Martes, 7 septiembre 2010
Jueves, 29 julio 2010

O pleno da corporación eleva a defintiva a aprobación da ordenanza de promoción de condutas cívicas

Puntúa la entrada

LARACHA. Votaron a favor os grupos dos populares e dos socialistas. A postura do BNG foi en contra da ordenanza...

LARACHA. A nova ordenanza municipal sobre promoción de condutas cívicas e protección de espazos públicos entrará en vigor quince días despois da publicación nas próximas datas- no Boletín Oficial da Provincial (BOP) do acordo plenario alcanzado hoxe mércores 28 de xullo, no que foi elevada a aprobación do texto a definitiva cos votos a favor do grupo de goberno, do Partido Popular, e do PSOE. O grupo municipal do BNG votou en contra.

A inmensa maioría das cuestións que recolle o texto desta nova ordenanza xa están reguladas por outras administracións, pero non desde o Concello, polo que a posibilidade de actuación das forzas de seguridade municipais no caso de detectarse unha conduta considerada como incívica estaba limitada. A Policía Local terá, desde agora, unha maior capacidade legal para actuar ante situacións que incumpran a nova normativa, o que traerá consigo unha maior tranquilidade para todos os veciños do Concello da Laracha.

O Alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, salientou a importancia de que “o Concello teña a capacidade de intervir ante cuestións que son comentario xeneralizado dos veciños” xa que, precisamente, “houbo críticas da xente porque non se estaba intervindo”.

Rexeitamento ao Real Decreto do Carbón
Cos votos a favor do grupos do Partido Popular e dos nacionalistas e a abstención dos socialistas foi aprobada a declaración de rexeitamento ao Real Decreto que primará o uso do carbón nacional porque a súa entrada en vigor condenaría a boa parte do sector enerxético galego, especialmente á actividade das centrais de Meirama e das Pontes, poñendo en perigo a pervivencia de dous mil postos de traballo.

O Alcalde apuntou que esta é unha cuestión “de suma importancia para A Laracha” xa que a aplicación do Real Decreto levaría consigo “consecuencias negativas para moitos veciños do municipio” cuxo traballo depende “directa ou indirectamente da actividade na central de Meirama”.

Contratación de préstamo dun millón de euros
O Pleno da Corporación aprobou, coa abstención do grupo do BNG, as bases que rexerán a contratación dun préstamo dunha cantidade dun millón de euros que permitirá ao Concello da Laracha manter durante os próximos anos o actual nivel de investimentos en infraestruturas.

Tralo acordo plenario, ábrese agora o prazo ata o vindeiro día 13 de agosto para que as entidades financeiras con oficina no termo municipal da Laracha presenten as súas ofertas no Rexistro Central do Concello. O 17 de agosto a Mesa de Contratación reunirase para analizar todas as propostas e adxudicar a operación en base aos compoñentes de tipo variable ofertado: o prazo de referencia do Euribor e o diferencial ofrecido. O crédito amortizarase en oito anos cunha única cota anual.

O grupo de goberno do Concello da Laracha propuxo á Corporación acudir a unha operación de préstamo tendo en conta a que non será posible facelo en 2011 –posiblemente tampouco en 2012-, a diminución na participación nos tributos do Estado e tamén pola significativa baixada nos ingresos derivados dos impostos relacionados co sector da construción. Ademais, a boa capacidade económica do Concello permite acudir a unha operación de préstamo sen ningún tipo de riscos.

Conta Xeral do exercicio económico 2009
Trala aprobación da Conta Xeral do exercicio económico 2009, esta será remitida ao Consello de Contas para a súa aprobación definitiva.

Neste punto, José Manuel López Varela apuntou, como datos máis salientables, que o exercicio pechouse en 12.416.000 euros cando os orzamentos iniciais se situaban lixeiramente por riba dos sete millóns. Quixo destacar, ademais, que se dedicou o 55% desta cantidade ao apartado de investimentos reais, isto é, uns 6.830.000 euros.

Modificación do Plan Xeral en Caión
A modificación puntual número 2 do Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobada coa abstención do BNG, suporá a cualificación como “sistema xeral paseo marítimo” dos terreos precisos para posibilitar a ampliación da senda peonil desde a zona da praia de Caión ata o límite co municipio de Carballo.

Desde o Concello da Laracha danse os primeiros pasos administrativos para dispoñer dos terreos precisos para poder realizar, nun futuro, unha actuación que complementaría á que se está tramitando actualmente e que consiste na ampliación do paseo marítimo desde a praia de Caión –onde remata actualmente- noutros 800 metros dirección Carballo –ata onde permite a cualificación urbanística do PXOM- a carón da coñecida como pista do Saldoiro.

A tramitación para esta obra de ampliación do paseo marítimo en 800 metros máis xa está moi avanzada e o Alcalde apuntou que se investirán na mesma entre un millón e medio e dous millóns de euros.

Participación no Plan Provincial de Travesías
O trámite do acordo plenario alcanzado nesta sesión ordinaria permitiu finalizar definitivamente a tramitación precisa que permitirá executar o proxecto de mellora de seguridade viaria na estrada CP-0513, a que une o casco urbano de Paiosaco coa Cachada e é a principal vía de acceso desde esa zona cara a parroquia de Caión.

Esta obra completará á xa realizada anteriormente a través da que se construíron beirarrúas e se ampliou o ancho da calzada nunha distancia de máis de mil metros, precisamente desde o casco urbano de Paiosaco ata o límite co municipio de Arteixo no lugar da Cachada.

Para a realización desta obra o Concello e a inmensa maioría dos propietarios das parcelas afectadas chegaron a un acordo amigable para a cesión dos terreos, actitude que desde o propio Concello queremos agradecer publicamente porque facilitou notablemente toda a tramitación previa precisa para desenvolver a obra. Sen embargo, non foi posible adquirir dese xeito dúas parcelas situadas no lugar da Torre duns 500 metros cadrados de superficie total, polo que foi preciso realizar un proceso de expropiación xa concluído. Os terreos, agora de titularidade pública, xa foron postos a disposición da Deputación da Coruña.

O Concello da Laracha foi o encargo de expropiar os terreos, de redactar este segundo proxecto para completar a travesía e de solicitar a súa execución á Deputación da Coruña, que financiará integramente a actuación.

O proxecto está valorado nuns 250.000 euros e contempla a ampliación do ancho da vía e construción de 150 metros lineais de beirarrúas no tramo da Torre para completar o servizo aos peóns ininterrompidamente desde A Cachada ata Paiosaco. Ademais toda a lonxitude da vía, uns 1.000 metros, serán pavimentados con aglomerado asfáltico para mellorar a capa de rodadura, serán instalados novos puntos de iluminación pública en báculos ao longo de toda a travesía e procederase a realizar a sinalización horizontal e vertical.

Desde o Concello agárdase que a Deputación Provincial da Coruña inicie o antes posible a licitación destas obras.

Posta a disposición de Portos de Galicia dos terreos da zona da Ribeira
A Corporación Municipal acordou poñer a disposición de Portos de Galicia -para o seu acondicionamento e posta en valor- os terreos da área de descanso situada na zona de Caión coñecida como A Ribeira, isto é, a área de descanso situada á dereita da estrada xunto á baixada principal cara o porto desde a praza Eduardo Vila Fano.

A obra iniciarase unha vez rematadas as Festas dos Milagres, a mediados do mes de setembro, para non entorpecer o desenvolvemento das celebracións na zona turística máis importante do Concello da Laracha.

Festivos Locais 2011
Como é tradicional no Concello da Laracha, quedaron fixados como festivos locais para o ano 2011 o Martes de Entroido (8 de marzo) e o día da Romaría dos Milagres de Caión (8 de setembro).

http://www.construccionescancela.com
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2009 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS