Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Jueves, 1 de diciembre de 2016 | Leída 20 veces
Deputación da Coruña

Poetas de todas as xeracións homenaxean a González Garcés no centenario do seu nacemento

A poesía foi a protagonista da homenaxe que a Deputación da Coruña tributou a Miguel González Garcés para conmemorar o centenario do seu nacemento. O presidente Valentín González Formoso e a vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei destacaron o relevante papel do poeta na nosa historia literaria…

[Img #40334]

 

Poetas de todas as xeracións, que teñen en común ter gañado o premio González Garcés, convertéronse no centro da homenaxe que a Deputación da Coruña tributou ao poeta nado na Coruña hai cen anos e que se desenvolveu no Teatro Rosalía de Castro na noite deste mércores 30 de novembro.

 

Luz Pozo, Xavier Baixeras, Medos Romero, Paulino Vázquez, Román Raña, Xavier Lama, Marta Dacosta, Estevo Creus, Pepe Cáccamo Manuel Álvarez Torneiro e o o seu biógrafo, Xulio Valcárcel foron as voces que se sumaron á homenaxe na que tamén participou Lorena Conde, a recente gañadora do premio de poesía convocado pola Deputación co nome do homenaxeado. O acto contou tamén coa música de Alba María e Alejandro Vargas.

 

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou o "compromiso e amor pola terra" do poeta coruñés, que "inmortalizou nos seus versos algúns enclaves máxicos desta provincia", como Betanzos, Caión, Malpica, Estaca de Bares ou Ortegal; e que descubriu poéticamente mellor que ningún outro "a cidade da Coruña, luminosa e aberta ao mar".

 

"Garcés fixo de Galicia poesía", afirmou González Formoso, que destacou tamén "o amplo labor de mecenado e apoio" ás seguintes xeración escritores por parte do poeta coruñés e o seu "incansable activismo cultural, que deixou un legado que hoxe perdura" en institucións como a biblioteca pública que leva o seu nome e que dirixiu durante corenta anos.

 

O presidente destacou tamén o labor realizado pola Deputación para "honrar o seu imenso legado", poñendo o nome de González Garcés ao premio de poesía da institución provincial "que dende 1991 fai posible fomentar a creación literaria e a aparición de novos talentos poéticos".

 

"Na Deputación sentímonos partícipes e herdeiros do compromiso coa cultura e coa Coruña de Garcés", apuntou González Formoso, que cualificou de "merecida" a homenaxe "a quen escribiu algúns dos mellores versos da historia coruñesa".

 

Pola súa parte, a vicepresidenta da Deputación e responsable da área de Cultura, Goretti Sanmartín, definiu a González Garcés como o “poeta da luz” e estendeu a súa “luminosidade” a algúns dos principais nomes da nosa poesía contemporánea que se recoñecen no seu legado literario. “A presenza neste acto de homenaxe de poetas de todas as xeracións dá boa conta do recoñecemento que González Garcés ten no mundo literario e esta xornada é unha boa ocasión para reivindicar a súa lectura e a difusión da súa sólida e valiosa obra”, dixo Goretti Sanmartín ao tempo que agradeceu a participación no acto promovido pola Deputación da Coruña de poetas que se achegaron de distintos puntos do país.

 

“Nesta cidade da Coruña en que xogou un relevante papel como dinamizador cultural e animou a traxectoria de poetas de especial relevancia na nosa historia literaria como son Manuel María, Avilés de Taramancos, Uxío Novoneyra ou Álvaro Cunqueiro, por citar só uns cantos nomes, lembramos hoxe a súa dimensión non só literaria senón de motor cultural en tempos en que a súa enerxía creativa se facía aínda máis necesaria”, dixo Goretti Sanmartín.

 

“Con Un nome só na néboa, publicado pola Deputación da Coruña, González Garcés pecha en 1987 a súa conta de libros, unha obra sólida e valiosa que supón un legado vivo para novas xeracións de poetas”, engadiu ao tempo que destacou a resposta de gañadores e gañadoras do González Garcés por participaren na homenaxe. “Gañaron en diferentes edicións mais a súa presenza aquí demostra que un premio literario pode estar vivo e renovar a vontade de difusión e promoción poética que un certame coma este ten que ter”,  explicou a responsábel da área de Cultura da Deputación que fixo fincapé na participación de Lorena Conde, a recente gañadora do premio, “un nome novo, unha descuberta, diría, que se suma a esa rica listaxe de nomes e móstranos que o camiño esta aberto e ten futuro, ela ou Alba María que puxo voz musical a esta homenaxe demostran que hai savia nova na nosa cultura”.

 

En representación da familia, o fillo do poeta  Carlos González Garcés agradeceu á Deputación da Coruña e, en concreto, ao presidente Valentín González Formoso e á vicepresidenta Goretti Sanmartín e tamén ao ex-presidente Salvador Fernández Moreda a homenaxe e o recoñecemento á figura do poeta por parte da institución. Tivo tamén palabras de agradecemento para os poetas participantes, e, de maneira especial, para Dores Tembrás, coordinadora do acto e Xulio Valcárcel, biógrafo do escritor homenaxeado, ademais de Manuel Álvarez Torneiro e Luz Pozo, con quen os unía unha intensa relación persoal. Lembrou Carlos González Garcés unha ampla listaxe de nomes vinculados á figura de seu pai como Manuel María, Camilo José Cela ou Álvaro Cunqueiro ou persoas coas que mantivo unha intensa relación como Luís Artigas ou Carlos Vidal para rematar coa lectura dun poema pertencente a  “Poemas a Albertiño”.

 

A voz de Alba María xunto con Alejandro Vargas puxo música ao acto coa interpetación das pezas “Pretéritas perfectas” e “Levando a lúa na saia”. 

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress