Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Sábado, 10 de diciembre de 2016 | Leída 13 veces
Deputación da Coruña

Ano Manuel María

Un concerto con Uxía, Xabier Díaz e Guillerme Fernández no Teatro Colón o día 15 de decembro pon o ramo ao Ano Manuel María…

[Img #40427]“A música amorosa das palabras” é o título do concerto de Uxía, Xavier Díaz e Guillerme Fernández que porá o ramo o vindeiro xoves día 15 de decembro ás 20 horas á conmemoración do Ano Manuel Maria por parte da Casa-Museo Manuel Maria. O acto foi presentado pola presidenta e o secretario da Fundación Manuel María, Saleta Goi e Alberte Ansede, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

 

Con entrada libre, até completar aforo, que se poderá retirar na billeteira do Teatro Colón de 12 a 14 horas e de 17 a 20 horas do mesmo día 15 de decembro, o concerto “A música amorosa das palabras”, organizado pola Casa-Museo Manuel María coa colaboración da Deputación da Coruña, preséntase como clausura do Ano Manuel María e sinal de agradecemento a todas as persoas e entidades que, ao longo destes doce meses, contribuíron a difundir a obra e a figura do autor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galega.s

 

O concerto, que se desenvolverá no Teatro Colón da Coruña, e no que participarán Uxía, Xavier Díaz e Guillerme Fernández, foi presentado en roda de prensa na Deputación da Coruña por parte da presidenta e secretario da Fundación Manuel María, Saleta Goi e Alberte Ansede e a vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura, Goretti Sanmartín que sinalou como conclusión do ano de conmemoracións o “desexo de ter contribuído a que a obra de Manuel María sexa lida por xeracións futuras”.

 

A presidenta da Fundación Manuel María, Saleta Goi, sinalou que co concerto queren “dar as grazas ao pobo galego en xeral, a todas as persoas que participaron nas actividades deste ano”. “Creo que é foi o ano en que o Día das Letras Galegas estivo cuberto ao máximo nos centros de ensino. Grazas tamén ás asociacións culturais e demais entidades que participaron. Demostran que a súa obra ten vida e terá futuro no tempo”, dixo Saleta Goi o acto de presentación no que tamén afirmou que “mentres os tempos son escuros temos a obra de Manuel Maria que contempla a claridade que precisa Galiza”.

 

Pola súa parte, Goretti Sanmartín fixo un percorrido polas iniciativas que, ao longo do Ano Manuel María desenvolveu a Deputación da Coruña co obxectivo de dar a coñecer e difundir a obra do escritor, entre elas, a distribución de máis de 2.000 libros nas bibliotecas dos distintos concellos. “Deseñamos as actividades para destacar a súa figura, promocionala en distintos ámbitos e facer novas lectoras e lectores para a súa obra”, explicou Goretti Sanmartín dun programa que definiu como “divulgativo e participativo”, entre o que lembrou propostas como a creación e publicación na rede de videopoemas ou o photocal no que participaron numerosas persoas. Ademais, Manuel María foi un dos protagonistas da presenza da Deputación da Coruña na Feira do Libro e no novo programa DAC-Outono Cultural, un circuíto de espectáculos entre os que se atopa “O conto de Barriga Verde”, con dramaturxia de Fran Rei e colaboración de Avelino González, centrado na obra de Manuel María.

 

Un ramo musical a un ano de conmemoracións

A Casa-Museo Manuel María escolleu un concerto con tres dos máis prestixiosos nomes da música galega actual para poñer o ramo a un ano completo e intenso de conmemoracións en que o escritor foi protagonista do Día das Letras Galegas. O secretario da entidade, Alberte Ansede, presentou o concerto en que se interpretarán 20 pezas, desde as máis emblemáticas como “O carro” ou “Manual para deprender a Señorito” que cantaron Fuxan os Ventos e María Manuela e Miguel Tranquilo respectivamente até outras que farán un percorrido pola obra do poeta, desde as composicións máis íntimas até as máis comprometidas, pasando por algunhas irónicas ou mesmo algunha dedicada á casa natal que agora é a sede da Fundación Manuel María.

 

“Para nós o traballo de difusión da súa obra non vai rematar en 2016 mais quixemos poñer un broche a este intensísimo ano cun acto que pensamos tamén como recoñecemento a tantas persoas que se implicaron na difusión da obra de Manuel María, un recoñecemento para entidades culturais, viciñais ou deportivas, bibliotecas públicas, centros de ensino e profesorado, xente do teatro que puxo en escena nove pezas súas, grupos musicais que fixeron cancións dos seus poemas e tantísimas persoas que contribuíron de forma decisiva para que a sociedade perciba a Manuel María como intérprete dos soños colectivos de galegos e galegas”, sinalou Alberte Ansede na súa intervención.

 

Aproveitou o secretario da Casa-Museo Manuel María para facer un rápido balance das cuestións máis importantes do ano de conmemoracións, entre as que sinalou a publicación de 17 títulos de Manuel María, visitas guiadas continuadas á Casa-Museo de Outeiro de Rei, recitado de obra en multitude de concellos, concurso escolar de recitado dos seus poemas, dúas exposicións circulando polo país, organización de xornadas formativas para o profesorado, elaboración de contidos web para difundir os seus poemas coa voz do propio autor, representación teatral de “Abril de lume e ferro”, celebración das “Lúas de Outono” na cidade da Coruña ou do Convivio da Cultura Galega que tivo lugar en Outeiro de Rei.

 

Alberte Ansede destacou a relevancia de xuntar no mesmo concerto os nomes de Uxía, Xavier Díaz e Guillerme Fernández e anunciou que o acto servirá tamén para a presentación da segunda edición do traballo en que Uxía canta a Manuel María que sae cun novo e orixinal formato con 52 poemas, un para cada semana do ano.

 

Como materia pendente, sinalou Alberte Ansede a necesidade de poñer ao dispor da xente da obra de Manuel María que ronda no seu conxunto os 100 libros dos que non chega ao 25% os que poden atoparse polos circuítos habituais. “Como exemplo, podemos citar a obra dramática de Manuel María que é das máis importantes que se ten producido na Galiza e que, estou certo de que cando a publiquemos descubrirá un novo autor”, sinalou.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress