva catorce das “Cousas” de Castelao a escena e agasalla ao público cun libro para se achegar a unha das obras de referencia na nosa historia literaria.

 

O programa busca tamén difundir a obra dun creador clave na cultura galega no fin deste 2016 que foi declarado Ano Castelao, despois de que a Academia de Belas Artes decidise dedicar ao autor o Día das Artes Galegas. Animar a ler, crear público para o teatro e promover a lingua son outros dos obxectivos da nova proposta da Área de Cultura da Deputación da Coruña que levará “Cousas” de Castelao a dez concellos a través dunha proposta literaria e teatral que nace en colaboración coa editorial Galaxia.

 

“Este programa pon o ramo á conmemoración do Ano Castelao por medio dunha das súas obras máis conmovedoras que chega agora á escena nunha iniciativa que levamos a dez concellos nun programa que busca non só difundir a obra senón tamén animar a ler e asistir ao teatro na nosa lingua”, sinala a responsábel das áreas de Cultura e Lingua da Deputación, Goretti Sanmartín.

 

A montaxe recolle todos os grandes temas de Cousas, desde a soidade ao amor pasando pola amizade, a solidariedade, a emigración, a xustiza social ou a enfermidade. O fío condutor do espectáculos de Os Quinquilláns son dous protagonistas, Teresa, a irmá máis nova de Castelao, e o veciño Xosé, mestre,  historiador local, pintor e director da compañía de teatro de Rianxo. Son membros do grupo de teatro local que transforma algúns dos contos da obra de Castelao en pezas breves a través de técnicas como teatro de actores, de máscaras, de títeres, de obxectos, de sombras ou narración oral.

 

Os Quinquilláns Teatro, compañía que leva á escena “Cousas”, naceron a fins dos anos oitenta e teñen na súa traxectoria un amplo abano de propostas escénicas, tanto para público infantil como adulto. Entre elas, recentemente levaron por concellos e centros de ensino Espantallo amigo de Neira Vilas.

 

Lucho Penabade e Tero Rodríguez adaptan o texto de Castelao nunha proposta que tamén desenvolven en escena e que conta coa escenografía, atrezzo e iluminación de Pepe Penabade e o vestiario de Olga Vieites.

 

“Castelao foi un artista total, un creador absoluto. É difícil saber onde brillou máis o seu talento, se nas artes plásticas, na literatura, como ensaísta, como político ou no propio teatro”, din desde a editorial Galaxia que promoven a iniciativa para que estas historias “magnificamente sintetizadas en parágrafos brutais e líricos” cheguen agora a escena.

 

23/12/2016 Brión Centro Social Polivalente 18,00
28/12/2016 Cedeira Auditorio Municipal 18,00
30/12/2016 Padrón Auditorio Municipal 18,00
02/01/2017 Vilasantar Campus de Nadal 12,00
02/01/2017 Laxe Salón de Actos do Concello 19,00
02/01/2017 Cerceda Auditorio Municipal 18,00
02/01/2017 Coristanco Casa da Cultura 11,00
02/01/2017 San Sadurniño Casa da Cultura 18,30
02/01/2017 Camariñas Casa de Pedra 17,00
02/01/2017 Mazaricos A Picota 17,00

 

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress