Viernes, 30 julio 2010

A primeira fase do plan de racionalización da Administración supuxo xa un aforro de 8,2 millóns

Enviar por email

Respecto á regulación do persoal emérito no eido sanitario, Núñez Feijóo destacou que permitirá “distinguir aos profesionais médicos cunha traxectoria importante” e redundará nun maior prestixio da sanidade pública galega...

O mandatario galego, Alberto Núñez Feijóo, adiantou onte que, no tempo que leva de funcionamento, o plan de racionalización da Administración paralela da Xunta supuxo xa un aforro de 8,2 millóns de euros ás arcas autonómicas sobre os 10 millóns previstos ao final do mesmo e que “alomenos o 90%” do citado plan estará rematado antes de que finalice o prazo dun ano inicialmente establecido. “Polo tanto –dixo Feijóo- se xa conseguimos que este Goberno funcione con menos conselleiros, coa metade dos altos cargos, cun terzo menos de persoal de gabinete e cun terzo menos de persoal de confianza, agora temos que conseguir que funcione cunha importante redución da administración paralela”.

Segundo o balance do Plan que deu a coñecer o presidente tralo Consello da Xunta, tres meses despois da súa posta en marcha, xa foron extinguidos cinco organismos (a Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, a Fundación Milenio, a Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola, a Fundación Axencia Humanitaria Galega e a Fundación Galega para a prevención de riscos laborais) e adiantou que se están realizando os trámites para que en outono se proceda a extinción da Fundación Galicia Emigración. Así mesmo, a Xunta leva a cabo os trámites legais necesarios para proceder á eliminación das 34 Fundacións Comarcais (a través da Lei de Orzamentos Xerais do vindeiro ano), do Servizo Galego de Igualdade e de Aceousa. Esta última, segundo informou o presidente, disolverase a través da Lei de Organización e Funcionamento da Administración Xeral que entrará en debate parlamentario en setembro.

O presidente da Xunta ratificou o compromiso acadado cos cidadáns para a redución da administración paralela a través de recortes nos gastos administrativos e de funcionamento do Goberno, pero en ningún caso se recortarán as prestacións e os servizos públicos. “Por primeira vez na historia a Xunta de Galicia será máis pequena que cando tomamos posesión do Goberno galego, e por primeira vez na historia estamos falando de extinción, de disolución ou de absorción de organismos, entidades ou fundacións”, salientou Feijóo.

Quinta fase de medicamentos xenéricos cun aforro de 13 millóns
No eido dos acordos en materia de sanidade, o presidente deu conta do inicio da quinta fase de promoción de medicamentos xenéricos coa incorporación de tres novos fármacos (un antiagregante, un hipolimiante e un antidepresivo) que suporán un aforro de 13 millóns de euros anuais e que servirán “para seguir investindo en sanidade, entre outras cousas, en novas infraestruturas sanitarias”, matizou. Respecto ás catro anteriores fases, xa se acadou un aforro de 1,1 millóns de euros con doce medicamentos. Entre xullo de 2009 e xullo de 2010 incrementáronse nun 3% as prescricións de medicamentos xenéricos, o que segundo Feijóo “é un bo indicador do camiño que temos que seguir percorrendo para chegar a unha prestación farmacéutica óptima”. Ese incremento foi maior en atención primaria –con tres puntos de diferenza- e en atención especializada –con 4,79 puntos-.

O presidente ratificou o compromiso do Goberno da Xunta “coa sanidade pública e co mantemento dos servizos sanitarios públicos” e expresou a necesidade da “utilización racional e comprometida das prestacións farmacéuticas”, o que inevitablemente pasa pola “eficiencia” no gasto público. Así mesmo informou de que a Consellería de Sanidade, en colaboración con farmacéuticos e médicos, está traballando na elaboración dun catálogo de prioridades na prescrición medicamentos.

Hospital de Pontevedra
Doutra banda, Feijóo deu conta da adxudicación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do futuro centro hospitalario de Pontevedra para solucionar os problemas urbanísticos así como da adxudicación do anteproxecto de prescricións técnicas. Unha vez rematados estes trámites, nun prazo de cinco meses, a Xunta iniciará o proceso de licitación do hospital.

O mandatario galego resaltou que o futuro hospital será “o dobre de grande” que o actual e conterá “máis tecnoloxía diagnóstica, máis tecnoloxía terapéutica e será máis humanizado porque o 65% das habitacións serán individuais”. “Será o novo hospital público de Pontevedra para os próximos 50 anos”, enfatizou Feijóo, quen engadiu que “isto, en época de escaseza económica ten un plus: o plus de compromiso inequívoco coa sanidade pública en Galicia e coas infraestruturas hospitalarias novas”. Así mesmo lembrou o compromiso de que “o 50% das camas do Servizo Galego de Saúde sexan novas e, polo tanto, será o maior investimento do SERGAS dende a transferencia do INSALUD a Galicia a finais do ano 90”.

Este compromiso queda reflectido noutras actuacións no eido das infraestruturas sanitarias como son a inminente adxudicación do plan director do Complexo Hospitalario da Coruña, as futuras obras en Ferrol, o estudo do plan director do hospital de Ourense, a adxudicación do futuro hospital de Vigo e a próxima licitación dun paquete de centros de saúde, entre outros.

Persoal emérito
Respecto ao nomeamento de persoal emérito no eido sanitario, Núñez Feijóo informou do procedemento segundo o cal o persoal facultativo que acadara un nivel de excelencia durante a súa carreira profesional, chegada a idade de xubilación, poida seguir vinculado ao Servizo Galego de Saúde a través de contratos ou a través de nomeamentos. A Xunta establece en seis o número máximo de persoal emérito que poderá ser nomeado no ámbito sanitario e a vixencia do contrato será dun ano. Ademais, regúlase a creación dunha comisión de valoración formada por cinco membros e que estará presidida polo catedrático de Oftalmoloxía da Universidade de Santiago, Manuel Sánchez Salorio.

Segundo resaltou o presidente, trátase de “distinguir aos profesionais médicos cunha traxectoria importante a favor dos servizos públicos sanitarios mantendo a súa vinculación activa nos centros sanitarios”. “Trátase de prestixiar a sanidade galega e de seguir contando con xente que deu prestixio e que pode seguir dando prestixio aos hospitais e ao Servizo Galego de Saúde na súa totalidade”, engadiu.


¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2012 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS