Colocáronse en total 575 unidades. Mellórase a comodidade dos espectadores que acoden aos eventos que se celebran en ambas instalacións...
O Concello da Laracha completou a instalación de asentos de plástico nas bancadas cubertas dos campos de fútbol municipais da Laracha e A Porta Santa de Paiosaco.
Foron colocadas en total 575 unidades, das cales 325 se instalaron no Municipal da Laracha –por contar cun maior aforo- e as outras 250 corresponderon ao campo de fútbol de Paiosaco.Deste xeito o Concello da Laracha mellora as condicións das gradas cubertas de ambas instalacións para unha maior comodidade dos espectadores que acoden ás mesmas para presenciar os encontros oficiais como locais dos tres clubs de fútbol federados que existen no municipio -Laracha C.F., que milita na Terceira División, e U.D. Paiosaco e Club do Mar de Caión, ambos no grupo 1 da Primeira Autonómica-, así como das súas categorías inferiores.
Nestes campos de fútbol tamén se desenvolven torneos e actividades organizadas polo propio Concello da Laracha especialmente durante o verán, tales como o campus de fútbol, o Campionato Municipal de Peñas, o torneo de fútbol-7 para equipos de base, o torneo de San Isidro de benxamíns e o trofeo Concello da Laracha que se disputa durante as Festas Patronais da capital municipal.