ABEGONDO. As novas prazas, en torno a 60, repartiranse en catro unidades, unha de 0 a 1 anos, outra de 1 a 2 anos e dous de 2 a 3 anos...
ABEGONDO. A Consellería de Traballo e Benestar ampliará a oferta para 0-3 anos no Concello de Abegondo. Farao a través da reforma do edificio anexo ao actual Punto de Atención á Infancia (PAI), instalacións nas que creará un total de catro novas unidades que poderán contar cun máximo de 61 prazas, atendendo a normativa que rexe estes centros.
Así o anunciou onte a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, nunha visita que realizou ao concello de Abegondo, onde foi recibida polo alcalde da localidade, José Antonio Santiso Miramontes, con que visitou o edificio no que se van albergar as novas prazas de educación infantil.
En concreto, a conselleira explicou que este proxecto no que se comezará a traballar de xeito inminente conlevará un investimento de preto de 300.000 euros. “A actuación permitirá non só aumentar as prazas de escolas infantís, senón que tamén se dotará de maior calidade e comodidade aos usuarios do centro”, apuntou Mato. As novas instalacións terán unha unidade de 0 a 1 ano, outra de 1 a 2 anos e dúas máis de 2 a 3 anos.
Ao respecto, destacou que un dos obxectivos prioritarios da Xunta é apostar pola atención á infancia explicando que “no caso das escolas infantís, a súa mellora incide especialmente no benestar das familias, xa que a través deste servizo obteñen un apoio moi importante para alcanzar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral”.
Por iso, resaltou que a posta en marcha de novas prazas en escolas infantís é unha das “actuacións preferentes” no Plan de Actuación Social 2010-2013, que establece un incremento de 4.500 prazas en toda esta lexislatura.