Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Jueves, 15 de diciembre de 2016 | Leída 15 veces
Deputación da Coruña

A Academia Galega do Audiovisual pon en marcha os Premios María Luz Morales de investigación audiovisual

Os premios, organizados co respaldo das catro deputacións galegas,teñen catro modalidades e pretenden promover a investigación científica no ámbito audiovisual...

[Img #40485]A Academia Galega do Audiovisual convoca os premios María Luz Morales para promover a investigación científica no ámbito audiovisual. Desde esta primeira edición, estes premios contarán con catro modalidades que atenderán traballos de videoensaio e ensaio escrito, de ámbito galego e internacional. Nesta iniciativa, a primeira destas características en Galicia, participan as catro deputacións galegas.

 

No acto de presentación da primeira edición dos premios Mari Luz Morales, participaron os responsábeis das áreas de Cultura das Deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo, Goretti Sanmartín, Xosé Leal e Pilar García, o Concelleiro de Culturas da Coruña, José Manuel Sande e o Presidente e a Tesoureira da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares e María Yáñez.

 

Na súa intervención, Carlos Ares, que deu grazas ás catro Deputacións por responder á chamada de colaboración da Academia, sinalou que os novos premios eran un “empeño da directiva” pola súa relevancia e pola súa capacidade de relacionar o sector coa sociedade. Para María Yáñez, persoa da directiva que coordina os premios, a convocatoria responde á necesidade “de mirar par esa outra parte do audiovisual e visibilizar a investigación que se está a desenvolver por parte de moita xente que dá moito sen recibir case nada a cambio”. Destacou tamén que as bases recollen catro modalidades de traballos, en soporte de ensaio escrito e videoensaio e para audiovisual galego e internacional. “Quixemos aproveitar tamén a propia linguaxe audiovisual para investigar e divulgar”, anotou ao tempo que agardou unha participación elevada para confirmar “a hipótese de partida de que hai moitas persoas investigando”.

 

Por parte da representación institucional partipante na presentación, a deputada de Cultura de Lugo agradeceu o convite e valorou de maneira especial a “cooperación entre distintas institucións” e mostrou orgullo de colaborar nunha iniciativa que leva o nome dunha “muller, galeguista e exemplo da defensa dos deretos das mulleres”. Na mesma liña manifestouse Xosé Leal que valorou a necesidade dos premios xa que “se Galiza é unha potencia no audiovisual é por proxectos coma este, que promoven sinerxias que demostran que se poden desenvolver iniciativas con empaque e que perduren no tempo para un sector que é industria cultural de especial relevancia”.

 

Aplaudiu de maneira especial unha iniciativa que busca “potenciar unha figura que ten que servir de referente, unha muller represaliada, que participou de moitos cambios dos que somos debedores”.

 

O Concelleiro de Culturas da Coruña, José Manuel Sande, agradeceu que a iniciativa coidase desa “parte de ensaística e investigación que queda fóra dos recoñecementos”. Lembrou o “fugaz” premio que, no tempo do gobernó bipartito na Xunta puxera a andar a Axencia Galega do Audiovisual que logo foi “arramblado polo gobernó de Feijóo” e valorou a recuperación dun premio co nome dunha “figura emblemática, crítica, investigadora, con talento, políticamente significada e que marcou camiños que sigue agora a Academia”.

 

Pechou o turno de intervencións a vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, institución anfitriona do acto que se celebrou na súa propia sede, para agradecer a convocatoria que vai permitir “que moita máis xente coñeza unha muller grande, pioneira en moitas facetas da súa vida”. Lembrou que Morales fora primeira directora dun xornal diario no Estado ao se poñer á fronte de La Vanguardia no seu tempo máis difícil e a súa grandísima relación co tema do cinema, desde a súa condición de crítica e xornalista, até investigadora ou mesmo colaboradora de producións audiovisuais. “Destaca a súa escrita moderna arredor do cine que tanto fala dos monstros no cinema como as fronteiras entre a crítica e a publicidade ou visita figuras como Charlot ou Marlene Dietrich”, anotou mentras lembraba que Morales fora represaliada e apartada da profesión durante o franquismo e só puido regresar ao xornalismo no ano 1978.

 

Rematou o acto coa lectura da definición que a propia Mª Luz Morales facía do cine:  “E isto é, xustamente, o cine. A arte moderna por excelencia: a arte propia deste momento maquinista, dinámico... (…) O cine é tamén, precisamente, a arte das multitudes, a arte por esencia demócrata, social...”

 

A convocatoria dos premios María Luz Morales pretende avivar o interese polos estudos sobre o audiovisual ofrecendo ás persoas estudosas e investigadoras a posibilidade de facer os seus traballos tanto en formato audiovisual como escrito. O prazo para a presentación de traballos comezará o 15 de decembro e finalizará o vindeiro 7 de maio. As modalidades do premio son:

 

  • Vídeoensaio sobre audiovisual galego
  • Ensaio escrito sobre audiovisual galego
  • Videoensaio sobre audiovisual internacional
  • Ensaio escrito sobre audiovisual internacional

 

Cada unha destas categorías estará dotada con 1.200 euros de premio e un galardón.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress