Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Sábado, 24 de diciembre de 2016 | Leída 14 veces

OS orzamentos de 2017 renovan o compromiso coa cidadanía, aumentan o gasto social e apostan polos investimentos en infraestruturas

O goberno local proporá a aprobación duns presupostos equilibrados en gastos e ingresos que se sitúan en 7.711.604,39 euros. A conxelación de impostos e a blindaxe do apoio á cultura, deporte, ensino e das bolsas de estudos continúan sendo piares das contas. O proxecto de orzamentos xa foi sometido a ditame da Comisión Informativa e elevarase ao Pleno extraordinario do próximo mércores...

O goberno local da Laracha ten ultimado o proxecto de orzamentos xerais para o exercicio 2017, documento que xa foi sometido a ditame da Comisión Informativa Permanente de Facenda, Asuntos Económicos e Especial de Contas. A próxima semana será elevado ao Pleno da Corporación na sesión extraordinaria que se celebrará o mércores 28 de decembro.

 

Do mesmo xeito que en anos anteriores, as contas que se presentan para o próximo curso están realizadas coa prudencia, cautela e responsabilidade características da xestión do goberno local que posibilitou ao Concello da Laracha estar plenamente saneado no aspecto económico, mesmo sen ter que afrontar gasto financeiro algún ao non contar con operacións de crédito abertas.

 

Trátanse duns presupostos axustados á realidade actual do municipio, que atenden ás necesidades da veciñanza e que permitirán renovar o compromiso do Concello da Laracha coa cidadanía porque manterán a calidade dos servizos municipais, as subvencións, os programas, a conservación das infraestruturas e, en definitiva, darán continuidade ás políticas municipais que supuxeron a transformación do municipio nos últimos anos e a mellora da calidade de vida do conxunto dos laracheses.

 

Nesta ocasión, os orzamentos propostos están equilibrados en gastos e ingresos e ascenden a 7.711.604,39 euros. Os eixos principais volven ser a conxelación dos tributos municipais, o esforzo investidor, o reforzamento na partida consignada para servizos sociais, blindaxe das bolsas de estudos municipais, desenvolvemento de programas culturais e deportivos propios e apoio ao asociacionismo.

 

O gasto consignado para a asistencia social primaria (servizos sociais) aumenta en máis do 12% en relación ao 2016 para alcanzar os 915.000 euros. Isto significa que un de cada oito euros dos orzamentos destinaríase a garantir a continuidade de programas da importancia e relevancia do servizo de axuda no fogar ou do Harmoniza (apoio á conciliación a través da aula lúdica municipal), entre outros, así como as achegas municipais correspondentes ao centro de día e fogar residencial e á escola infantil, o mantemento dos centros sociais da terceira idade da Laracha, Paiosaco e Caión, o Centro de Información ás Mulleres e das diversas accións formativas e actividades de envellecemento activo que se levan a cabo ao longo de todo o ano. Tamén se inclúe nesta partida o fondo de emerxencia social, necesario para atender ás necesidades básicas das familias máis desfavorecidas.

 

Ao capítulo de persoal destinarase o 24% do total do orzamento (1.850.000 euros), sendo as retribucións dos empregados municipais as contempladas na Relación de Postos de Traballo e sen presentar variacións co ano anterior. Tamén se recolle o crédito necesario para as dúas prazas de auxiliares administrativos creadas no orzamento de 2016 no marco do proxecto de adecuación dos servizos municipais á Administración electrónica e á Lei da Transparencia para servir de apoio aos servizos xerais municipais.

 

Por outra banda, manterase o compromiso de apoio aos estudantes destinando 55.000 euros ás bolsas municipais. Do mesmo xeito, continuarase apostando polo asociacionismo con 148.500 euros para entidades culturais e educativas, clubs deportivos e comisións de festas. Neste ano incorpóranse, ademais, subvencións nominativas ao Club Baloncesto Laracha para xestionar directamente as escolas municipais de baloncesto e tamén ao Club do Mar de Caión coa finalidade de adquirir un vehículo de transporte e compensar deste xeito os gastos que a entidade debe afrontar para acudir tanto aos adestramentos como aos partidos.

 

Ademais, contémplase achegas económicas á Confraria de Pescadores de Caión (mantemento do museo do Arquivo da Pesca), Asociación de Comercio (ACSIL), Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, Adisma (asociación de discapacitados con sede en Caión), Vía Láctea Filmes (campaña de promoción de Sicixia) e á entidade Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.

 

En canto aos investimentos reais en infraestruturas, a cantidade prevista sitúase en torno ao millón e medio de euros. As actuacións a financiar destacan polo seu especial interese xeral para a cidadanía ao tratarse do remate das obras e dotación do equipamento ao pavillón de CEIP Otero Pedrayo, a construción dunha pista multideportiva descuberta nas inmediacións do IES Agra de Leborís –a primeira no casco urbano da Laracha-, a adecuación do solar para a ampliación do centro de saúde, melloras na piscina municipal e no campo de fútbol da Laracha, a primeira anualidade da construción do centro sociocomunitario de Caión e a ampliación da cobertura de colectores de recollida selectiva para facilitar a reciclaxe. Ademais, contémplase melloras viarias en todas as parroquias do municipio, destacando a apertura apertura dunha nova vía que discorrerá pola parte posterior do Instituto e que comunicaría directamente a avenida Manuel Fraga Iribarne coa 1ª travesía Doutor López Astray. En Caión anchearase a estrada principal de acceso á praia desde a Avenida da Laracha, incluíndo a ampliación da zona de aparcamentos e tamén melloras nas redes de saneamento de residuais. Salientar tamén que neste ano serán adquiridas as parcelas que albergan o Castro de Montesclaros e o menhir de Erboedo despois de aprobarse recentemente a modificación no Plan Xeral de Ordenación Municipal que permitirá o desenvolvemento do plan de posta en valor do patrimonio cultural municipal.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress