Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Viernes, 23 de diciembre de 2016 | Leída 14 veces
Deputación da Coruña

As mulleres e a lingua protagonizan os premios culturais da Deputación da Coruña

Goretti Sanmartín destaca o papel dos certames nas distintas disciplinas “como símbolo do apoio á creación”…

[Img #40594]Novos nomes e persoas xa coñecidas nos distintos ámbitos culturais déronse cita no acto de entrega dos premios das áreas de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña deste ano que premiaron, entre outros e outras, as escritoras Eli Ríos e Lorena Conde e o escritor Vicente Luís Mora, ás bandas Bala e Colaxe en música infantil, a Pablo Carpintero e Lidia Neves en artesanía, a Emilio Fonseca en banda Deseñada ou a David Calle en arte. Os premios de lingua recoñecen o labor de Xabier P. Docampo, a Semente e Correlingua. A lingua e a presenza de mulleres foron claras protagonistas no acto de entrega que se desenvolveu na mañá deste  xoves día 22 na sede da Deputación.

 

“Queremos proclamar que a creación cultural, para alén de nos facermos máis felices, que non é pouco, é tamén unha poderosa ferramenta de vertebración social e de transformación social”, destacou a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei na súa intervención  no acto de entrega dos premios en que defendeu a necesidade de apoiar desde as administracións “o enorme potencial cultural” do noso país. Os premios son, segundo destacou, non só un  recoñecemento persoal senón “tamén colectivo a sectores que resisten nun mundo en crise onde a cultura é moitas veces a primeira sacrificada”.

 

A vicepresidenta tivo unhas palabras de lembranza no inicio do acto para o recentemente falecido Celestino Poza, que foi responsábel da área de Cultura na Deputación e tivo un papel destacado no desenvolvemento e consolidación dos distintos certames culturais.

 

Nomes consolidados e novos

Os premios recoñecen nesta edición, como destacou Goretti Sanmartín,  persoas creadoras e investigadoras con xa importante tradición no noso país, como Pablo Carpintero, que gañou o premio de Artesanía cunha reprodución da gaita de fol dunha cantiga de Santa María ou o escritor Xabier Docampo, “gran mestre e, sobre todo, mestre do entusiasmo en cuxo ronsel navegamos”, dixo. Descobren tamén novos nomes para a cultura como o caso de Emilio Fonseca,  que con Fora de Mapa resultou elixido polo xurado da décimo primeira edición do certame de Banda Deseñada Castelao,  Lorena Conde, con longa traxectoria como actriz que se dá a coñecer como poeta co Premio González Garcés polo seu libro Entullo ou Eli Ríos, con obra como poeta mais que asina en Luns a súa primeira novela para público adulto que nace xa co Torrente Ballester. Esta é tamén a edición en que, por primeira vez, o premio de narrativa se convoca en dúas modalidades, unha para obras en lingua galega e outra para obras en lingua castelá, da que resultou gañador o escritor Vicente Luís Mora coa novela Cabeza de vaca. Con 25.000 € cada un, o Torrente Ballester converteuse no certame con maior premio económico dos convocados en Galiza.

 

Os premios contribúen  a poñer o foco en obras como a de Lidia Nieves co seu xoguete-alfaia que conquistou o xurado do XI Premio de Artesanía Antón Fraguas na súa categoría contemporánea e apostan tamén por persoas que están a desenvolver importantes proxectos fóra da Galiza, como o caso de David Calle que acadou o XI Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez co seu 150 horas. O rock con protagonismo feminino estivo tamén presente no acto de entrega de premios coas compoñentes de Bala e MJ Pérez, as bandas gañadoras do VIII Concurso musical Deputación da Coruña.

 

Destacou tamén Goretti Sanmartín a vontade dos premios de potenciar o colectivo, a implicación social e a participación recoñecendo o traballo das escolas Semente, “que teiman en garantir o dereito das nosas crianzas  a se educaren na nosa lingua”, do Correlingua “que leva anos de dedicación para facer do compromiso co galego unha festa lúdico-deportiva-reivindicativa da rapazada” ou do novo concurso Quero cantar de música infantil que premiou a Banda Colaxe de Laxe.

 

Agasallar Cultura

Goretti Sanmartín referiuse tamén á coincidencia da data de entrega de premios coa celebración do sorteo da lotería, xornada en que, desde a Deputación, defenden a vontade de “agasallar cultura, libros, discos, artesanía, e reafirmar as inmensas potencialidades da nosa lingua, aquela que nos conforma e desde a que queremos estar no mundo”. Mais, segundo dixo a responsábel da área de Cultura, o percorrido dos premios non remata no acto de entrega senón que a Deputación se compromete tamén na súa difusión por medio de actos de presentación, publicación das obras, exposicións ou concertos, entre outras iniciativas.

 

Premiadas e premiados destacaron o papel dos premios na difusión e a promoción da cultura e, en especial, aplaudiron a presenza de mulleres nos xurados e nos premios. A defensa da lingua e a cultura galega foi tamén tónica das intervencións das persoas premiadas nun acto que rematou coa entrega dos premios Rosalía de Castro de promoción da lingua a Correlingua, a Semente e Xabier P. Docampo, que lembrou nais, pais, avós e avoas  “humillados pola lingua aldeán que falaban” a quen lles agradeceu que o galego chegase até a súa xeración. “Os ataques á lingua son ataques ao noso propio ser. Somos galegos polo idioma, dixo Castelao. Se deixamos de ter a nosa lingua, que somos?” preguntouse Docampo despois de que Anxo Louzao dedicase o premio ao Correlingua ao profesorado implicado na transmisión do galego e Rocío Candales da Semente puxese en valor  a vontade colectiva para que a lingua teña futuro nas xeracións máis novas.

 

Premios de cultura e lingua 2016

XI Premio de banda deseñada Castelao

  • Fóra de Mapa de Emilio Fonseca Martín

 

XI Premio de Artesanía Antón Fraguas:

  • Categoría tradicional: Pablo Carpintero Arias
  • Categoría contemporánea: Lídia Nieves Domínguez.

 

XVIII premio de Poesía Miguel González Garcés

  • Entullo de Lorena Conde

 

XI Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez

  • 150 horas de David Calle

 

XXVIII Premio de Narrativa Torrente Ballester. Modalidade galego

  • Luns de Eli Ríos.

 

XXVIII Premio de Narrativa Torrente Ballester. Modalidade castelán

  • Cabeza de vaca de Vicente Luis Mora.

 

VIII Concurso musical da Deputación da Coruña

  • Bala

 

I Concurso musical infantil Quero cantar

  • Banda Colaxe

 

VII Premio Rosalía de Castro de Lingua na modalidade xeral e na específica de traballo de recuperación do galego nas idades máis temperás

  • Xabier P. Docampo e Correlingua e Semente.
¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress